DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 29 de marzo do 2016

A ANL edita un manual con recomendacións e solucións a dúbidas recorrentes sobre o uso da lingua

En galego e con toda a seguridade

O obxectivo é que a comunidade universitaria poida desenvolver a actividade profesional e académica con corrección


Tras a boa acollida do manual En galego sen dúbida editado en 2013, a Área de Normalización Lingüística acaba de publicar un novo texto que completa e amplía o anterior. Titulado Na Universidade. En galego con seguridade, trátase dunha nova achega de material que axude á comunidade universitaria a desenvolver a súa actividade profesional e académica en galego con fluidez e corrección, tanto na lingua oral como escrita. As técnicas da ANL Eva María Castro e María Cristina Rodríguez explican que no anterior volume se centraron en cuestións ortotipográficas mentres que nesta ocasión se revisan contidos morfosintácticos e léxico-semánticos da comunicación, principalmente administrativa.

M. Del Río | Vigo
Tras a boa acollida do manual En galego sen dúbida editado en 2013, a Área de Normalización Lingüística acaba de publicar un novo texto que completa e amplía o anterior. Titulado Na Universidade. En galego con seguridade, trátase dunha nova achega de material que axude á comunidade universitaria a desenvolver a súa actividade profesional e académica en galego con fluidez e corrección, tanto na lingua oral como escrita. As técnicas da ANL Eva María Castro e María Cristina Rodríguez explican que no anterior volume se centraron en cuestións ortotipográficas, mentres que nesta ocasión se revisan contidos morfosintácticos e léxico-semánticos da comunicación, principalmente administrativa. As coordinadoras da publicación lembran que es manual está dirixido ao PAS, PDI e alumnado e a todas as persoas interesadas en mellorar e aumentar os seu coñecementos sobre a lingua. “Ocupámonos das preguntas máis recorrentes na ANL, cuestións lingüísticas erróneas fixadas na lingua, marco lexislativo... e necesidades que detectamos”, resumen Castro e Rodríguez.

Da lexislación aos erros máis habituais

O manual estrutúrase en sete apartados. O dous primeiros recollen os dereitos lingüísticos no ensino superior e o novo regulamento do uso da lingua galega na Universidade de Vigo. O terceiro e cuarto capítulo céntranse nas consultas lingüísticas máis comúns que a comunidade universitaria realiza na Área de Normalización Lingüística e en dúbidas xerais e estendidas no emprego do galego. O volume tamén recolle unha sección dedicada a “malas herbas na lingua galega”, que segundo explican as autoras son unha mostra de palabras, expresións e construcións incorrectas presentes na nosa lingua, pero non damos eliminado por moito que as corrixamos”. Complétase a publicación cun capítulo sobre recomendacións e outro final cos xentilicios en galego, elaborado polo profesor Xosé Henrique Costas. “O que pretendemos é que a nosa comunidade universitaria poida impartir calquera materia, redactar documentos, atender, informar e, en definitiva, desenvolverse en galego sen ningunha dificultade”, destacan.

As dúbidas máis recorrentes e as recomendacións

O capítulo que recolle as principais dúbidas da comunidade universitaria baséase nas consultas que a ANL recibe a diario. Entre elas están o uso da preposición A co complemento directo; a colocación do pronome átono; erros no emprego dos pronomes persoais; usos incorrectos do infinitivo, participio e xerundio; cuestións sobre perífrases, etc. Lembran que é tamén moi habitual atoparse co abuso da voz pasiva, con erros na concordancia ou con pobreza léxica.

O libro tamén inclúe una pequena escolma de recomendacións que poden axudar aos usuarios a mellorar a redacción dos documentos. As autoras destacan a necesidade de empregar unha linguaxe adecuada aos destinatarios; seleccionar e ordenar a información; empregar parágrafos e oracións curtas fuxindo de subordinadas, estranxeirismos, ambigüidades e o abuso da voz pasiva. Recomendan empregar sinónimos e evitar repeticións e prestar especial atención á linguaxe inclusiva, fuxindo de formas discriminatorias ou sexistas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós