DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 15 de setembro do 2016

28th International Conference of the Spanish Society for Medieval English Language and Literature

Expertos de sete países converten Vigo nun foro internacional sobre literatura e lingua inglesa medieval

Reúnense na cidade dende hoxe e ata o sábado, nun evento organizado polo grupo LVTC


ImageCase vinte anos despois, a International Conference of the Spanish Society for Medieval English Language and Literature (SELIM) regresa a Vigo. Esta cita internacional de expertos e expertas en lingua e literatura inglesa medieval celébrase dende hoxe e ata o sábado na cidade olívica, tras facelo por primeira vez en 1998. Este xoves tivo lugar o acto inaugural no Club Financiero de Vigo que da paso a tres días de ponencias, posters, mesas redondas e conferencias nas que participan 40 investigadores e investigadoras de universidades de España, Escocia, Polonia, Irlanda, Inglaterra, Hungría e Italia. A organización deste evento corresponde ao grupo de investigación LVTC, do que forma parte o profesor Jorge Luis Bueno, coordinador do comité organizador.

M. Del Río | Vigo
Case vinte anos despois, a International Conference of the Spanish Society for Medieval English Language and Literature (SELIM) regresa a Vigo. Esta cita internacional de expertos e expertas en lingua e literatura inglesa medieval celébrase dende hoxe e ata o sábado na cidade olívica, tras facelo por primeira vez en 1998. Este xoves tivo lugar o acto inaugural no Club Financiero de Vigo que da paso a tres días de ponencias, posters, mesas redondas e conferencias nas que participan 40 investigadores e investigadoras de universidades de España, Escocia, Polonia, Irlanda, Inglaterra, Hungría e Italia. A organización deste evento corresponde ao grupo de investigación LVTC, do que forma parte o profesor Jorge Luis Bueno, coordinador do comité organizador. El, xunto con Dolores González, vicerreitora de Estudantes, Juan Camilo Conde, profesor da Universidade de Murcia e presidente de SELIM e Elena Seoane, directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, foron os encargados de dar a benvida aos asistentes.

O profesor Bueno lembra que este congreso xa se celebrou en Galicia en tres ocasións, en 1991 na Universidade de Santiago de Compostela, en 1998 en Vigo e en 2005 na Universidade da Coruña, e isto demostra que “sempre houbo en Vigo e en Galicia un bo número de investigadores no eido dos estudos diacrónicos, tanto literarios como lingüísticos”. Agora retómase esa ligazón, unha idea que xorde a raíz da pertenza a SELIM de varios docentes do grupo de investigación LVTC. “Somos membros da asociación case dende o seu comezo e seguimos asistindo anualmente aos congresos e tendo contacto coa asociación”, destaca Bueno, que é membro da xunta directiva e director da revista internacional de estudos medievais ingleses que edita SELIM. “Era un bo momento para volver a traer o congreso á Universidade de Vigo e darlle un foro aos novos métodos de investigación desenvolvidos nesta disciplina nestes últimos 20 anos”, remarca.

De feito, o LVTC ten unha longa traxectoria de desenvolvemento de proxectos de investigación competitivos, como destaca Bueno, e a organización de simposios internacionais de relevancia “sempre tivo para nós moita importancia para colocar a Universidade de Vigo no mapa do noso campo e para facer sempre da nosa Universidade un foro de prestixio no que dar voz aos mellores investigadores e docentes dos estudos ingleses e a celebración deste 28 congreso de SELIM segue a corroborar esta liña de actuación”.

Da literatura antigo-nórida a Tolkien

Ao longos dos tres días de simposio presentaranse ponencias, proxectos e relatorios cunha temática que Bueno cualifica de “miscelánea”, aínda que si se estableceron unha serie de temas principais de debate como son a lingüística diacrónica, as narrativas medievais en novos formatos, a tradución e representación da Idade Media, a codicoloxía e a sociolingüística histórica. Para completar o programa, terán lugar catro conferencias plenarias a cargo de “catro figuras relevantes dos estudos medievais na actualidade” como son Richard North, do University College London; Stuart Lee, da University of Oxford; Ans van Kemenade, da Radboud Universiteit Nijmegen e Belén Méndez Naya, da Universidade de Santiago de Compostela. Nos seus relatorios abordarán eidos da lingüística histórica, a literatura antigo-nórdica e a obra de J.R.R. Tolkien como medievalista e literato. De feito, tras o acto inaugural tivo lugar a primeira das conferencias plenarias a cargo de Ans van Kemenade titulada The interaction of syntax and information structure in the development of V2 in English.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós