DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 21 de maio do 2008

Dentro das iniciativas propostas para apoiar o evento

Unha campaña de recollida de zapatillas usadas mostrará en Bruxelas a implicación da cidade coa candidatura á Universiada 2013

Serán presentadas o vindeiro 30 de maio no expositor da delegación viguesa na sede da FISU


Image A Tenencia de Alcaldía, a sede da Fundación Vide, as piscinas de Lavadores, Teis e do Carmen, e diversos colexios e institutos da cidade albergarán os contedores nos que os vigueses que o desexen poderán depositar as súas zapatillas deportivas como mostra de apoio á Universiada 2013. Así o indicou o tenente de alcalde Santiago Domínguez que, con iniciativas deste tipo, pretende “incrementar a involucración da cidadanía e facer que se sinta protagonista e partícipe do que aconteza en Bruxelas”, segundo as súas palabras.

Image
O tenente de alcalde, Santiago Domínguez
Romina Vázquez | Vigo
A Tenencia de Alcaldía, a sede da Fundación Vide, as piscinas de Lavadores, Teis e do Carmen, e diversos colexios e institutos da cidade albergarán os contedores nos que os vigueses que o desexen poderán depositar as súas zapatillas deportivas como mostra de apoio á Universiada 2013. Así o indicou o tenente de alcalde Santiago Domínguez que, con iniciativas deste tipo, pretende “incrementar a involucración da cidadanía e facer que se sinta protagonista e partícipe do que aconteza en Bruxelas”, segundo as súas palabras.
A finalidade do proxecto é reunir o maior número posible de zapatillas usadas e instalalas no expositor que a delegación viguesa terá na sede da FISU. Deste xeito, no momento da súa inauguración, o vindeiro 30 de maio, Domínguez pretende “sorprender unha vez máis co apoio da cidadanía”, tal como el mesmo afirmou, e para isto fai un chamamento aos vigueses que, antes do día 23 deste mes, deberán entregar o seu calzado acompañado dunha tarxeta na que figuren os seus datos persoais para, posteriormente, recibir unha copia da fotografía do expositor. Paralelamente a esta actividade haberá voluntarios en distintos puntos da cidade para repartir produtos relacionados coa Universiada.
Ademais de buscar a implicación dos cidadáns, as iniciativas propostas tratan de transmitir á FISU a idea de que a candidatura viguesa “aposta pola reciclaxe e polo aproveitamento dos grandes eventos deportivos para concienciar da necesidade de coidar e preservar a natureza”, explicou Domínguez. A este respecto explicou que “parte da vila universitaria utilizarase para facer unha plantación masiva de especies autóctonas e a súa infraestrutura cumprirá co obxectivo de integración do entorno”.
Por último, o tenente de alcalde recalcou que se está traballando para que Vigo poida estar na capital belga con todas as garantías de poder ser a cidade elixida para albergar a Universiada no 2013, e neste sentido, “a nosa candidatura conta con orixinalidade, imaxinación e apoio cidadán, algo do que as nosas competidoras carecen”, puntualizou.

Programa da visita a Bruxelas

Os sesenta integrantes da delegación viguesa partirán cara Bruxelas o venres 30 de maio para participar na inauguración oficial dos expositores das tres cidades candidatas. Concretamente, o posto vigués combinará unha mostra de maquetas das iniciativas máis emblemáticas coa proxección de vídeos interactivos do proxecto. Xa pola tarde levarán a cabo un ensaio xeral da defensa da candidatura.
O sábado 31 será o día decisivo, posto que ás 10 da mañá os representantes vigueses abrirán a presentación dos proxectos que o comité avaliador revisará pola tarde para dar a coñecer a decisión final arredor das 20.30 horas.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós