DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 23 de setembro do 2016

María Reimóndez, Eva Almazán e Rosa Camiña únense a celebración do 25 aniversario da titulación

Ex-alumnas de Tradución e Interpretación volven ao campus “orgullosas” da súa profesión

Convidadas polo Delegación de Alumnado, son tres dos nomes máis destacados do panorama nacional neste eido


ImageMoita ilusión, esforzo, compromiso e, por que non, unha pinga de sorte. Estes parecen ser os ingredientes básicos para unha receita moi particular, a do éxito profesional, neste caso no eido da Tradución e a Interpretación. María Reimóndez, Eva Almazán e Rosa Camiña, alumnas das primeiras promocións do Grao en Tradución e Interpretación e hoxe profesionais de prestixio volveron este venres ao campus para compartir cos seus futuros compañeiros e compañeiras, hoxe estudantes, lembranzas, vivencias e consellos que os axuden a abrirse paso no mercado laboral.

D. Besadío | Vigo
Moita ilusión, esforzo, compromiso e, por que non, unha pinga de sorte. Estes parecen ser os ingredientes básicos para unha receita moi particular, a do éxito profesional, neste caso no eido da Tradución e a Interpretación. María Reimóndez, Eva Almazán e Rosa Camiña, alumnas das primeiras promocións do Grao en Tradución e Interpretación e hoxe profesionais de prestixio volveron este venres ao campus para compartir cos seus futuros compañeiros e compañeiras, hoxe estudantes, lembranzas, vivencias e consellos que os axuden a abrirse paso no mercado laboral.

Que as levou a estudar esta titulación, inexistente ata aquel momento en Galicia, como foron os seus inicios profesionais ou que papel tivo a súa formación en relación aos avances acadados na normalización do galego foron algúns dos temas que tiveron a oportunidade de tratar ao longo da mesa redonda 25 anos de formación de tradutores e intérpretes na FFT, actividade organizada pola Delegación de Alumnado coa colaboración da profesora Ana Luna, responsable do Grupo Bitraga, ao abeiro das actividades organizadas con motivo do 25 aniversario da titulación e da celebración do Día Internacional da Tradución.

Deulles a benvida o decano do centro, Luis Alonso Bacigalupe, que non puido evitar enorgullecerse da exitosa traxectoria profesional destas tres exalumnas. Tras a súa intervención, Manuel Arca, presidente da Delegación de Alumnado, encargouse de resumir con máis detalle o currículo de cada unha e, xa despois, foron elas as que comezaron o intercambio de impresións, cunha mesma pregunta como punto de partida: por que te decantaches por Tradución e Interpretación?

María Reimóndez: “teño claro que acertei de cheo”

Socia fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación, María Reimóndez, alumna da segunda promoción, séntese tradutora, “ e sobre todo intérprete”, labores as que suma o seu papel como escritora e activista. “Dende moi pequena meus pais preocupáronse de que tanto eu coma meu irmán estudaramos inglés e francés, anos despois e chegado o momento de elixir carreira, tiña claro que o que me gustaban eran as linguas e só quedaba decantarse entre unha filoloxía e Tradución e Interpretación, algo totalmente novo”, explicou Reimóndez, ao tempo que admitiu que “foi máis unha intuición ca outra cousa, pero dábame a sensación de que esta titulación era moito máis viva e se adaptaba moito máis ao meu carácter, co paso do tempo teño claro que acertei de cheo”.

Co galego, inglés, alemán e castelán como principais linguas de traballo, Reimóndez defendeu con firmeza a “vantaxe competitiva” que supón o galego no mundo laboral, aspecto que relacionou “co enorme compromiso coa lingua que demostrou o equipo docente”.

Eva Almazán: “dixéranme que estes estudos eran só para fillos de diplomáticos”

No caso de Eva Almazán, Premio Nacional á Mellor Tradución (2014) pola tradución de Ulises, de James Joyce, non puido deixar de lembrar cando “na charla de orientación que nos daban no instituto, preguntei por esta titulación e me responderon que me esquecera desa idea, que iso era só para fillos de diplomáticos, afortunadamente teimei, accedín a ela e hoxe vivo disto”. Centrada sobre todo no mundo da tradución literaria –ten traducido ao galego autores como Paul Auster, Dan Brown, Edgar Allan Poe ou JK Rowling-, Almazán tamén regresou á súa infancia para recordar o seu gusto pola lectura e polos idiomas. “Lía de todo, desde libros, xornais, revistas... ata os prospectos dos medicamentos e mesmo os ingredientes das caixas das galletas”, subliñou a ex-alumna, que non puido deixa de remarcar, “estes estudos unían todo o que a min me gustaba”.

Rosa Camiña: “pese a todas as dificultades, o sentimento xeral era de ilusión”

Para Rosa Camiña o camiño foi distinto ao das súas compañeiras, cando comezou a titulación xa traía consigo unha bagaxe profesional de máis de sete anos. “A min sempre me gustaran as linguas pero rematei estudando Filoloxía Hispánica, logo, máis por casualidade ca por outra cousa acabei metida de cheo no mundo da tradución audiovisual”, relatou a ex-alumna, que lembrou que “pese a todas as dificultades que vivimos os alumnos e alumnas das primeiras promocións, recordo sobre todo o sentimento xeral de ilusión pola posta en marcha deste proxecto”, recordou unha das principais responsables de traducir ao galego películas e series míticas dos inicios da Televisión de Galicia como A Nanny ou Arriba e Abaixo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós