DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 25 de maio do 2016

A obra máis completa que existe no mundo sobre a biodiversidade dos solos preséntase hoxe en Nairobi

A catedrática María Jesús Iglesias é a única editora española do 'Atlas Global da Biodiversidade do Solo' da Comisión Europea

Máis de 120 expertos e expertas de trinta países participaron durante tres anos na elaboración do volume


Image Un só gramo de terra sa contén millóns de organismos e, aínda así, o solo segue a ser un recurso descoñecido e esquecido. Albergar máis dun cuarto da biodiversidade do noso planeta e ser a base para os alimentos, combustibles, fibras e produtos médicos, son aspectos pouco coñecidos, cando non completamente ignorados, que poñen de manifesto a importancia duns solos que fan posible a vida na Terra. Se co obxectivo de recoñecer a súa importancia, Nacións Unidas declarou 2015 Ano Internacional dos Solos, agora é a Comisión Europea, a que rende homenaxe a este recurso coa publicación de The Global Soil Biodiversity Atlas, a obra máis completa que existe no mundo sobre a biodiversidade que albergan os solos. A catedrática da Universidade de Vigo María Jesús Iglesias Briones é a única editora española que participou na elaboración da obra.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Un só gramo de terra sa contén millóns de organismos e, aínda así, o solo segue a ser un recurso descoñecido e esquecido. Albergar máis dun cuarto da biodiversidade do noso planeta e ser a base para os alimentos, combustibles, fibras e produtos médicos, son aspectos pouco coñecidos, cando non completamente ignorados, que poñen de manifesto a importancia duns solos que fan posible a vida na Terra. Se co obxectivo de recoñecer a súa importancia, Nacións Unidas declarou 2015 Ano Internacional dos Solos, agora é a Comisión Europea, a que rende homenaxe a este recurso coa publicación de The Global Soil Biodiversity Atlas, o Atlas Global da Biodiversidade do Solo, a obra máis completa que existe no mundo sobre a biodiversidade que albergan os solos. “Contén moitísima información ao longo dos seus oito capítulos e así, tras describir o solo como hábitat, céntrase en cada grupo de organismos, a súa distribución xeográfica e temporal, as funcións que desempeñan no ecosistema, os factores que causan perdas de biodiversidade, solucións e intervencións para evitar a perda de especies e aspectos educativos e de xestión”, explica a catedrática da Universidade de Vigo María Jesús Iglesias Briones, a única científica española que participa no atlas, que hoxe se presenta no United Nations Environment Assembly en Nairobi.

O atlas, publicado en formato dixital e en papel, está impulsado polo Global Soil Biodiversity Initiative,GSBI, que creou un panel de expertos e expertas, o Global Soil Biodiversity Assessment, GSBA, que en outubro de 2012 invitou á catedrática viguesa a formar parte dese grupo, que nos seguintes tres anos se reuniu, primeiro en Colorado (USA) para decidir a estrutura, os temas a tratar e establecer grupos de traballo e posteriormente dúas veces en Ispra (Italia) para acordar revisións e modificacións. A docente e investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal asegura que a invitación do GSBI sorprendeuna “porque son xente de gran recoñecemento mundial en ecoloxía dos ecosistemas terrestres”. A oportunidade de traballar con xente á que sempre seguiu profesionalmente é o que Iglesias máis valora da súa participación na obra, ademais do “recoñecemento profesional e persoal e a aprendizaxe, ao ter que ler moitos textos de grupos de organismos cos que non traballo”.

Tres anos de traballo de máis de 120 expertos de todo o mundo

Cun estilo claro e sinxelo o Atlas Global da Biodiversidade do Solo inclúe textos, fotografías, figuras e mapas, froito do traballo desenvolvido ao longo de tres anos por máis de 120 expertos e expertas dunha trintena de países, baixo a supervisión dun panel de editores con representantes dos cinco continentes. Ademais de dar a coñecer o papel da biodiversidade do solo, este atlas tamén pretende ser unha publicación de referencia, non só para os e as investigadoras, senón tamén para os responsables políticos, xestores do medioambiente e a sociedade en xeral.

“Que fose un produto de grande alcance condicionou a estrutura e a linguaxe empregada, utilizando o texto de tal xeito que non fose demasiado especializado e pouco comprensible para a maioría”, detalla Iglesias, que explica que ademais da versión online que xa está dispoñible na páxina da Comisión Europea, a publicación en papel poderá solicitarse tamén nesta web a un prezo de 25 euros. “En papel o formato é grande, 30X46 centímetros, a idea é que sexa un libro deses que se pon na mesa de centro do salón e non nun estante”, explica, facendo unha chanza, a investigadora da Universidade de Vigo, que participará, xunto a outros dous editores e dous representantes da Comisión Europea, na presentación do atlas no EuroScience Open Forum que se celebrará en xullo en Manchester.

Moito máis que a edición dun capítulo

A catedrática da Universidade de Vigo encargouse da edición do capítulo II, no que se describe cada grupo de organismos que habitan os solos, o que supuxo un grande esforzo ao ter que contactar con expertos e expertas de todo o mundo, así como da elaboración dos modelos de páxina para que todas as descricións dos grupos fosen homoxéneas, así como de facer que se cumprisen os prazos e revisar todas as achegas para comprobar que cumprían os requisitos esixidos. "De xeito específico tamén me involucrei na descrición de tres grupos neste capítulo: Tardígrados, Enquitreidos e Colémbolos e nas etapas finais pedíronme axuda para revisar o capítulo IV, así como na elaboración dalgunas figuras para a introdución do capítulo II e incluso redactar a descrición dalgún grupo que faltaba. E por suposto, como todos dos demais editores revisar varias veces o produto final pata detectar erros e introducir melloras ... Varios xa me dixeron que merezo unha medalla", di en ton de broma Iglesias Briones.

Iglesias Briones agarda que esta publicación sirva para que a sociedade e tamén os e as xestoras políticos amplíen os seus coñecementos e descubran a importancia da biodiversidade edáfica e dos solos, que, lembra, carecen por exemplo, dunha directiva marco como no caso da auga, que leva en vigor dende o ano 2000.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós