DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 10 de febreiro do 2016

O campus acollerá un curso sobre a xestión da empresa familiar

As claves para facer que familia e negocios sexan unha boa combinación

Entre os temas a tratar estarán os problemas do relevo xeracional neste tipo de entidades


ImageBoa parte do alumnado que cada curso remata os seus estudos na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense traballará nunha empresa familiar. Non en van este tipo de entidades representan arredor do 80% do tecido empresarial de España, o 65% do Produto Interior Bruto e o 70% do emprego privado. Co obxectivo de que os estudantes se comecen a familiarizar con estas estrutura organizativas e coas claves do seu goberno e sucesión, o centro acollerá do 16 de febreiro ao 3 de marzo un curso organizado pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo.

Rosa Tedín | Ourense
Boa parte do alumnado que cada curso remata os seus estudos na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense traballará nunha empresa familiar. Non en van este tipo de entidades representan arredor do 80% do tecido empresarial de España, o 65% do Produto Interior Bruto e o 70% do emprego privado. Co obxectivo de que os estudantes se comecen a familiarizar con estas estrutura organizativas e coas claves do seu goberno e sucesión, o centro acollerá do 16 de febreiro ao 3 de marzo un curso organizado pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo.

A formación, que leva por título Empresa familiar: goberno e sucesión e que terá unha duración de 30 horas, está dirixido por Elena Rivo, docente e decana da Facultade de Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá. “Este curso pretende ensinar aos alumnos e alumnas a maneira correcta de xestionar unha estrutura organizativa diferente como é o caso da empresa familiar, xa que poderán traballar nunha destas empresas con moita probabilidade”, apunta a súa responsable. De modo específico, indica, “tratarase un tema de relevancia como é o problema do relevo xeracional que provoca a desaparición de moitas destas empresas”. Deste xeito, durante as sesións, as persoas matriculadas coñecerán os instrumentos que poden axudar a superar con éxito o relevo xeracional, concretamente os chamados protocolos familiares. Ademais, achegaranse á temática fiscal específica para este tipo de empresas.

Empresa familiar non é sinónimo de Peme

Con esta actividade formativa, que dá continuidade ás celebradas anteriormente no marco da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, os seus promotores queren amosar ao alumnado a importancia da empresa familiar na economía rexional, estatal e mundial. “É importante facer fincapé en que a empresa familiar non é sinónimo de pequena ou mediana empresa, xa que aínda que a maioría son efectivamente Pemes tamén existen grandes empresas familiares”, recalca Elena Rivo.

Para acadar estes obxectivos, o curso combina unha parte máis teórica e expositiva cunha parte máis práctica e demostrativa, con visitas a varias empresas familiares destacadas da contorna. Deste xeito, o programa comezará abordando da man da propia Elena Rivo as nocións básicas de empresa familiar, o seu liderado e goberno, a súa sucesión e a transición xeracional e o chamado protocolo familiar. Para completar esta visión teórica, o tamén docente do centro Alberto Vaquero será o encargado de explicar ás persoas inscritas o réxime tributario da empresa familiar, os beneficios fiscais no imposto sobre o patrimonio, a transmisión da empresa familiar, as consecuencias tributarias das operacións de reorganización empresarial e o holding da empresa familiar. O contacto coa realidade deste tipo de entidades chegará coas visitas que o alumnado realizará a Pérez Rumbao e a Aceites Abril, onde coñecerán de primeira man aspectos concretos sobre a xestión, os órganos de goberno, a resolución de casos, a sucesión e o protocolo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós