DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 24 de febreiro do 2016

Mª Jesús I. Briones participa nun traballo internacional que cartografía a diversidade destes invertebrados

As miñocas xa teñen o seu primeiro mapa a grande escala en Europa

Analizáronse máis de 3800 localizacións de oito países europeos, entre eles España


Image Charles Darwin considerábaas “os arados do solo”. As miñocas son un dos grupos de invertebrados máis importantes nos sistemas edáficos, cuxa diversidade é clave para o funcionamento dos ecosistemas. A necesidade de coñecer os patróns espaciais das miñocas, así como os factores que condicionan a súa presenza, abundancia e diversidade e así contribuír ás avaliacións internacionais e ás políticas de conservación, levou a finais do ano 2014 a un grupo de investigadores e investigadoras, reunidos na First Global Soil Biodiversity Conference, a poñer en marcha un proxecto de recompilación de información das súas comunidades.

Duvi | Vigo
Charles Darwin considerábaas “os arados do solo”. As miñocas son un dos grupos de invertebrados máis importantes nos sistemas edáficos, cuxa diversidade é clave para o funcionamento dos ecosistemas. A necesidade de coñecer os patróns espaciais das miñocas, así como os factores que condicionan a súa presenza, abundancia e diversidade e así contribuír ás avaliacións internacionais e ás políticas de conservación, levou a finais do ano 2014 a un grupo de investigadores e investigadoras, reunidos en Dijon no congreso First Global Soil Biodiversity Conference, a poñer en marcha un proxecto de recompilación de información das súas comunidades. A catedrática da Universidade de Vigo María JesúsIglesias Briones é unha das investigadoras das 17 institucións europeas que participan no estudo que por primeira vez recolle a biodiversidade dun dos grupos de invertebrados terrestres con maior impacto sobre os solos. “Este mapa achega abundancias totais de miñocas, riqueza específica, índice de diversidade de Shannon e no material suplementario distribucións de dúas especies cosmopolitas Aporrectodea caliginosa e Lumbricus terrestris”, explica a investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal.

Xunto á Universidade de Vigo participan no traballo, que vén de ser publicado na revista Applied Soil Ecology, a Universidad Complutense de Madrid; National Institute for Public Health and the Environment (RIVM), de Holanda; Joint Research Centre (JRC), Italia; University of Parma, Italia; ECT Oekotoxikologie GmbH, Flörsheim am Main, Alemaña; Centre for Ecology and Hydrology (CEH) , Reino Unido; The James Hutton Institute, Reino Unido; University College Dublin, Belfield, Irlanda; Agri-Food and Biosciences Institute, Newforge Lane, Reino Unido; Blackshaw Research & Consultancy, Parade, Chudleigh, Reino Unido: Agrocampus Ouest, Francia; University of Rennes, Francia; University of Coimbra, Portugal; University of Ljubljana, Slovenia; Aarhus University, Dinamarca e Alterra, Wageningen UR, Holanda.

Máis de 3800 rexistros de miñocas analizados

Para a elaboración deste primeiro mapa a gran escala en Europa da abundancia e diversidade destes invertebrados o equipo de investigación analizou os rexistros de miñocas de 3838 localizacións de oito países europeos, cuxos resultados foron modelizados para ser extrapolables ao resto do continente, algo que no é posible facer fóra de Europa ao dispoñerse de poucos datos de propiedades de solos a nivel cuantitativo como para poder facer estimacións fiables. Francia, Irlanda e Alemaña son os países que mellor recolleron a biodiversidade das miñocas, de feito só no país galo extraéronse datos de 1423 localizacións. Unha situación que contrasta coa de España, da que se inclúen 63 localizacións de catro provincias do noroeste, concretamente Asturias, León, Zamora e Salamanca. “A razón desta escasa presenza de datos é porque a maioría deles están sen dixitalizar, en teses, tesinas e informes en papel e tamén porque só se realizaron mostraxes nun terzo do país, porque non se financia este tipo de estudos”, lamenta María Jesús Iglesias Briones, que asegura que “estaría ben poder dedicar esforzos a explorar máis territorios, pero sen financiamento é imposible”.

Para a catedrática da Universidade de Vigo é urxente reunir máis datos para poder validar o que na actualidade teñen e con este obxectivo está a supervisar un proxecto para recompilar máis información, dixitalizando os datos existentes sobre Galicia, para completar así o noroeste peninsular. “De momento a base de datos non está aberta, os mapas do artigo son a única información pública dispoñible. A idea é ampliala e para iso estamos tratando de dixitalizar os datos que temos en papel nas distintas institucións”, explica Iglesias Briones, que agarda que con estudos coma este se poña en valor a importancia de coñecer a diversidade destes invertebrados fundamentais para o funcionamento dos solos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós