DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 26 de febreiro do 2016

Coa participación de Iria Fernández, investigadora da Universidade de Vigo

Un equipo internacional demostra a elevada sensibilidade das holoturias ou 'carallos de mar' á sobrepesca

O estudo, centrado na illa de Okinawa, acaba de ser publicado na revista Conservation Genetics


ImageA comunidade científica adoita referirse a elas como ‘as enxeñeiras dos ecosistemas’ xa que axudan a crear condicións de vida idóneas para outras especies. Son as holoturias ou 'carallos de mar', un grupo de organismos moi prezados tamén a nivel comercial, sobre todo en Asia, onde acostuman empregarse para medicina tradicional e onde poden acadar un elevado prezo de mercado. Con este contexto de fondo un equipo internacional, con participación dunha investigadora da Universidade de Vigo, puxo en marcha un estudo para afondar no coñecemento da súa bioloxía e investigar os posibles efectos da sobrepesca. Os resultados, publicados agora na revista Conservation Genetics, demostran precisamente a elevada sensibilidade desta especie á sobrexplotación pesqueira.

D. Besadío | Vigo
A comunidade científica adoita referirse a elas como ‘as enxeñeiras dos ecosistemas’ xa que axudan a crear condicións de vida idóneas para outras especies. Son as holoturias ou 'carallos de mar', un grupo de organismos moi prezados tamén a nivel comercial, sobre todo en Asia, onde acostuman empregarse para medicina tradicional e onde poden acadar un elevado prezo de mercado, o que provocou xa a extinción dalgunhas das especies de máis valor comercial en moitas zonas do Pacífico e que a explotación se estendera a outras rexións do mundo e a todas as especies. Con este contexto de fondo un equipo internacional, con participación dunha investigadora da Universidade de Vigo, puxo en marcha un estudo para afondar no coñecemento da súa bioloxía e investigar os posibles efectos da sobrepesca. Os resultados, publicados agora na revista Conservation Genetics, demostran precisamente a elevada sensibilidade desta especie á sobrexplotación pesqueira e que o baixo número de holoturias e a baixa diversidade xenética que sofren xa algunhas zonas son claramente indicativas dun posible efecto humano, consecuencia da sobrepesca, a industrialización ou ambas.

“O noso traballo centrouse na illa de Okinawa e nunha especie de interese comercial, Holothuria edulis, xeralmente moi abundante nos arrecifes de coral, baías e praias desta illa, situada entre Xapón e Taiwan”, explica Iria Fernández, a investigadora da Universidade de Vigo que asina o artigo, vinculada tamén profesionalmente á Academia das Ciencias de California a onde chegou hai case xa dous anos grazas ao programa europeo de formación de investigadores Marie Curie, tras realizar estancias en lugares como Hawai e Okinawa, onde coñeceu aos outros dous investigadores que asinan o artigo: Taha Soliman, do Okinawan Institute of Science and Technology, e James Reimer, profesor da Universidade dos Ryukyus, en Okinawa.

“Un estudo recente que examinou o valor de mercado de varias especies de holoturias amosou que as especies máis valiosas poden alcanzar prezos de ata 1500 euros por quilogramo en tendas de cidades como Hong Khong”, explica Fernández, ao que engade que “lamentablemente” a bioloxía destas especies fainas moi propicias á sobrepesca, pois son moi visibles, debido ao seu gran tamaño e ao feito de que non se moven nin se esconden e, xeralmente viven a pouca profundidade. “A unión de todos estes factores provoca que a explotación vaia cada vez a máis, tanto a nivel xeográfico como de especies a capturar”, recalca a investigadora, que fai fincapé na necesidade de afondar no coñecemento da capacidade de rexeneración que teñen as diferentes especies, “xa que isto determina a intensidade de pesca que se pode exercer para manter niveis sostibles”.

“Niveis medios de extracción poden levar ao colapso e extinción das poboacións”

O goberno de Okinawa decidiuse a regular a pesca dos 'carallos de mar', para o que precisa un maior coñecemento da bioloxía das distintas especies. Este estudo centrouse no caso concreto de Holothuria edulis porque é unha das que máis se está extraendo e, en consecuencia, que cada vez é menos abundante.

“O noso traballo analiza mostras de ADN e chega a dúas conclusións fundamentais”, explica Fernández. A primeira gran conclusión a que fai referencia a investigadora é que as diferentes poboacións de holoturias están xeneticamente moi illadas unhas das outras, o que as fai moi sensibles á sobrepesca. “En xeral as primeiras semanas de vida dos organismos mariños ten lugar en forma de larvas, que flotan e se moven coas correntes mariñas, ás veces centos ou miles de quilómetros, ata que se produce a metamorfose á forma de vida adulta e asentamento nun lugar específico, onde permanecen polo resto das súas vidas, algo similar ao que acontece coas sementes das árbores que se transportan co vento”, explica a investigadora, que apunta tamén que este elevado intercambio larval entre poboacións é o que permite que os diferentes organismos mariños resistan a pesca, pois si se extraen algúns adultos chegan novas larvas. Con todo, se se extrae mais do que chega, as poboacións diminúen.

A bioloxía dos distintos organismos fai que respondan de maneira diferente. “Se producen moitas larvas e existe moito intercambio larval as poboacións tenden a resistir maiores niveis de pesca, pero as especies que non producen moitas larvas ou cuxas larvas teñen unha capacidade de dispersión limitada, como sucede coas holoturias do noso estudo, son máis sensibles á sobrepesca, de tal maneira que niveis medios de extracción poden levar ao colapso e extinción das poboacións en pouco tempo”, recalca Fernández, ao tempo que lembra que estudos previos noutros lugares do mundo demostraran xa a súa limitada capacidade de dispersión, pero o illamento das poboacións en Okinawa é “realmente rechamante", dado o pequena que é a illa, e resalta a fraxilidade desta especie.

Efectos da calidade da auga

A segunda conclusión deste estudo é que as poboacións da baía de Kin, no leste de Okinawa, que é a costa mais industrializada e degradada da illa, teñen unha baixísima diversidade xenética, moito menor cas poboacións do oeste da illa, o que apunta cara a un posible impacto da sobrepesca e efecto do desenvolvemento costeiro. “Tamén observamos que no leste da illa H. edulis xa é pouco comun. O baixo numero de holoturias e a baixa diversidade xenética son indicativas dun posible efecto humano”, recalca Fernández, quen fai fincapé en que, aínda que é difícil poder establecer unha relación causa-efecto, o traballo indica a necesidade de estudar máis a fondo estes organismos, “e nós temos intención de expandir este traballo a outras especies e rexións. Así mesmo esperamos que o goberno de Okinawa teña en conta os nosos resultados para mellorar a xestión da pesca das holoturias”, recalca Fernández.

Explotación de holoturias en Galicia

Coñecedora de que en Galicia se lanzou recentemente un proxecto para a explotación de holoturias para fins comerciais, a investigadora galega ofrece a súa colaboración no estudo das poboación de holoturias en Galicia e no Atlántico NE de cara a promover a súa pesca sostible. “O noso traballo e outros similares demostran a fraxilidade destes organismos á sobrepesca, por iso é fundamental levar a cabo un bo monitoreo da pesca, que inclúa un bo coñecemento das especies existentes, o seguimento das capturas por especie e a comparación cos datos históricos”, explica a investigadora, que fai fincapé en que estudos de ADN como o agora publicado poden axudar en, cando menos, dous aspectos: caracterizar de maneira precisa a diversidade de holoturias existente e estudar a conectividade entre poboacións ou as perdas de diversidade xenética, “como fixemos en Okinawa”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós