DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Xoves, 21 de abril do 2016

Stocks de interese para a flota galega pasarían a estar sans e poderían aprobarse maiores TACs

Economistas da Universidade sinalan a necesidade de que as axencias internacionais de pesca revisen a forma de clasificar os recursos

Da Rocha e García investigan a mellora dos modelos de avaliación do impacto da actividade pesqueira


Image “Contar peixes no mar non é doado”, aseguran o economista José María Da Rocha e o matemático Javier García, investigadores do grupo Distribución da renda, territorio e mercado laboral, que traballan na mellora do cálculo da avaliación de riscos nas pesquerías, auténtica pedra angular la política pesqueira comunitaria. Colaboradores do Internacional Council for the Exploration of the Seas, o organismo responsable de avaliar os recursos pesqueiros de Europa, ambos os dous inciden, por unha banda, na necesidade de que as regras que determinan as cotas de pesca sexan robustas a variacións nos modelos de simulación que se utilizan para aprobar os TACs, e por outra, na mellora da precisión dos modelos empregados para avaliar o impacto da actividade pesqueira, o que permite aumentar as cotas.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
“Contar peixes no mar non é doado”, aseguran o economista José María Da Rocha e o matemático Javier García, investigadores do grupo Distribución da renda, territorio e mercado laboral (EA7) da Universidade de Vigo, que traballan na mellora do cálculo da avaliación de riscos nas pesquerías, auténtica pedra angular la política pesqueira comunitaria. Colaboradores do Internacional Council for the Exploration of the Seas, ICES, o organismo responsable de avaliar os recursos pesqueiros de Europa e tamén do Scientific Technical and Economic Committee for Fisheries, STECF, ambos os dous inciden, por unha banda, na necesidade de que as regras que determinan as cotas de pesca sexan robustas a variacións nos modelos de simulación que se utilizan para aprobar os TACs, e por outra, na mellora da precisión dos modelos empregados para avaliar o impacto da actividade pesqueira, o que permite aumentar as cotas.

“Os nosos resultados amosan que a forma na que as axencias internacionais clasifican os recursos, en sans ou en perigo, debe ser revisada. En particular algúns stocks de grande interese para as flotas galegas pasarían a estar sans … e poderían aprobarse cotas de pesca máis altas”, explican Da Rocha e García, que lembran que todas as axencias internacionais que regulan pesquerías, utilizan modelos de idades (e/ou tallas) de Beverton e Holt. A partir do cálculo da idade/talla dos peixes capturados é posible determinar a capacidade de reprodución e as taxas de supervivencia da poboación e unha vez coñecidos estes parámetros, calcúlase cal sería a poboación óptima, a desexable, ou MSY, a poboación que permite obter o máximo rendemento sostible. “A UE está adherida a un tratado internacional da ONU que nos obriga a recuperar as pesquerías, que estean sobre explotadas, e situalas no MSY”, sinalan os investigadores.

Análises do estado dos recursos que sobreestiman os riscos

A imposibilidade de avaliar todos os recursos pesqueiros provoca que os e as responsables de realizar este traballo non teñan a seguridade de que están a calcular o modelo correcto que explica os datos, “e dicir, temos incerteza sobre o modelo”, explican os investigadores da Universidade de Vigo, que no seu traballo amosan que as actuais regras de manexo, as harvesting control rules (HCR), empregadas para realizar a análise do estado dos recursos sobreestiman o risco no que estes se atopan. “Calculamos o xeito que deben ter as HCR robustas e dinos que a mellor maneira de acadar as maiores capturas posibles, mantendo constante a poboación (MYS), non é independente do número de peixes que hai no mar, que é a que ás veces se aplica”, sinalan Da Rocha e García, que dispoñen de resultados preliminares que amosan que ao ter en conta a incerteza do modelo, un 25% dos stocks do ICES dos que é posible obter datos, poderían reclasificarse e serían considerados como non sobrexplotados.

Isto significaría que sería posible non reducir o número de días de pesca das flotas que acceden a estes stocks e as capturas recomendadas deberían ser maiores, non obstante os investigadores advirten que estes resultados son só ilustracións do método e que para avaliar o impacto concreto nun stock cómpre aplicar os métodos desenvolvidos utilizando as especificacións particulares do stock.

Resolver problemas de pesquerías esquecendo que son peixes

Co obxectivo de mellorar a precisión das estimacións e aliviar o problema da incerteza, José María Da Rocha e Francisco Javier García, xunto con Ernesto Jardim do Joint Research Centre da Comisión Europea e María José Gutiérrez da UPV-EHU, IP do proxecto europeo no que están a participar na actualidade, desenvolveron un modelo que permite escribir unha relación entre o número de peixes de cada idade que hai, as decisións de canto (e/ou que especie) se pesca e a mortalidade por pesca que se xera. “O que construímos é unha relación entre o estado do recurso e a mortalidade por pesca, polo tanto á hora de estimar o estado do recurso, os valores de mortalidade deben gardar certa consistencia cos valores do número de peixes de cada idade que estamos calculando no modelo. Isto reduce o número de combinacións destes valores que son posibles e mellora a calidade da estimación destes modelos. A idea despois de atopala é moi simple”, aseguran Da Rocha e García.

O emprego da denominada “conduta económica” co obxectivo de restrinxir os erros na predición, aplícase desta volta ás pesquerías. “Se estimamos a conduta poderemos predicir a evolución da pesquería a un ou dos anos e avaliar o impacto das diferentes políticas”, aseguran os investigadores da Universidade de Vigo, que afirman que “ como case sempre as ideas básicas en ciencia son sempre as mesmas e nós o único que estamos a facer é resolver problemas de pesquerías, esquecéndonos de que son peixes, ou pescadores”, explican.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós