DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 11 de febreiro do 2016

Trátase dunha iniciativa da Facultade de Dereito ourensá

'Redas' preséntase como a primeira publicación xurídica española especializada en auga e medio ambiente

O seu obxectivo é ser un foro de análise para expertos tanto do eido académico como profesional


ImageA primeira publicación xurídica española especializada en auga e medio ambiente. Deste xeito presentouse este xoves no campus de Ourense a Revista de Agua, Derecho y Sostenibilidad-Redas e o seu número cero. A publicación, de carácter electrónico e xestionada desde a Facultade de Dereito, nace no contexto académico do Campus da Auga e co obxectivo de ir máis alá dunha revista e converterse nun foro para o intercambio de experiencias e coñecemento xurídicos e de xestión entre profesionais especializados en recursos hídricos, medio ambiente e desenvolvemento sustentable.

Rosa Tedín | Ourense
A primeira publicación xurídica española especializada en auga e medio ambiente. Deste xeito presentouse este xoves no campus de Ourense a Revista de Agua, Derecho y Sostenibilidad-Redas e o seu número cero. A publicación, de carácter electrónico e xestionada desde a Facultade de Dereito, nace no contexto académico do Campus da Auga e co obxectivo de ir máis alá dunha revista e converterse nun foro para o intercambio de experiencias e coñecemento xurídicos e de xestión entre profesionais especializados en recursos hídricos, medio ambiente e desenvolvemento sustentable.

Redas, recalcou Roberto Bustillo, o seu director e docente da Facultade de Dereito, créase no campus de Ourense froito “do intenso compromiso do noso centro co proxecto de especialización do Campus da Auga”. Desta iniciativa, a decana da facultade, Marta Fernández, subliñou na súa presentación o seu carácter “pioneiro”. Trátase, recalcou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense “dunha revista útil, onde se combinan perfectamente o mundo académico e profesional” destinada a “diagnosticar problemas da realidade da auga e propor solucións, dar ás autoridades ferramentas para a toma de decisións”. “Estamos seguros de que a revista vai ser un foro de debate no que van poder interactuar especialistas xurídicos, compartir ideas, fixar posicións, resolver dúbidas”, engadiu Francisco Marín Muñoz, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, entidade patrocinadora da revista xunto ao Grupo Coren e Augas de Galicia.

Ofrecer contidos especializados con rigor

Segundo explicou Laura Movilla, secretaria académica da revista e investigadora posdoutoral da Universidade de Vigo, cada número de Redas estrutúrase en cinco seccións. As dúas primeiras, dedicadas a España e á UE, conteñen traballos doutrinais que deben previamente superar con éxito un proceso de revisión cega por pares. Séguelle unha sección de documentación administrativa xurisprudencial onde se recollen e comentan brevemente resolucións ou informes administrativos, sentencias xudiciais, laudos arbitrais e outros documentos de interese. Por último, a publicación contén un apartado que informa de acontecementos relevantes no eido de interese e outro apartado destinado a recensións de monografías, manuais e outros textos bibliográficos.

Deste xeito, no número cero da publicación inclúese un estudo do profesor da Universidade de Vigo Manuel Antonio Crespo no que analiza o informe que deben emitir as confederacións hidrográficas con carácter previo á aprobación de plans urbanísticos e outro de Rafael A. Velázquez sobre os investimentos estranxeiros, o desenvolvemento sustentable e o dereito humano á auga. Entre a documentación analizada neste primeiro número están o pacto local como instrumento para buscar a sustentabilidade económica, técnica e institucional do ciclo da auga a nivel autonómico; a sucesión no tempo dos plans hidrolóxicos e os seus efectos sobre os expedientes en curso e os retrasos na aprobación dun plan urbanístico e a avaliación ambiental estratéxica. Entre as crónicas incluídas están a da celebración do XVth World Water Congress, que tivo lugar en Edimburgo en maio de 2015.

“Este convencionalmente denominado número cero amosa o que desde o consello de redacción queremos que sexa esta iniciativa académica agora e no futuro: unha publicación predominantemente sobre auga pero tamén sobre medio ambiente e sustentabilidade, con achegas procedentes do mundo académico e do profesional; dotada dunha impronta multidisciplinar aberta a todos os ámbitos do mundo xurídico e que, xestionada cun necesariamente ríxido criterio de selección, sexa capaz de ofrecer a lectores esixentes e especializados contidos de calidade, fiables, útiles e interesantes”, recalcan na editorial da revista os seus promotores.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós