DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 26 de maio do 2016

O campus de Ourense acolleu a entrega dos premios de poesía, relato curto e tradución 2016

Se foses un amor para toda a vida, serías a lingua galega

Durante o acto tamén se rendeu homenaxe a Manuel María e ao Día das Letras Galegas


ImageLucía Aldao e María Lado, as compoñentes de Aldaolado, foron as encargadas de pór a música, a poesía e o humor ao acto de entrega de Premios de relato, poesía e tradución literaria da Universidade de Vigo 2016 que este xoves tivo lugar no campus de Ourense e que nesta ocasión estiveron acompañados dunha homenaxe a Manuel María e ao Día das Letras Galegas. Durante a súa actuación elas falaron de toda clase de amores xogando cun “se foses o meu amor...” inconfesable, da EXB ou para toda a vida, entre outros moitos. Para escoitalas estaba un público que se achegou ata alí precisamente porque comparte un deses amores "para toda a vida", o que teñen pola lingua e a literatura galegas. Arancha Nogueira, en poesía, Xosé Sobral, en relato, e Luisa Iglesias, en tradución, foron os membros da comunidade universitaria galardoados cos primeiros premios da edición deste ano dos galardóns.

Rosa Tedín | Ourense
Lucía Aldao e María Lado, as compoñentes de Aldaolado, foron as encargadas de pór a música, a poesía e o humor ao acto de entrega de Premios de relato, poesía e tradución literaria da Universidade de Vigo 2016 que este xoves tivo lugar no campus de Ourense e que nesta ocasión estiveron acompañados dunha homenaxe a Manuel María e ao Día das Letras Galegas. Durante a súa actuación elas falaron de toda clase de amores xogando cun “se foses o meu amor...” inconfesable, da EXB ou para toda a vida, entre outros moitos. Para escoitalas estaba un público que se achegou ata alí precisamente porque comparte un deses amores "para toda a vida", o que teñen pola lingua e a literatura galegas. Arancha Nogueira, en poesía, Xosé Sobral, en relato, e Luisa Iglesias, en tradución, foron os membros da comunidade universitaria galardoados cos primeiros premios da edición deste ano dos galardóns.

O acto, que se desenvolveu no Edificio de Ferro, contou coa entrega dos galardóns dos Premios de relato, poesía e tradución literaria da Universidade de Vigo 2016, cunha lectura de fragmentos dos textos galardoados a cargo dos seus autores e autoras, cun relatorio do axente cultural e editor Xavier Paz arredor de Manuel María e coa actuación musical do grupo de gaitas do Obradoiro de Música Tradicional do campus de Ourense, que abriron e pecharon a gala. Entre os asistentes estaban membros da comunidade universitaria e autoridades como Jesús Vázquez, alcalde da cidade de Ourense, e Roberto Castro, subdelegado do Goberno en Ourense.

Os froitos da creación literaria

Tal e como indicou Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, na lectura da acta de resolución dos premios, na categoría de poesía, o primeiro premio foi para Arancha Rodríguez, polo poemario (A)fogar; o primeiro accésit para Luisa Iglesias, por O río, e o segundo accésit para Genaro Dasilva, polo poemario Inferno verde. En relato curto, o primeiro premio foi para Xosé Sobral, por Cadea trófica, e o primeiro accésit para María López, por A morte non doe aos mortos, e o segundo accésit para Daniel Rodríguez, polo relato Branco. Por último, en tradución literaria, o primeiro premio foi para Luisa Iglesias, pola tradución dun texto de Mathura; o primeiro accésit para Moncho Iglesias, por un texto de Amos Oz, e o segundo accésit para Sergio Gómez, por unha tradución dun texto de Colette.

Os galardoados e galardoadas presentes no acto agradeceron os premios recibidos e algúns deles leron fragmentos das súas obras aos asistentes. Entre eles, Arancha Nogueira, xornalista de formación e alumna do Máster de Literatura Comparada, explicou como (A) fogar é unha peza coa que a autora pretende facer unha deconstrución íntima do convencionalismo da palabra fogar, o seu particular xeito de expresar o terrible de atoparse nun lugar que se asume debe ser cómodo, protector, familiar, e resulta ser todo o contrario. Tamén sobre o fogar e a casa habitada falou Luisa Iglesias, galardoada en dúas categorías, como son poesía e tradución. Pola súa extensión, os gañadores de relato preferiron non facer lectura dos seus textos. Xosé Sobral, enxeñeiro forestal de formación e alumno de doutoramento en xestión dos ecosistemas terrestres, gañou o primeiro premio cun texto de humor negro no que fala dunha illa deshabitada á que chega unha flota e do que acontece a medida que os acabados de arribar se instalan. Pola súa banda, Daniel Rodríguez quixo destacar na súa intervención tras recoller o galardón a oportunidade que ofrece a creación literaria para “ser o que queiras ser”.

Tanto Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, como María Ángeles Antón Vilasánchez, subdirectora xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, salientaron durante o acto que xa son 19 anos os que se veñen celebrando estes galardóns grazas á colaboración establecida entre as dúas institucións. “Estes premios xa teñen unha traxectoria consolidada”, afirmou o vicerreitor, que explicou como hoxe en día xa hai destacados escritores que cando comezaron a escribir gañaron estes galardóns da Universidade de Vigo, como Ledicia Costas ou Xabier Sil. “Os froitos que xeran son enormes”, dixo, amosando o seu desexo de que para os galardoados e galardoadas nesta edición estes premios supoñan “un chanzo para continuar unha carreira literaria frutífera”. “Xa van 19 edicións traballando a prol da nosa lingua e do estímulo da creación literaria. Agardemos que dure moito máis”, recalcou a subdirectora xeral de Política Lingüística.

Terra de poetas, entre eles Manuel María

Xavier Paz foi o encargado de falar da figura de Manuel María e da celebración do Día das Letras Galegas durante o acto celebrado no campus de Ourense. Fíxoo salientando como cada pobo se distingue polo seu propio temperamento e no caso dos galegos ese temperamento sería o lírico. “Eu penso e digo que Galicia terra lírica, pobo de poetas”, subliñou o editor e axente cultural. Froito desa cultura, apuntou, nacen poetas como Manuel María. O seu achegamento á figura do homenaxeado nesta edición das Letras Galegas quixo facelo a través das imaxes de portada de 50 das súas obras. A través delas, apuntou, pode verse non só a evolución estética senón tamén os avances na normalización lingüística do galego; a xeografía do territorio, xa que o escritor dedicou libros a lugares como A Terra Cha, o Val de Quiroga ou Compostela, e a xeografía editorial, publicando Manuel María en moi diferentes editoriais, moitas delas “de base”. Sobre a conmemoración do Días das Letras Galegas, Xavier Paz recalcou a importancia do consenso social que concita. “Non hai moitos exemplos coma este”, subliñou.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós