DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Xoves, 18 de febreiro do 2016

En pleno proceso de reforma, foi convidado ao debate como experto académico

Xavier Labandeira intervén nunha audiencia do Parlamento Europeo sobre o sistema de intercambio de emisións

O catedrático vigués defendeu as bondades do modelo actual, se ben recomendou unha posta a punto


ImageO catedrático vigués Xavier Labandeira participou este xoves en Bruxelas nunha audiencia do Parlamento Europeo na que se analizou a proposta lexislativa da Comisión Europea –presentada o pasado mes de xullo- para revisar o actual sistema de comercio de emisións para o período posterior a 2020, a gran pedra angular das políticas climáticas da Unión Europa. O obxectivo: que os parlamentarios e parlamentarias puideran escoitar a opinión sobre a reforma de expertos de distintos eidos e poder discutilas cos membros da Comisión de Medio Ambiente. O programa arrancou en 10.30 horas coa benvida do comisario de Acción polo Clima e Enerxía.

D. Besadío | Vigo
O catedrático vigués Xavier Labandeira participou este xoves en Bruxelas nunha audiencia do Parlamento Europeo na que se analizou a proposta lexislativa da Comisión Europea –presentada o pasado mes de xullo- para revisar o actual sistema de comercio de emisións para o período posterior a 2020, a gran pedra angular das políticas climáticas da Unión Europa. O obxectivo: que os parlamentarios e parlamentarias puideran escoitar a opinión sobre a reforma de expertos de distintos eidos e poder discutilas cos membros da Comisión de Medio Ambiente. O programa arrancou en 10.30 horas coa benvida do comisario de Acción polo Clima e Enerxía, o tamén español Miguel Arias Cañete, e a continuación tivo lugar a intervención dos especialistas, o primeiro Xavier Labandeira, que foi o persoeiro elixido para proporcionar unha perspectiva académica.

Esta reforma é o primeiro paso no cumprimento da meta da UE para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro en, ao menos, un 40% a nivel nacional para o ano 2030, de acordo co marco de política climática e enerxética e como parte da súa contribución ao novo acordo climático global.

Un modelo sofisticado, prototipo para o resto do mundo

Labandeira, que na actualidade exerce tamén como docente e investigador da Universidade Europea de Florencia, iniciou a súa intervención cunha breve reflexión sobre as principais razóns económicas e ambientais do sistema de comercio de emisións, ao que lle seguiu un resumo das evidencias empíricas académicas existentes -tras dez anos de funcionamento do actual sistema-, para rematar cunha serie de recomendacións de cara o futuro, pero defendendo sempre que o actual modelo europeo como un instrumento sofisticado, de amplo respaldo académico, que podería ser visto como un prototipo para o resto do mundo.

“Eu penso que o modelo actual está ben. Academicamente é moi sólido e a evidencia empírica é relativamente positiva, aínda que é preocupante o baixo nivel de prezos que temos e o ideal a conseguir coa reforma sería manter as propiedades fundamentais do sistema, sobre todo no que se refire a custe e efectividade”, recalcou o investigador, quen noutra ocasión asistira xa en Madrid ao Congreso como membro dun comité de expertos sobre cambio climático.

Obxectivos: reducir emisións e protexer a industria

A xuízo do catedrático vigués a proposta de reforma da Comisión Europea , ten, “basicamente”, moito que ver con dúas cousas: dunha banda, a redución de emisións para cumprir cos obxectivos para 2030 e, da outra, a protección da industria europea de posibles efectos negativos sobre a competitividade, é dicir, “se ti tes un sistema cada vez máis estrito e no resto do mundo aínda non hai políticas climáticas debes contar cun sistema compensatorio, por así dicilo, e isto tamén se ten en conta na proposta”. Precisamente con respecto á competitividade, Labandeira fixo especial fincapé na necesidade de “estar atentos e contar con sistemas que poidan protexer a industria europea se isto é necesario”.

Tras a súa intervención, moitas das preguntas dos parlamentarios e parlamentarias fixeron referencia aos principais efectos da reforma sobre temas de competitividade, sobre todo en cuestión de emprego; e tamén sobre a necesidade de seguir axustando de cara ao futuro, “pensando en facelo equiparable ao que se acordou París”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós