DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 04 de maio do 2016

É unha obra colectiva dirixida polo profesor Pablo Fernández Carballo-Calero

Sae do prelo o primeiro libro que une Dereito Mercantil e Cine

Inclúe a análise, xurídica e cinematográfica, de 13 películas, desde clásicos como Gilda a filmes actuais


ImageO 21 de setembro de 2012 a Universidade de Vigo puxo en marcha unha particular iniciativa, un ciclo de cine que unía por primeira vez o mundo do cinema cunha rama específica do Dereito, a mercantil, unha innovadora e exitosa experiencia da que non tardou en chegar unha segunda edición. Froito de todo aquilo, sae agora do prelo Derecho Mercantil y Cine, unha obra colectiva dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Pablo Fernández Carballo- Calero, un produto editorial único no que, por primeira vez, se analiza en detalle a relación entre Dereito e Cine no ámbito específico do Dereito Mercantil.

D. Besadío | Vigo
O 21 de setembro de 2012 a Universidade de Vigo puxo en marcha unha particular iniciativa, un ciclo de cine que unía por primeira vez o mundo do cinema cunha rama específica do Dereito, a mercantil, unha innovadora e exitosa experiencia da que non tardou en chegar unha segunda edición. Froito de todo aquilo, sae agora do prelo Derecho Mercantil y Cine, unha obra colectiva dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Pablo Fernández Carballo- Calero, un produto editorial único no que, por primeira vez, se analiza en detalle a relación entre Dereito e Cine no ámbito específico do Dereito Mercantil.

A análise xurídica das películas, “rigorosamente seleccionadas”, está realizada por prestixiosos mercantilistas, maioritariamente catedráticos de universidade (Luis Berenguer Fuster, Julio Costas Comesaña, Carlos Lema Devesa, Miguel Ángel Bouza...) e, desde o punto de vista cinematográfico, cada filme é analizado polos galegos José Luis Castro de Paz, historiador do cine e catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela e David Castro de Paz, xurista e responsable da Aula de Cine da Universidade da Coruña.

O libro, editado por Aranzadi e con máis de 400 páxinas, recolle a análise de 13 películas, desde clásicos como Gilda, o filme co que botou a andar este ciclo, Perdición ou ¡Que bello es vivir!, ata pezas máis modernas como Wall Street, La red social, El dilema ou Margin Call, entre outras. “Hai que ter en conta que a presenza do Dereito Mercantil no cine non é habitual, máxime si comparamos a nosa disciplina con outras como, por exemplo, o Dereito Penal”, subliña Pablo Fernández Carballo-Calero, que explica que son filmes nos que se abordan cuestións como o dereito de defensa da competencia, propiedade intelectual, dereito de sociedades, competencia desleal, dereito concursal, marítimo...

Achegarse ao Dereito Mercantil cun enfoque “diferente e moito máis atractivo”

“A idea do libro é que a xente que non se dedica a estas cuestión poida achegarse ao Dereito Mercantil dunha maneira moi didáctica e amena”, recalca o docente, que fai fincapé en que o libro pode ser interesante para calquera afeccionado á sétima arte, “porque a análise xurídica das películas vaille permitir entender mellor a trama”, pero tamén para calquera xurista (avogacía, membros da carreira xudicial, docentes...), posto que en cada filme se abordan de xeito moi práctico diferentes cuestións relacionadas todas co Dereito Mercantil. E, se para alguén resulta “especialmente interesante”, resalta o director, é para o alumnado de Ciencias Xurídicas xa que lles permite achegarse a esta rama do Dereito desde unha perspectiva diferente á que atopará nas clases ou nos libros, “cun enfoque moi diferente e moito máis atractivo”, recalca Carballo-Calero, quen admite que a posta en marcha do ciclo e a coordinación agora desta monografía “é unha das experiencias máis gratificante que tiven ata a data como profesor universitario”.

Porta aberta a novas iniciativas

A realización dos dous ciclos de cine, cuxos relatorios se recollen agora nesta monografía, enmárcase no proxecto de investigación A reforma do dereito da competencia: defensa da competencia, competencia desleal e publicidade, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia. “Foi unha actividade que tivo moito éxito, tanto entre o público coma entre os propios conferenciantes”, subliñou o coordinador, que non pecha a porta á posibilidade de que se celebren novas edicións. “Os ciclos leváronse a cabo grazas ao apoio de moitas institucións e, se xurde outra oportunidade, por suposto que a aproveitaremos”, admite Carballo-Calero, que enfatiza o feito de que a actividade “tivo moito nivel, tanto a nivel académico como de participación, así que, por que non repetir?”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós