DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 22 de febreiro do 2016

Eric Ray falou este luns no campus sobre os últimos avances en investigación atmosférica

Botando un ollo por riba dos 15 quilómetros de altitude

O experto explicou o seu traballo no Earth System Research Laboratory de Estados Unidos


ImageA National Oceanic and Atmospheric Administration (NOAA) é a entidade gobernamental que nos Estados Unidos se encarga de estudar todo o que ten que ver cos océanos e a atmosfera. Entre os seus centros está o Earth System Research Laboratory, creado para avanzar na comprensión do sistema terrestre co obxectivo de predicir mellor o seu comportamento, desde o local ao global e por períodos desde os minutos ata os milenios. Este luns o campus de Ourense acolleu unha conferencia do doutor Eric Ray, que falou a alumnado e investigadores sobre o traballo que realiza nesta entidade e dalgúns dos últimos proxectos levados a cabo para coñecer mellor a atmosfera.

Rosa Tedín | Ourense
A National Oceanic and Atmospheric Administration (NOAA) é a entidade gobernamental que nos Estados Unidos se encarga de estudar todo o que ten que ver cos océanos e a atmosfera. Entre os seus centros está o Earth System Research Laboratory, creado para avanzar na comprensión do sistema terrestre co obxectivo de predicir mellor o seu comportamento, desde o local ao global e por períodos de tempo desde minutos a milenios. Este luns o campus de Ourense acolleu unha conferencia do doutor Eric Ray, que falou a alumnado e investigadores sobre o traballo que realiza nesta entidade e dalgúns dos últimos proxectos levados a cabo para coñecer mellor a atmosfera.

A conferencia de Eric Ray foi organizada polo grupo de investigación da Universidade de Vigo EPhysLab Environmental Physics Laboratory. A orixe desta visita, explicou Ray, é o contacto científico que mantén con Mohamadou Diallo, investigador posdoutoral de EPhysLab, e a súa estadía no continente europeo, concretamente en Alemaña, por temas científicos. O seu paso polo campus, explicou Juan Antonio Añel, investigador do grupo ourensán, é unha oportunidade para o intercambio de coñecementos e o establecemento de relacións nunha área na que o grupo de investigación da Universidade de Vigo traballa intensamente.

Tecnoloxía e coñecemento

Durante a súa conferencia na Facultade de Ciencias, á que asistiron unha vintena de persoas, Eric Ray explicou a estrutura da NOAA e concretamente as características do seu laboratorio, no que traballan arredor de 700 persoas. O Earth System Research Laboratory, indicou, dedícase á observación e estudo “da meteoroloxía, o clima, a química e a polución na estratosfera”, capa que se estende a partir dos 10 ou 15 quilómetros de altitude. Durante a intervención detallou o traballo que realizan, a súa utilidade e a tecnoloxía que empregan.

Entre os proxectos presentados polo doutor destacou o Ligthtweight Airborne Chromatograh Experiment, un medidor da cantidade de especies químicas, ata dez, presentes na estratosfera, unha das capas máis importantes da atmosfera. Trátase, explicou, dun indicar do movemento do aire que entre outras cuestións permite validar modelos de medición climáticos. No eido tecnolóxico tamén falou das medicións atmosféricas con global hawks, vehículos aéreo non tripulado coñecidos polo seu emprego pola forza aérea dos Estados Unidos como aeronave de vixilancia aérea. Outra da investigacións referenciadas por Eric Ray durante a súa visita é a que permitiu a validación dos CFC, os clorofluorocarbonos, os gases que provocaron o burato de ozono sobre a Antártida. Por último, un dos últimos traballos realizados por este científico apunta a que os modelos idealizados de transporte atmosférico son capaces de dar resultados suficientemente bos sobre o transporte atmosférico en comparación cos modelos máis complexos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós