DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Venres, 19 de febreiro do 2016

O profesor Rafael Vallejo é o director dun proxecto que nace ao abeiro dun estudo a nivel nacional

Saber universitario para elaborar o primeiro rexistro sobre a historia do turismo en Galicia

Con este traballo identificarase o modelo turístico galego e revalorizarase a imaxe exterior da comunidade


ImageNos últimos anos, España pasou de ser un dos países máis atrasados en turismo internacional durante o primeiro terzo do século XX a converterse nunha potencia de primeiro orde durante a súa segunda metade. A aparición dun novo paradigma turístico baseado en sol e praia xunto co forte crecemento das economías dos países de Europa occidental e a mediterraneización do turismo mundial desde 1950 fixo que o país avanzara a pasos axigantados neste eido. Non obstante, as diferenzas rexionais entre as distintas comunidades españolas fixo que zonas como Galicia quedaran relegadas en favor doutras nas que este modelo encaixaba mellor, como Baleares ou Canarias. Agora o profesor da Universidade de Vigo Rafael Vallejo dirixirá un proxecto para elaborar a primeira historia do turismo na comunidade galega, unha investigación que nace ao abeiro doutra iniciativa máis ambiciosa a nivel nacional coordinada polo grupo Turhis e que analizará a Historia do Turismo en España durante o século XX.

Duvi | Vigo
Nos últimos anos, España pasou de ser un dos países máis atrasados en turismo internacional durante o primeiro terzo do século XX a converterse nunha potencia de primeiro orde durante a súa segunda metade. A aparición dun novo paradigma turístico baseado en sol e praia xunto co forte crecemento das economías dos países de Europa occidental e a mediterraneización do turismo mundial desde 1950 fixo que o país avanzara a pasos axigantados neste eido. Non obstante, as diferenzas rexionais entre as distintas comunidades españolas fixo que zonas como Galicia quedaran relegadas en favor doutras nas que este modelo encaixaba mellor, como Baleares ou Canarias. Agora o profesor da Universidade de Vigo Rafael Vallejo dirixirá un proxecto para elaborar a primeira historia do turismo na comunidade galega, unha investigación que nace ao abeiro doutra iniciativa máis ambiciosa a nivel nacional coordinada polo grupo Turhis e que analizará a Historia do Turismo en España durante o século XX.

Representante das modalidades turísticas de España

A través deste “proxecto coordinado pero independente” tratarase de crear un rexistro que permita valorar a importancia socioeconómica do turismo na comunidade galega ao longo do tempo, ata o de agora inexistente, e de definir as principais etapas, os seus axentes tanto pola parte da oferta como da demanda e os desenvolvementos sectoriais que acontecen en cada unha destas fases. Galicia serve deste xeito como representante das modalidades turísticas da España máis setentrional de finais do século XIX e de todo o s. XX e, coa investigación paralela, tratará de achegar un valor engadido ao proxecto de ámbito nacional do grupo de investigación en Historia do Turismo.

Con este traballo búscase ademais identificar o modelo turístico galego, os seus trazos e peculiaridades en cada etapa e poñelo en relación co turismo nacional, xa que as investigacións levadas a cabo ata o de agora “renuncian con demasiada frecuencia á análise do caso galego, ao non encaixar no modelo de sol e praia predominante na segunda metade do século XX”. “A visión histórica de Galicia como unha economía de base agraria, relativamente atrasada, con escaso empuxe urbano e deficientes comunicacións tampouco axudou moito ao estímulo para abordar a análise da actividade turística na comunidade, xa que soen asociarse a economías moi diferentes e localizadas noutras latitudes peninsulares”, explica Vallejo.

Xunto con estes dous obxectivos, a investigación coordinada co investigador Carlos Larrinaga, responsable do proxecto xeral, persegue tamén valorar a proxección e a imaxe exterior de Galicia a través do seu turismo e o papel que desempeñaron algúns recursos históricos e culturais como o fenómeno do Xacobeo, as peregrinacións a Santiago de Compostela e a súa riqueza artística e arquitectónica; a calidade dos recursos naturais e culturais, como a paisaxe ou as augas minerais; ou a sostibilidade e valor engadido que achegan equipamentos turísticos como os grandes balnearios.

O espertar turístico de Galicia

Todas estas constantes históricas reflectidas en guías de referencia como a fermosura das súas paisaxes, os seus monumentos, as cidades portuarias e industriais, as praias, o bo comer e os recursos termais, espazos onde saúde e ocio danse a man, seguen a competir coa imaxe de Galicia como un territorio afastado, malia a indubidable mellora das comunicacións e o acurtamento dos tempos de transporte. “Ata non hai moitos anos, nas últimas décadas do século XX, a distancia física asociada a uns medios de transporte lentos ou deficientes era un factor que desanimaba a viaxar a Galicia”, salienta Vallejo, quen como estudante na Universidade Autónoma de Madrid nos anos 80 escoitaba esta queixa de boa parte dos seus compañeiros cando os animaba a visitar a comunidade.

Non é ata a segunda metade do século XIX cando Galicia comeza a espertar ao turismo. Faino a través da práctica do denominado “baño de onda” nas praias de Vilagarcía, A Coruña ou Vigo e da creación dos primeiros balnearios modernos. Trátase dun turismo “aínda minoritario, elitista, que funciona en enclaves concretos” pero que dá paso a empresarios que ven no turismo unha actividade con posibilidades. “A revolución da mobilidade cos trens, os vapores trasatlánticos e os primeiros coches denominados turismo amplían as posibilidades de viaxar”, explica Vallejo. Chegada a primeira década do século XX por primeira vez unha agrupación política inclúe o turismo no seu programa ao mesmo tempo que nace en Vigo a Asociación para o Fomento do Turismo en Galicia, que en 1910 acaba levando a Londres unha campaña de promoción turística da comunidade galega como destino turístico vacacional.

“Pero unha cousa é o espertar e outra que o turismo se converta en Galicia nunha parte significativa da estrutura económica do país”, asegura Vallejo, xa que para iso “requírense investimentos, a creación dunha ampla e reputada infraestrutura de aloxamento e transporte e unha mesta rede de empresas e empresarios. E ese mesmo espertar reflíctese “na paisaxe, no urbanismo” que se nota en enclaves turísticos como Mondariz-Balneario, que en 1928 ofertaba xa 697 habitacións de hotel, incluídas as 250 do balneario, e 135 en hospederías. Porén, no conxunto de España, o salto turístico de Galicia prodúcese na década de 1980 xa que “é a partir de 1986-1987 cando o PIB turístico e o emprego turístico superan en Galicia o 4-5% do total español, cando a media en España era do 5,8-6,1%”.

Un equipo multidisciplinar

Para conseguir estes obxectivos, Vallejo contará coa colaboración dun equipo interdisciplinar cunha sólida bagaxe ás súas costas nesta temática: por unha banda, as profesoras da Universidade de A Coruña Elvira Lindoso e Margarita Vilar, especialistas en Historia económica; e, pola outra, a da profesora de Literatura e Historia cultural e de xénero da Universidade de Warwick, no Reino Unido, Kirsty Hooper. Con este proxecto, que conta cun financiamento de 22.000 euros por parte do Ministerio de Economía e Competitividade (Mineco), o equipo tentará “sentar unhas bases moi firmes que sirvan a outros investigadores españois e estranxeiros” para futuros traballos xa que “en Galicia o turismo tamén ten unha dimensión internacional na que cremos que é ineludible ter en conta a súa historia”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós