DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 18 de marzo do 2016

Os docentes Daniel González e Miguel Reboiro participan na expedición universitaria Laponia 2016

Comeza a aventura polo Círculo Polar Ártico

Do 19 al 27 de marzo achegaranse á realidade ambiental e cultural desa zona


ImagePolar Raid Universitario Laponia 2016 é unha sorprendente aventura. Os participantes nela percorrerán unha das paraxes europeas máis salvaxes: cruzarán o Círculo Polar Ártico e a Laponia de Finlandia e Noruega ata alcanzar o mítico Cabo Norte, desde o que se contempla a inmensidade do océano Ártico. Deste xeito preséntase unha expedición na que desde este sábado e ata o 27 de marzo está previsto que participen os docentes da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense Daniel González e Miguel Reboiro e a egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María López.

Duvi | Ourense
Polar Raid Universitario Laponia 2016 é unha sorprendente aventura. Os participantes nela percorrerán unha das paraxes europeas máis salvaxes: cruzarán o Círculo Polar Ártico e a Laponia de Finlandia e Noruega ata alcanzar o mítico Cabo Norte, desde o que se contempla a inmensidade do océano Ártico. Deste xeito preséntase unha expedición na que desde este sábado e ata o 27 de marzo está previsto que participen os docentes da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense Daniel González e Miguel Reboiro e a egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra María López.

A cuarta edición desta viaxe, organizada pola Asociación Rexións Polares e Universia, contará coa participación dun centenar de estudantes de grao e posgrao, profesores e investigadores procedentes de 25 universidades, 23 delas españolas e dúas estranxeiras. A expedición é un reto que se afronta en equipos de tres a oito persoas, compartindo vehículo. Non ten carácter competitivo, sendo a meta de todos eles chegar ao Cabo Norte na data seleccionada. O obxectivo último das Polar Raid, explican desde a súa organización, é mostrar a realidade ambiental e cultural das rexións polares, principalmente do territorio ártico; a súa importancia como ecosistemas únicos e os seus problemas e expectativas de futuro.

Aspectos educativos, formativos e de convivencia

Dentro do contexto dunha viaxe de aventura, a actividade ofrece ademais unha serie de vivencias únicas en aspectos educativos e formativos, fomentando valores como a iniciativa, a toma de decisións, a solidariedade e o espírito de equipo. A Polar Raid tamén persegue que os participantes tomen conciencia da importancia da conservación da natureza, e o seu uso racional nos ámbitos educativos, empresarial, recreativo e deportivo, e que coñezan outras culturas, principalmente a Sami. Deste xeito, a programación inclúe actividades como visitar a escola de formación deste pobo e o seu parlamento.

Durante as diferentes etapas superaranse en equipo unha serie de retos e os participantes aprenderán técnicas básicas de supervivencia en neve (como orientación, refuxios, pesca sobre lagos e ríos xeados); visitarán museos, universidades e centros de investigación e asistirán a conferencias específicas (de eidos como historia, socioloxía, dereito, economía e investigación ártica). O programa de actividades incluirá desde a observación das auroras boreais ou o baño nun lago xeado ata aprender a construír iglús, a andar sobre a neve con raquetas ou a montar unha tenda de campaña de alta montaña. Dada a zona de actuación, non faltará tampouco unha visita á casa de Santa Claus. Durante o seu percorrido os participantes soportarán temperaturas desde 0 ata 15 ou 20 graos baixo cero. É, indican desde a organización, un frío “soportable” pois é seco, salvo algunha excepción. As horas de luz a finais de marzo son xa de máis de 12 h polo que os participantes poderán gozar desta zona nunha época do ano moi acaída.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós