DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Martes, 01 de marzo do 2016

O galardón recoñece a traxectoria dunha muller ou colectivo de mulleres da cidade

O Concello de Vigo outorga á catedrática Coral del Río o Premio Ernestina Otero

Destaca que a economía feminista sofre unha "dobre invisibilidade"


ImageCatedrática do Departamento de Economía Aplicada; editora asociada da revista Feminist Economics; integrante do Comité Científico da revista Hacienda Pública Española /Review of Public Economics; primeira directora da Unidade de Igualdade da Universidade. A ampla experiencia docente e investigadora e o seu compromiso na defensa da igualdade valéronlle á profesora Coral del Río ser elixida polo Consello Municipal da Muller de Vigo para o Premio Ernestina Otero 2016. A docente recibirá o galardón o vindeiro venres 11 de marzo, no marco dos actos que o Concello de Vigo organiza co gallo da celebración do Día Internacional das Mulleres.

Duvi | Vigo
Catedrática do Departamento de Economía Aplicada; editora asociada da revista Feminist Economics; integrante do Comité Científico da revista Hacienda Pública Española /Review of Public Economics; primeira directora da Unidade de Igualdade da Universidade. A ampla experiencia docente e investigadora e o seu compromiso na defensa da igualdade valéronlle á profesora Coral del Río ser elixida polo Consello Municipal da Muller de Vigo para o Premio Ernestina Otero 2016. A docente recibirá o galardón o vindeiro 11 de marzo, no marco dos actos que o Concello de Vigo organiza para celebrar o Día Internacional das Mulleres e acolle o nomeamento con “alegría e satisfacción porque é un recoñecemento dende o ámbito do feminismo e porque se produce na miña cidade, o que o fai especialmente entrañable”. Porén, destaca que o galardón é “unha responsabilidade de cara ao futuro, xa que saber que no Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo se valora e se premia a miña traxectoria creo que me obriga a asumir no futuro un compromiso aínda maior en temas de igualdade, especialmente entre mulleres e homes”.

Ferramentas para cuantificar a desigualdade

A traxectoria profesional da catedrática Coral del Río está centrada no estudo das desigualdades no mercado laboral, por razón de sexo, raza, ou estatus migratorio. Neste eido ten traballado en varios proxectos para desenvolver ferramentas que permitan cuantificar “a discriminación salarial e a segregación ocupacional por razón de sexo, atendendo tamén ás consecuencias que ambas teñen sobre as mulleres, en termos de pobreza e perda de benestar social”. Subliña que “contar con boas ferramentas neste terreo é importante porque ao igual que o que non se nomea, ‘no existe’, o que en Economía non se cuantifica é difícil que teña ‘relevancia política ou social’”.

En relación á discriminación laboral e salarial, a profesora lembra que as ocupacións feminizadas teñen salarios medios inferiores ás masculinizadas e que as mulleres teñen menos presenza nas ocupacións mellor remuneradas. “Isto é en boa medida, froito da segregación tanto vertical como horizontal por razón de xénero e da infravaloración do traballo realizado polas mulleres” o que na súa opinión son “dous procesos que se retroalimentan mutuamente”. Destaca tamén que a falta de atención á conciliación e á corresponsabilidade afecta non só ás mulleres e aos fogares, senón á economía no seu conxunto, o que se traduce en taxas de fertilidade das máis baixas do mundo; niveis de independencia económica das mulleres claramente insuficientes; elevada pobreza en fogares monoparentais encabezados por mulleres e en fogares encabezados por mulleres maiores de 65 anos; niveis de economía somerxida moi elevados en sectores relacionados coa dependencia e os servizos ao fogar; baixas taxas de actividade feminina entre as mulleres con menores; insuficiente atención profesionalizada á dependencia, etc.

Solucións dende a Economía

A catedrática considera que a resposta a estas desigualdades dende a Economía pasa por plantexar alternativas a partir de políticas económicas coas que incentivar cambios na sociedade e no comportamento dos individuos. Defende a aposta dos países nórdicos, “encamiñada a individualizar os dereitos e os deberes dos e das cidadás, porque é a maneira máis sensata de construír estados do benestar sostibles económica, social e demograficamente”. No lado oposto están as políticas arcaicas como a declaración conxunta no IRPF ou os permisos de maternidade máis amplos ca os de paternidade, que “prexudican a independencia económica das mulleres, con consecuencias en termos de pobreza e precariedade”. En conclusión, destaca a necesidade de apostar claramente dende as institucións por unha “cobertura á dependencia pública e de calidade”, porque non facelo sería “ignorar non só os custes en termos de benestar das persoas implicadas, senón as vantaxes en termos de emprego e os incrementos recadatorios asociados, que farían viable unha transformación cara un modelo económico máis centrado nas persoas e menos nos beneficios do gran capital”.

A invisibilidade da muller na Economía

Coral del Río denuncia o teito de cristal co que se atopan as mulleres que desenvolven a súa traxectoria profesional na economía, igual que noutros moitos eidos. Mentres na etapa universitaria hai unha proporción de mulleres e homes bastante equilibrada dende hai décadas, a medida que se soben chanzos nos niveis de responsabilidade “o número de mulleres descende dramaticamente”, como sucede na universidade, nos ministerios, nas empresas ou nos medios de comunicación. Pon como exemplo a última campaña electoral, na que os grupos de “expertos” que elaboraron as propostas en materia económica dos partidos políticos “estaban compostos fundamentalmente por homes, con todo o que isto supón en canto ás problemáticas a abordar e as propostas a realizar”.

No tocante á economía feminista, sostén que “comparte a marxinación que padece toda análise que non comulgue cos postulados da economía neoclásica e, neste sentido, a súa presenza nos plans de estudo, por exemplo, é extremadamente minoritaria, cando non inexistente, como ocorre coa economía postkeynesiana, institucional, marxista ou ecolóxica”. Pero a economía feminista sofre, segundo explica a profesora, unha dobre invisibilidade xa que “comparte co movemento feminista e cos estudos feministas doutros eidos o ‘estigma’ de ser feministas, con toda a carga de infravaloración e mesmo misoxinia que para moitos ten este termo”, conclúe.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós