DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 01 de xuño do 2016

Verónica Outeiriño investigou o papel da hormona GLP-1 no sistema reprodutor das ratas

Os resultados dunha tese abren novas vías para o tratamento das alteracións reprodutivas asociadas á diabetes

O traballo tamén demostra que GLP-1 actúa como activador da puberdade nas femias prepúberes


ImageA taxa de infertilidade sitúase en España arredor do 15% nas parellas en idade reprodutiva, porcentaxe que se eleva na poboación diabética debido a causas dependentes da propia enfermidade, unha doenza crónica endocrino-metabólica que afecta a case todos os órganos e sistemas da persoa que a padece, entre eles o aparato reprodutor, tanto do home como da muller. Mellorar o tratamento destas alteracións reprodutivas é un dos retos aos que se enfronta a comunidade científica e no que tamén están a traballar os integrantes do Laboratorio de Endocrinoloxía, un grupo dirixido polo catedrático Federico Mallo e do que forma parte a investigadora Verónica Outeiriño, autora dunha tese de doutoramento cuxos resultados abren novas vías para o tratamento das alteracións reprodutivas asociadas a esta enfermidade.

D. Besadío | Vigo
A taxa de infertilidade sitúase en España arredor do 15% nas parellas en idade reprodutiva, porcentaxe que se eleva na poboación diabética debido a causas dependentes da propia enfermidade, unha doenza crónica endocrino-metabólica que afecta a case todos os órganos e sistemas da persoa que a padece, entre eles o aparato reprodutor, tanto do home como da muller. Mellorar o tratamento destas alteracións reprodutivas é un dos retos aos que se enfronta a comunidade científica e no que tamén están a traballar os integrantes do Laboratorio de Endocrinoloxía, un grupo dirixido polo catedrático Federico Mallo e do que forma parte a investigadora Verónica Outeiriño, autora dunha tese de doutoramento cuxos resultados abren novas vías para o tratamento das alteracións reprodutivas asociadas a esta enfermidade.

Os resultados obtidos por Outeiriño permitiron demostrar por primeira vez que GLP-1, a hormona que producen de forma endóxena as células intestinais en resposta á inxestión de alimentos e unha das principais responsables da síntese e secreción de insulina, presenta un efecto estimulador sobre o eixo reprodutor nas femias ratas adultas, actúa como un activador da puberdade e, xunto a un análogo denominado Liraglutide, é quen de restaurar gran parte das alteracións reprodutivas asociadas á diabete.

“Por exemplo, en casos de puberdade adiantada ou retrasada podería aplicarse algún análogo e actuaría sobre o control da función reprodutora independentemente do estado enerxético do individuo”, subliña a investigadora, ao tempo que explica que o correcto funcionamento do aparato reprodutor require da existencia de suficiente ‘combustible metabólico’, xa que é un proceso moi custoso desde o punto de vista enerxético. “A insulina funciona como unha chave que permite a entrada de glicosa ao interior das células e esta glicosa é a que se emprega como combustible”, subliña Outeiriño, que recalca o feito de que nun paciente diabético non tratado correctamente, ao non dispor de insulina, non podería empregala para obter enerxía para diversos procesos fisiolóxicos que inclúen a función reprodutora. “Unha muller coa diabete mal controlada, e en certos casos incluso estando en tratamento, ten alteracións hormonais que conlevan unha serie de irregularidades no seu ciclo menstrual, ou incluso anovulación, hiperandroxenismo ou menopausa precoz”, recalca a autora da tese.

Ciclos irregulares e dificultades reprodutivas

Titulada GLP-1 regula la función del sistema reproductor en la rata hembra e dirixida polos doutores Eva María Vigo e Federico Mallo, o obxectivo deste traballo era establecer o papel desta hormona no control da función reprodutora na rata femia adulta e na activación do eixo gonadal en ratas femias prepúberes e, paralelamente, avaliar a súa implicación e a dos seus análogos nas alteracións reprodutivas asociadas a patoloxías metabólicas como a diabete e a obesidade. En concreto, analizouse o caso da rata Zucker, animais que presentan, ademais de obesidade, alteracións graves da función reprodutora, alteracións nas principais hormonas producidas polo eixe gonadal e, como consecuencia, ciclos irregulares e dificultades reprodutivas.

O datos recollidos demostraron que o tratamento prolongado con Liraglutide é capaz de activar o eixe gonadal mediante a activación da produción dalgunhas das hormonas responsables do correcto funcionamento do eixe reprodutor, “pero a pesar disto o tratamento non foi capaz de conseguir un funcionamento normal deste eixe no caso da rata Zucker”, indica a investigadora, que explica que estes análogos de GLP-1 xa se están a empregar na práctica clínica no tratamento da diabete, “a clave está en que estas moléculas poden ter efectos beneficiosos noutras patoloxías como os problemas de baixa fertilidade, retraso pueril, etc.”, indica a autora.

A maiores, Outeiriño apunta tamén que estas moléculas poden ser as responsables directas das melloras observadas en mulleres con ovario poliquístico –algo frecuente en mulleres diabéticas ou obesas- e que se sumarían a outros efectos beneficiosos destes fármacos sobre os niveis de insulina e a glicemia “que tamén producen unha mellora neste problema ovárico”.

A autora

Verónica Outeiriño (Vigo, 1985) traballa na actualidade como persoal de investigación a tempo completo no Servizo de Secuenciación de ADN do novo Cacti, Centro de Apoio Científico Tecnolóxico á Investigación, ademais de seguir a colaborar co Laboratorio de Endocrinoloxía, con cuxos compañeiros ten participado en diferentes proxectos de investigación, entre eles o proxecto europeo Biocaps.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós