DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Xoves, 25 de febreiro do 2016

Investigadores da Universidade de Vigo achegan estratexias para acadar o obxectivo social

Reparto de custos, novos modelos organizativos e medidas de desigualdade para mellorar o deseño de políticas públicas

Mediante o uso de ferramentas como a teoría de xogos e a elección social


ImageComo repartir o custo da construción dunha infraestrutura entre varios axentes atendendo a uns principios de xustiza? Para alugar unha terra que ten varios propietarios, é mellor facer unha negociación conxunta con todos os donos ou ben facela por separado? Estes son dous exemplos de situacións ante as que as autoridades públicas, e mesmo privadas, deben tomar unha decisión, que caso de non ser a mellor pode derivar en resultados non de todo desexables. É entón cando a autoridade debe pensar no deseño de actuacións que permitan acadar o obxectivo social en termos de equidade, eficiencia ou benestar.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Como repartir o custo da construción dunha infraestrutura entre varios axentes atendendo a uns principios de xustiza? Para alugar unha terra que ten varios propietarios, é mellor facer unha negociación conxunta con todos os donos ou ben facela por separado? Estes son dous exemplos de situacións ante as que as autoridades públicas, e mesmo privadas, deben tomar unha decisión, que caso de non ser a mellor pode derivar en resultados non todo o desexables que cabería agardar. É entón cando a autoridade pública ou privada debe pensar no deseño de actuacións que permitan acadar o obxectivo social en termos de equidade, eficiencia ou benestar. “Dada a relevancia destas cuestións, o noso grupo estuda o reparto de custos e novos modelos organizativos porque este tipo de estudos permite ofrecer aos axentes estratexias coas que adoptar as mellores decisións posibles”, explica o catedrático do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo Gustavo Bergantiño, que xunto á tamén catedrática do Departamento de Economía Aplicada Olga Alonso Villar, e os investigadores e investigadoras Leticia Lorenzo Picado, María Gómez Rúa, Juan Vidal Puga e o estudante de doutoramento peruano Alfredo Valencia, desenvolve o proxecto Deseño de regras de reparto e medición das desigualdades laborais, ao abeiro do programa Retos da Sociedade 2014 do Ministerio de Economía y Competitividad.

Cunha achega próxima aos 51.000 euros, a investigación de Bergatiño e Alonso Villar tamén aborda as medidas de desigualdade laboral, fundamentalmente por dous motivos, “primeiro por que para poder valorar a gravidade da situación e, así poñer sobre a mesa a necesidade de levar a cabo políticas públicas, o primeiro paso é poder cuantificar o fenómeno e, en segundo lugar, desde un punto de vista científico, constatamos que ata o momento a literatura non dispón de indicadores que sexan quen de recoller as diferentes dimensións do fenómeno”, explica Alonso Villar.

A teoría de xogos, que estuda situacións nas que interveñen varios axentes e o resultado final depende das decisións dos axentes e a elección social, que estuda que decisión adoptar cando as preferencias dos axentes son heteroxéneas, son as disciplinas cuantitativas da economía, no primeiro caso, e das ciencias sociais en xeral e da economía en particular, no da elección social, que os investigadores empregarán para abordar as cuestións obxecto de estudo para o deseño de políticas públicas.

Na procura de decisións máis xustas e obxectivas

A normativa española que regula o reparto das perdas na rede de gas di que esta distribución segue os criterios de “cost reflection” e “non-discrimination” que aparecen na lexislación europea, non obstante, Bergatiño e Alonso Villar consideran que “esta valoración é subxectiva”, de aí que estuden medidas que permitan facer unha análise obxectiva deses criterios. “Por poñer un exemplo sinxelo, non é o mesmo dicir que os ingresos dunha familia son baixos, subxectivo, que dicir que están no 10% das familias con menos ingresos, obxectivo”, sinala o catedrático, en relación co traballo que están a realizar en relación co reparto de custos.

No caso dos novos modelos organizativos, o traballo, que se centrada no estudo das vantaxes e desvantaxes de diferentes marcos de negociación, “o que resulta de gran relevancia tanto dentro do ámbito do sector público como o privado”, explica o catedrático, analizará diversos marcos de negociación para a expropiación, en particular no caso de comunidades indíxenas de Sudamérica e o alugueiro de terras comunitarias propiedade do exército español. Así mesmo, os investigadores da Universidade de Vigo van considerar situacións nas que os axentes poder abandonar as negociacións e non seguir os acordos alí tomados.

En relación coa medición da desigualdade, Olga Alonso Villar explica que aínda que hai moitos estudos que, desde diferentes perspectivas, poñen enriba da mesa as disparidades laborais, ata o momento a cuantificación do fenómeno deixou fóra aspectos importantes do mesmo que este traballo de investigación quere abordar, poñendo indicadores capaces de recoller eses aspectos de forma axeitada. “É ben coñecido que o xénero e a raza son características dos individuos que favorecen ou dificultan as posicións dos mesmos dentro do mercado de traballo. Mulleres e homes con idéntico nivel educativo atópanse en diferentes posicións na escala social, estando as primeiras máis concentradas en traballos peor remunerados. Por outro lado, as persoas brancas gozan de privilexios laborais que outros grupos demográficos non teñen. É por isto que cuantificar o fenómeno desde o rigor académico permite evidenciar claramente a necesidade de que as autoridades públicas poñan en marcha programas cos que loitar por unha igualdade laboral real”, sinala a catedrática do Departamento de Economía Aplicada Olga Alonso Villar.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós