DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 20 de maio do 2016

A obra de Martín Codax exhibirase no museo Marco de Vigo de outubro de 2017 a marzo de 2018

A Universidade logra que o Pergamiño Vinde regrese a Galicia

Tras un ano de negociacións entre o museo neoiorquino e a institución viguesa


Image Despois de corenta anos no Morgan Library Museum de Nova York o Pergamiño Vindel regresará a Vigo. A obra, de finais do século XIII ou principios do XIV, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, volverá á contorna que lle serviu de inspiración ao trobador galego, despois que o museo propietario do pergamiño atendese a petición da Universidade de Vigo para permitir a súa exhibición na cidade. Atrás queda máis dun ano de negociacións entre os responsables do Morgan Library Museum e a institución académica viguesa, que fixo súa a suxestión da catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Camiño Noia, a quen os integrantes da asociación cultural viguesa Pertenza trasladaron, tras unha viaxe a Nova York para visitar a obra de Martín Códax, o seu desexo de que o Pergamiño Vindel puidese ser exposto na cidade olívica.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Despois de corenta anos no Morgan Library Museum de Nova York o Pergamiño Vindel regresará a Vigo. A obra, de finais do século XIII ou principios do XIV, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, volverá á contorna que lle serviu de inspiración ao trobador galego, despois que o museo propietario do pergamiño atendese a petición da Universidade de Vigo para permitir a súa exhibición na cidade. Atrás queda máis dun ano de negociacións entre os responsables do Morgan Library Museum e a institución académica viguesa, que fixo súa a suxestión da catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Camiño Noia, a quen os integrantes da asociación cultural viguesa Pertenza trasladaron, tras unha viaxe a Nova York para visitar a obra de Martín Códax, o seu desexo de que o Pergamiño Vindel puidese ser exposto na cidade olívica. Noia expuxo esta posibilidade ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que iniciou as negociacións co Morgan Library Museum.

O proceso de negociación prolongouse durante meses nos que a institución académica tivo que atender as demandas do Morgan para permitir o préstamo da que, xunto ao Códice Calixtino, está considerada como unha das xoias antigas manuscritas máis valiosas de Galicia. O museo propietario do pergamiño estableceu como primeira condición para permitir a exhibición da obra fóra das súas instalacións que o préstamo se realizase a unha institución académica e a partir de aí estableceu unha serie de esixencias loxísticas sobre o lugar de exposición do cancioneiro, relativas tanto a medidas de seguridade, como de contextualización da mostra. Co apoio do Concello de Vigo, a Universidade propuxo como lugar de exhibición o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Marco, no que se organizaría unha exposición coa obra de Martín Códax como núcleo central. Así naceu Os Tesouros de Cidade, a mostra que do 6 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018 traerá a Vigo o Pergamiño Vindel, que será o gran protagonista dunha mostra que se complementará con diversos eventos culturais e académicos, como seminarios, concertos e publicacións.

40 anos en Nova York logo dun descubrimento produto do azar

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada de soubo da obra de Martín Codax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O descubridor pronto deu conta do achado nun artigo titulado Las siete canciones de la enamorada, poema musical por Martín Códax, publicado na revista Arte Español.

O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.

Sete cancións de amigo, seis con notación musical

A primeira columna do pergamiño contén cinco pentagramas, seis a segunda, seis a terceira e catro a cuarta. Ondas do mar do Vigo; Mandad’ei comigo ca ven meu amigo; Mia yrrmana fremosa treides comigo; Ay Deus se sab’ora meu amado; Quantas sabedes amar amigo; Ay ondas que eu vin veer, son as seis cantigas do pergamiño con notación musical, mentres que En o sagrad’e Vigo, carece dela. Xunto coas sete cantigas de amor de Don Denís, a música das cantigas de Martín Códax son as únicas mostras atopadas da canción profana galego-portuguesa. A súa estrutura musical é sempre idéntica, formada por dúas frases musicais, a segunda derivada da primeira, e un retrouso que inclúe unha terceira frase, cuxo material melódico se relaciona en moitas ocasións coas anteriores.

O texto, no que o nome de Martín Códax aparece na parte superior, foi escrito en tinta negra e os pentagramas en vermello, mentres que as iniciais están ornamentadas en vermello e azul.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós