DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 30 de maio do 2016

Así o determina nunha das súas últimas investigacións o profesor Adolfo Cordero

O cabaliño do demo máis primitivo vive en Australia e Tasmania

A diferenza do que se cría ata agora, o investigador demostra que esta especie está lonxe de extinguirse


ImageNa década de 1970 pensouse que estaba extinto e a día de hoxe segue a figurar como unha especie en perigo crítico de extinción. Nada máis lonxe da realidade, Hemiphlebia mirabilis, considerado o cabaliño do demo máis primitivo do mundo vive en Australia e Tasmania e, contrariamente ao que se cría ata o de agora, as poboacións son grandes “superando posiblemente o millón de individuos por xeración”, subliña o profesor Adolfo Cordero Rivera, autor destes novos achados, unha descuberta que acaba de facerse pública a través a revista Insect Conservation and Diversity.
Responsable do Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Universidade de Vigo, Adolfo Cordero admite que sempre sentiu fascinación por este fósil e foi precisamente esta fascinación a que o levou a viaxar a Australia, de onde é endémico.

Duvi | Vigo
Na década de 1970 pensouse que estaba extinto e a día de hoxe segue a figurar como unha especie en perigo crítico de extinción. Nada máis lonxe da realidade, Hemiphlebia mirabilis, considerado o cabaliño do demo máis primitivo do mundo vive en Australia e Tasmania e, contrariamente ao que se cría ata o de agora, as poboacións son grandes “superando posiblemente o millón de individuos por xeración”, subliña o profesor Adolfo Cordero Rivera, autor destes novos achados, unha descuberta que acaba de facerse pública a través a revista Insect Conservation and Diversity.

Responsable do Laboratorio de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación da Universidade de Vigo, Adolfo Cordero admite que sempre sentiu fascinación por este fósil e foi precisamente esta fascinación a que o levou a viaxar a Australia, de onde é endémico, para obter datos sobre o sistema de apareamento dunha poboación que volvera a rexistrarse en 2009. Despois dun mes alí os resultados das observación non deixaron lugar a dúbidas: esta especie non está nin moito menos en perigo de extinción. “Atopei milleiros de individuos, o que supón unha noticia moi positiva, posto que se temeu por esta especie”, explica o investigador, docente na Facultade de Bioloxía e na Escola de Enxeñaría Forestal.

Non debería seguir no catálogo de especies en perigo crítico de extinción

A zona húmida Long Swamp de Vitoria, ao sur de Australia, foi o destino da súa viaxe. Cara alí partiu para obter información básica do comportamento reprodutor desta especie tan primitiva e estudar a evolución dos mecanismos de competencia espermática. Volveu cunha gran cantidade de información, entre outros datos, os resultados dos seus estudos revelaron que a esperanza de vida é de arredor dunha semana para os machos e catro días para as femias; os machos mostran pouca mobilidade e voan distancias curtas, sendo inactivos a maior parte do tempo, sobre todo a temperaturas por baixo dos 17 ºC ou por encima dos 35 ºC.

“Esta baixa mobilidade, xunto á súa enigmática coloración e a pouca accesibilidade do seu hábitat poderían explicar como estas importantes poboacións pasaron desapercibidas ata fai moi pouco”, subliña Cordero, que estima que a densidade deste tipo de animais en puntos de alta poboación é de 100 animais por cada dez metros cadrados, cifras que deberían levar a que esta especie deixase de figurar como especie en perigo de extinción.

“Coa información dispoñible agora, Hemiphlebia mirabilis xa non cumpre con ningún dos criterios da Unión Internacional para a Conservación da Natureza, e debería ser reavaliada”, manifesta o investigador.

Comportamento sexual “moi elaborado e absolutamente único”

A investigación de Adolfo Cordero é a primeira en cuantificar o comportamento adulto de Hemiphlebia mirabilis usando unha gran mostra de ambos os sexos e, segundo recalca, o aspecto que sen dúbida lles fai ser máis visibles ao ollo humano é o seu comportamento sexual. Nesta liña Cordero fai fincapé en que ambos sexos exhiben frecuentes movementos abdominais e rotacións rápidas sobre o soporte no que se apoian. “Este comportamento está moi elaborado e é absolutamente único”, recalca o investigador, que acaba de publicar na revista PeerJ un segundo artigo sobre este comportamento de cópula.

Aínda que Cordero Rivera non puido confirmar se femias e machos usan este órgano abdominal para atraer ao sexo aposto, o que si puido comprobar é que ambos os sexos practican este movemento mesmo en ausencia de calquera interacción reprodutiva. “Isto suxire que este comportamento non é unha exhibición ordinaria de cortexo”, puntualiza o científico, quen tamén asegura que os machos usan o xiro abdominal no cortexo precopulativo, pero as femias non, xa que, tras as máis de 100 horas de observación, o científico non viu a ningunha femia pór ovos.

“Observei a 79 femias por períodos de 10 minutos entre as 09.00 e as 19.00 horas, e a única conclusión clara que saquei é que a posta de ovos non se realiza despois da cópula, porque en todos os casos, machos e femias sepáranse inmediatamente despois de aparearse”, recalca o investigador, quen continúa a estudar o particular comportamento sexual desta especie.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós