DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 29 de abril do 2016

Máis de 900 alumnos e alumnas participaron na II Competición de Robots organizada polo centro

Invasión autómata na Escola de Enxeñería Industrial

Os gañadores foron IES Pedras Rubias, IES Frei Martín Sarmiento e Colegio La Paz


ImageCentos de autómatas percorrían esta mañá ás súas anchas o vestíbulo da Escola de Enxeñaría Industrial. Unha estampa que ben podería recordar a unha película futurista, pero nada máis lonxe da realidade. A II Competición de Robots converteu o chan do centro en ring, circuíto, labirinto e, en definitiva, banco de probas para a posta a punto destes pequenos aparellos. O evento duplicou as súas cifras de asistencia respecto á anterior edición e máis de 900 alumnos e alumnas procedentes de 40 centros de toda Galicia chegaron ao campus para amosar as súas mellores creacións, feitas en equipo e preparadas para ser as vencedoras da xornada.

P. Santos | Vigo
Centos de autómatas percorrían esta mañá ás súas anchas o vestíbulo da Escola de Enxeñaría Industrial. Unha estampa que ben podería recordar a unha película futurista, pero nada máis lonxe da realidade. A II Competición de Robots converteu o chan do centro en ring, circuíto, labirinto e, en definitiva, banco de probas para a posta a punto destes pequenos aparellos. O evento duplicou as súas cifras de asistencia respecto á anterior edición e máis de 900 alumnos e alumnas procedentes de 40 centros de toda Galicia chegaron á escola para amosar as súas mellores creacións, feitas en equipo e preparadas para ser as vencedoras da xornada. “Foi unha sorpresa moi agradable xa que non contabamos con superar o número de equipos inscritos na primeira edición”, subliñou o director do centro, Juan Pou.

A principal novidade nesta segunda edición da competición, unha iniciativa posta en marcha pola dirección do centro en colaboración coa Rama de Estudantes do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers), é a súa introdución como proba puntuable para a Liga Nacional de Robótica de Competición (LNRC). Deste xeito, os 156 equipos da categoría WALL-E, dirixida ao alumnado de ESO e Bacharelato, e os 15 formados para o nivel R2D2, no que participa tanto estudantado de titulacións universitarias coma de Formación Profesional, tiveron a oportunidade de pasar un bo rato ao tempo que loitaron por facerse un oco no ámbito da robótica a nivel nacional. Finalmente, o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas impúsoxe na categoría WALL-E para ESO mentres que o IES Frei Martín Sarmiento o fixo na modalidade para Bacharelato. Na categoría R2D2 o premio foi para o Colegio La Paz da Coruña.

Ante todo, pasalo ben

“É a primeira vez que facemos un robot”, sinalaba Adrián Vázquez, alumno de 3º da ESO do IES de Pastoriza de Arteixo. El e o seu equipo construíron a Furoca, un autómata que, recoñecen, “é bastante sinxelo de programar, simplemente é cuestión de cambiar as variables para que recoñeza cal é a traxectoria que debe seguir”, explicaba uns intres antes de competir na primeira proba do día.

Entre as probas que deberon realizar os participantes, variedade cargada de entretemento para a práctica individual e colectiva. Para comezar, na categoría WALL-E os robots tiveron que facer un rastrexo individual, no que debían seguir un camiño marcado no chan con cinta adhesiva, e seguidamente enfrontarse a unha modalidade colectiva de sumo na que o autómata que máis tempo aguante dentro dun ring cun diámetro de un metro. Esta proba adoita ser a favorita dos participantes “porque podes modificar a aparencia do robot ao teu gusto para que sexa o máis competitivo posible, como por exemplo poñerlle pas e distintos accesorios para botar ao teu contrincante”, comenta Fabián Pérez, integrante do Grupo 13. Xunto cos seus compañeiros, este alumno de 4º da ESO no IES de Tomiño xa sabe o que é participar en probas de robótica, como a que organiza Lego en Vigo para experimentar cos seus Mindstorms.

Para a categoría R2D2, as probas foron as mesmas, aínda que a maiores os participantes disputaron as modalidades individuais de labirinto, no que debían entrar e seguir un percorrido para lograr saír del, e varredor, que tiña como obxectivo sacar catro latas dun recinto circular dun metro de diámetro.

A recompensa final ao esforzo e a creatividade

Rematadas as probas e as peripecias, chegou o momento de recompensar aos mellores creadores da xornada, pero tamén aos máis orixinais. Na categoría de WALL-E para de 1º a 3º da ESO o primeiro premio foi para o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, seguido polo IES Pastoriza de Arteixo e o IES de Tomiño. Na mesma categoría pero para estudantes de 4º da ESO, o premio foi tamén para o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, pero desta volta seguido polo Alexandre Bóveda de Vigo e o Colexio Santa María del Mar da Coruña. Na modalidade WALL-E de Bacharelato os gañadores foron os estudantes do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra que crearon a Sumo y Sigo, seguidos polos do IES Primeiro de Marzo de Baiona e o seu Jägger e o IES de Brión co robot Brión5. Na categoría R2D2 o primeiro premio foi para APT GET Grupo, do Colegio La Paz da Coruña; o segundo para Os Tumbafentos, da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo e o terceiro para o Colexio Montecastelo.Todos eles recibiron 100, 75 e 50 puntos, respectivamente, para a súa clasificación na LNRC. Para concluír, o premio especial ao equipo máis orixinal foi desta volta ex-aecuo para dous robots, decisión tomada polo xurado dada "a enorme imaxinación e creatividade amosada por todos". Así, foi premiada a orixinalidade de Escalubur, do IES Auga da Laxe de Gondomar e de Ferroláns, do IES Canido de Ferrol.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós