DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 10 de marzo do 2016

Entregáronse 45 iPad a alumnas e alumnos dos tres campus

Enxeñarías e a simultaneidade ADE-Dereito copan os Premios á Excelencia Académica

A Universidade recoñece o talento e esforzo do alumnado de novo ingreso con mellor expediente


ImageO alumnado de novo ingreso con mellor expediente académico decántase nun ampla maioría por estudar enxeñaría, en calquera das súas múltiples versións (Industrial, Telecomunicación, Enerxía…) ou o Programa de Simultaneidade de Administración e Dirección de Empresas e Dereito. Foi a opción elixida por preto do 70% das 45 alumnas e alumnos de novo ingreso que este xoves recibiron o Premio á Excelencia Académica do curso 2015-2016, un galardón que lles chega en forma de iPad e co que a Universidade quere premiar o talento e esforzo que amosaron en toda a súa etapa de ensino secundario.
Recibidos polo reitor, Salustiano Mato e a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, e acompañados en moitos casos por docentes dos seus respectivos institutos e por algúns familiares, un a un foron recollendo os seus respectivos premios.

D. Besadío e P. Santos | Vigo
O alumnado de novo ingreso con mellor expediente académico decántase nun ampla maioría por estudar enxeñaría, en calquera das súas múltiples versións (Industrial, Telecomunicación, Enerxía…) ou o Programa de Simultaneidade de Administración e Dirección de Empresas e Dereito. Foi a opción elixida por preto do 70% das 45 alumnas e alumnos de novo ingreso que este xoves recibiron o Premio á Excelencia Académica do curso 2015-2016, un galardón que lles chega en forma de iPad e co que a Universidade quere premiar o talento e esforzo que amosaron en toda a súa etapa de ensino secundario.

Recibidos polo reitor, Salustiano Mato, que os animou a levar “con orgullo” o nome da Universidade de Vigo alá onde desenvolvan o seu futuro profesional, e a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, e acompañados en moitos casos por docentes dos seus respectivos institutos e mesmo por algúns familiares que non quixeron perderse un intre tan especial, un a un foron recollendo os seus respectivos premios. “Sodes unha representación do mellor do noso alumnado e de vós esperamos tamén o mellor, que non consiste só en que consigades unhas notas brillantes, como as que xa tendes, senón tamén que sexades exemplo e estímulo para todos nós”, subliñoulles ao inicio do acto a vicerreitora de Estudantes, que fixo tamén fincapé na responsabilidade da propia Universidade para “formarvos axeitadamente e seguir potenciando a vosa capacidade de traballo para que nuns anos sexades vós os líderes e os protagonistas dos cambios que esixe a sociedade”.

26 mulleres e 19 homes con expedientes brillantes

Procedentes maioritariamente da área metropolitana de Vigo, o 51% das alumnas e alumnos premiados -26 mulleres e 19 homes- decantáronse por estudar algunha enxeñaría: 12 cursan algunha das especialidades impartidas na Escola de Enxeñería Industrial; oito, Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación; dous, Enxeñaría da Enerxía e, outro, Enxeñaría Informática. E, tras as enxeñarías, a opción máis elixida foi o programa de simultaneidade ADE-Dereito, opción pola que se decantou o 17% dos premiados, mentres que os 14 estudantes restantes están matriculados en diferentes graos dos tres campus: Tradución e Interpretación (3), Bioloxía (3), Enfermaría (2), Fisioterapia, Belas Artes, Dereito, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Química e Administración e Dirección de Empresas.

A viguesa Elena Arias é unha das alumnas que se decantou por estudar enxeñaría, neste caso de Organización Industrial. “Era algo que tiña moi claro e do que non me arrepinto”, admitía satisfeita intres antes de entrar ao acto, “non é unha titulación doada pero estou moi contenta porque me gusta moito, dáseme ben e os resultados parece que me están a acompañar”. Con respecto ao segredo do éxito teno claro, “non hai tal segredo, os resultados non caen solos, hai que saber organizarse, dedicarlle moito tempo, estudar e volver estudar”, opinión que tamén compartiron Blanca Pérez, alumna de Enxeñaría Industrial, e Carlos Valtierra, de ADE-Dereito, quen agradeceron un acto “co que se nos recoñece o noso estudo, pois o certo é que estas cousas sempre motivan un montón”.

Moitas ilusións e proxectos de futuro

Os xestos de alegría e satisfacción eran o predominante á saída do acto. O ambiente trasladouse do cerimonioso ao distendido e os agraciados comezaban a explicar as súas sensacións. “É un orgullo que a Universidade se preocupe por nós e nos recompense polo esforzo realizado durante estes dous anos”, sinala Mario Cordero, estudante do programa de simultaneidade en Administración de Empresas e Dereito, que elixiu esta titulación motivado polo seu interese nas matemáticas, “aínda que non o pareza”, comenta entre risas. Os números tamén son a especialidade de David Clemente, alumno do grao en Química, unha rama que espertou a súa curiosidade durante o bacharelato. Acaba de comezar a súa titulación, pero xa pensa no futuro que lle espera ao saír da Universidade, “aínda que as principais saídas da miña carreira están relacionadas coa docencia, non me gustaría acabar como profesor, prefiro o laboratorio dalgunha gran compañía”, sinala.

Para a gran maioría, a súa idea de futuro pasa por traballar no sector privado, con contadas excepcións como a de Raquel Hernández. Esta alumna do grao en Enfermaría realiza a súa titulación “coa perspectiva de presentarme á oposición e poder obter unha praza fixa nun hospital”. Un soño que contrasta co de Gabriel Fernández, quen mentres estuda o grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación xa conta con cruzar o charco tan axiña como poida, “en canto acabe a carreira gustaríame dedicarme á investigación nalgunha empresa tecnolóxica dos Estados Unidos”. Malia ter soños tan diferentes, ambos coinciden en recoñecer a importancia do premio, “un incentivo que nos serve para decatarnos de que todo o traballo feito durante estes anos valeu a pena”, destaca Fernández.

“Hai outros estudantes que non están aquí e que merecen o premio tanto ou máis ca nós”, apunta Aldara Martínez lembrando ao alumnado que, a pesar do seu esforzo, non acadou a nota necesaria para obter esta distinción. Esta canguesa elixiu orientar a súa formación ao grao en Enxeñaría Industrial como froito da indecisión, “non o tiña moi claro, sabía que quería facer unha enxeñaría pero non cal, así que me decidín pola máis xeral de todas e, a partir de aí, explorar novas vías no futuro”, aínda que xa amosa algunhas preferencias, “dedicarse ao campo das enerxías renovables non estaría mal”, comenta a alumna.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós