DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 09 de xuño do 2016

Foron identificados en diversos estudos realizados nos últimos anos pola OMA

Unha base de datos botánica recolle os 705 taxóns de fungos e plantas que conforman a biodiversidade do campus de Vigo

Das 150 hectáreas deste espazo, dous terzos son zonas verdes


ImageA contorna natural na que sitúa o campus de Vigo convérteo nun lugar idóneo para o lecer pero tamén para o estudo e conservación da biodiversidade. Nel convive a flora autóctona recuperada grazas a plans estratéxicos de reforestación con outras especies ornamentais alóctonas que conforman unha paisaxe única. Toda esta riqueza natural pódese consultar e analizar grazas a unha nova base de datos botánica elaborada pola Oficina de Medio Ambiente que xa está dispoñible na súa páxina web. Co datos recollidos en diversos estudos elaborados ao longo dos últimos anos, os técnicos da OMA elaboraron unha listaxe de 705 taxons, incluíndo fungos e plantas. Entre as principais especies identificáronse 99 briófitas, 90 árbores, 86 arbustos, 218 herbáceas e 190 taxons pertencentes ao reino Fungi.

M. Del Río | Vigo
A contorna natural na que sitúa o campus de Vigo convérteo nun lugar idóneo para o lecer pero tamén para o estudo e conservación da biodiversidade. Nel convive a flora autóctona recuperada grazas a plans estratéxicos de reforestación con outras especies ornamentais alóctonas que conforman unha paisaxe única e, de feito, das máis de 150 hectáreas que ocupa o campus de Vigo, arredor de dous terzos corresponden a zonas verdes, delas un 70 % corresponden a hábitats naturais diversos, o 10 % a zonas de reserva e un 20 % a espazos axardinados e deportivos. Toda esta riqueza natural pódese consultar e analizar grazas a unha nova base de datos botánica elaborada pola Oficina de Medio Ambiente que xa está dispoñible na súa páxina web. Cos datos recollidos en diversos estudos elaborados ao longo dos últimos anos, os técnicos da OMA elaboraron unha listaxe de 705 taxons, incluíndo fungos e plantas. Entre as principais especies identificáronse 99 briófitas, 90 árbores, 86 arbustos, 218 herbáceas e 190 taxons pertencentes ao reino Fungi.

Como explica Sergio Ramos, técnico da OMA, “a base de datos amosa diversa información como nome común e científico, porte, época de floración e frutificación, así como algunhas fotografías dos taxóns”. O obxectivo deste proxecto de documentación é, por unha banda, “amosar a diversidade que presenta o campus de Vigo e, por outra, animar á comunidade universitaria a participar na súa mellora constante mediante a achega de novos taxons, información adicional, fotografías, etc”. Deste xeito, a base de datos está en constante evolución e nela poderá incluírse calquera nova especie que se localice.

Moito máis ca árbores

Grazas a esta base de datos, dende a OMA queren poñer en valor a diversidade do campus, que vai máis aló das especies arbóreas que se observan e comprende numerosas variedades de briófitas, pteridófitas, fungos, liques, herbáceas e arbustos que forman parte da paisaxe do campus. “Esta gran diversidade é consecuencia dos diversos programas de revexetación acometidos pola Universidade que permiten atopar numerosos taxons autóctonos que conviven con múltiples especies e variedades ornamentais”, destaca Ramos. Entre eles, no campus aparecen dous tipos de orquídeas, unha das cales, Serapias lingua, estendeuse de modo natural pola maioría de praderías, a partir dunha pequena poboación moi localizada. Destaca tamén a presenza de diversos exemplares de cerdeira de acios (Prunus padus) ou os tres exemplares de ciprés dos pantanos (Taxodium distichum) presentes na lagoa de Filoloxía e Tradución, que dan un colorido especial durante todas as estacións do ano.

Coñecer o campus

Para que tanto a comunidade universitaria como a sociedade en xeral poida coñecer a riqueza natural do campus, dende a OMA téñense posto en marcha diversas iniciativas de divulgación, como os itinerarios guiados dirixidos a estudantes e persoal co obxectivo de dar a coñece-los hábitats e a fauna e flora do campus de Vigo. A estes percorrido únese o programa Universidade é Natureza, que aberto a toda a cidadanía, se insire dentro do Programa Educativo Municipal Vigo por Dentro. Ademais, para os que queiran coñecer o campus pola súa conta, a OMA, en colaboración coa Unidade de Xardinería da Universidade, elaborou e instalou unha serie de paneis en distintos lugares emblemáticos e senlleiros do campus de Vigo. Estes espazos correspóndense con unidades ambientais florísticas (devesa, pradarías, mato, lagoas, bosque húmido, sobreiral, carballeira, souto, zonas de reserva, etc.) e cada panel contén información sobre a zona e unha pequena explicación do máis sobranceiro dese ecosistema.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós