DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 11 de marzo do 2016

O profesor Rafael Vallejo analiza o sector dende o franquismo ata o nacemento do e-turismo

Un percorrido visual por sesenta anos de turismo en España

O libro pertence á colección El Gran Viaje editado no 60 aniversario da Escuela de Organización Industrial


ImageDende que España comezaba a recibir os primeiros turistas estranxeiros, a poñer en marcha un tecido empresarial hoteleiro e de ocio, ata a irrupción do e-turismo ou turismo intelixente, pasaron 60 anos. Os mesmos que cumpre en 2016 a Escuela de Organización Industrial, centro dependente do Ministerio de Industria, Energía y Turismo. Son precisamente estes sectores os que vertebran o traballo da escola e os elixidos para articular unha colección de libros titulada El Gran Viaje, cun volume dedicado á industria, outro á enerxía e un ao turismo. O autor deste último é o profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia e Institucións Económicas, Rafael Vallejo, que recibiu este encargo dende a EOI tras publicar varios traballos sobre o turismo durante o franquismo.

M. Del Río | Vigo
Dende que España comezaba a recibir os primeiros turistas estranxeiros, a poñer en marcha un tecido empresarial hoteleiro e de ocio, ata a irrupción do e-turismo ou turismo intelixente, pasaron 60 anos. Os mesmos que cumpre en 2016 a Escuela de Organización Industrial, centro dependente do Ministerio de Industria, Energía y Turismo. Son precisamente estes sectores os que vertebran o traballo da escola e os elixidos para articular unha colección de libros titulada El Gran Viaje, cun volume dedicado á industria, outro á enerxía e un ao turismo. O autor deste último é o profesor do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia e Institucións Económicas, Rafael Vallejo, que recibiu este encargo dende a EOI tras publicar varios traballos sobre o turismo durante o franquismo.

Neste libro analiza a evolución do sector turístico dende a década de 1950 ata a actualidade, 60 anos de fondos cambios tanto nas actividades económicas como nas dinámicas sociais do turismo, seis décadas de luces e de sombras, que fixeron do turismo “parte esencial do modelo produtivo”. Lembra Vallejo que en 1950 España aspiraba a industrializarse, pero “converteuse, case de súpeto, nun país turístico, isto é receptor de turismo estranxeiro, e cunha poboación que, coa mellora da renda familiar dispoñible, foi aumentando as prácticas de ocio, incorporándose ao ‘veraneo’ e ao turismo”. Esa foi a época do despegue do sector, coa creación de aloxamentos e servizos turísticos, a aparición dos tour-operadores e o recoñecemento por parte da administración das achegas significativas que o turismo fai á economía española. Iníciase entón, como remarca Vallejo “o cambio sociolóxico asociado ao turismo do sol e praia, no que a polémica sobre o uso do bikini é a día de hoxe unha das moitas anécdotas”. Nesta época teñen a súa orixe grandes grupos empresariais actuais do sector turístico, como Meliá ou Barceló.

O turismo como modelador da paisaxe, da economía e da sociedade

Os cambios provocados polo turismo non se limitaron á economía, senón que o sector actuou como factor modelador, por exemplo, da paisaxe. O profesor Vallejo recoñece que nalgúns casos “actuou de forma destrutiva; noutros creando unha xeografía humana nova, "turistificada” cos desenvolvementos residenciais turísticos e os requirimentos asociados que tiveron un “elevado impacto ambiental”. Dende o punto de vista socioeconómico, o desenvolvemento do sector turístico tamén modificou a dinámica de moitos pobos e mesmo de varias comunidades autónomas, “que hoxe dependen en gran medida dos ingresos das actividades turísticas”. Naceron referentes empresariais que na actualidade teñen implantación internacional, por exemplo, no ámbito do transporte e do aloxamento, e máis recentemente no da distribución, creando grandes plataformas dixitais, de acceso a produtos, a destinos e a servizos turísticos.

O turismo intelixente e o novo papel do viaxeiro

60 anos despois, Rafael Vallejo retrata no seu libro un sector que ten avanzado enormemente. “Estamos nunha sociedade de turistas" e España está consolidada como unha potencia. “A xestión do turismo está hoxe máis profesionalizada, tanto na administración pública como nas propias empresas; temos un tecido empresarial moi amplo e mesmo con gran dimensión nas empresas grandes e con proxección ou implantación internacional, en América e mesmo en Asia”. Neste contexto o experto cita compañías españolas que se converteron en multinacionais de referencia como Amadeus IT Group, creada en 1987, ou eDreams, constituída en 2000, que na actualidade está presente en 42 países con cinco marcas, convertida nun gran distribuidor que ofrece a máis de catorce millóns de clientes voos en todo tipo de liñas, hoteis, cruceiros, paquetes vacacionais, seguros de viaxe, etc”.

Sinala tamén un cambio moi profundo do papel do turista, unha revolución que comezou na década de 1990 propiciada pola política de ceos abertos, o abaratamento dos voos e a multiplicación das aeroliñas de baixo custo e das modalidades turísticas, e indubidablemente, polas novas tecnoloxías da información e o coñecemento”. Esta nova era do turismo deu en chamarse e-turismo ou turismo intelixente e ten provocado cambios significativos no comportamento dos turistas e nas esixencias para as administracións e as empresas turísticas, que deben facer extraordinarios esforzos adaptativos, nunha contorna moito máis competitiva e cambiante que o que se apreciaba ao comezo deste "gran viaxe turístico", na década dos cincuenta.

Seis décadas en imaxes

O mellor xeito de comprender a evolución do sector turístico en España neste tempo é facelo a través de imaxes, por iso o profesor Vallejo apostou por un formato eminentemente gráfico. Deste xeito no seu libro recolle fotografías, campañas publicitarias e imaxes de todo tipo, xa que as empresas turísticas son grandes creadoras de imaxes”. Como destaca o profesor, “son imaxes excelentes conservadas en empresas ou institucións públicas, como a axencia EFE ou o Centro de Documentación Turística de España, que conserva e xestiona valiosa documentación” e dende onde contou coa colaboración de Eva Concejal, “que xogou un papel relevante no subministro de imaxes para esta obra”.

< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós