DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 03 de outubro do 2016

É a primeira vez que a Universidade viguesa participa no programa EU Careers Ambassador

A alumna Dayana Álvarez actuará de enlace para os estudantes que busquen emprego na Unión Europea

O seu papel vai dirixido a difundir as oportunidades laborais das institucións comunitarias


ImageA estudante do programa de simultaneidade ADE-Dereito Dayana Álvarez foi seleccionada pola Oficina de Selección de Persoal da Unión Europea (Epso) para participar no programa EU Careers Ambassador, unha iniciativa destinada a difundir entre o alumnado universitario as oportunidades laborais que ofrecen as institucións comunitarias e familiarizar ás persoas interesadas cos procesos de selección de persoal que empregan.
Ata o de agora o representante de España sempre fora algún alumno ou alumna da Universidade Autónoma de Madrid, pero este ano nomeáronse embaixadores adicionais noutras cinco universidades españolas, entre elas Vigo. A semana pasada asistiu en Bruxelas a unhas xornadas de formación.

D. Besadío | Vigo
A estudante do programa de simultaneidade ADE-Dereito Dayana Álvarez foi seleccionada pola Oficina de Selección de Persoal da Unión Europea (Epso) para participar no programa EU Careers Ambassador, unha iniciativa destinada a difundir entre o alumnado universitario as oportunidades laborais que ofrecen as institucións comunitarias e familiarizar ás persoas interesadas cos procesos de selección de persoal que empregan.

Ata o de agora o representante de España sempre fora algún alumno ou alumna da Universidade Autónoma de Madrid, pero este ano nomeáronse embaixadores adicionais noutras cinco universidades españolas, entre elas Vigo. A semana pasada asistiu en Bruxelas, xunto a outros estudantes universitarios de diferentes puntos do continente, a unhas xornadas de preparación. Xa de volta no campus a estudante inicia unha nova etapa como EU Careers Ambassador na Universidade de Vigo durante o curso2016-2017.

“Esta experiencia é todo o un reto para min, pero afróntoo con moitas ganas”, explica Álvarez, satisfeita de que a Universidade poida contar con este foco de información que, “estou segura nos vai axudar a moitos estudantes, entre os que me inclúo”. Sempre lle gustou todo o relacionado coa Unión Europea e cando soubo desta convocatoria non dubidou en presentarse. “Sinceramente ao principio fixen a solicitude e o resto de trámites e tampouco lle dei moita máis importancia, xa que nunca pensei que, ao final, acabaría sendo seleccionada”, explica a estudante, ao que engade que “cando terminei a última entrevista e me dixeron que ía ser embaixadora foi un sentimento de alegría e medo ao mesmo tempo, alegría porque ía poder coñecer de preto como funciona todo e a tratar con xente que convive día a día nese ambiente e medo pola responsabilidade que supón e por non ter ningún referente previo na institución que me poida servir de guía”.

Encontros formativos en Bruxelas e formación en liña constante

Durante a visita a Bruxelas tivo a oportunidade de convivir cos embaixadores e embaixadoras de diferentes universidades de Europa. Foron dous días “moi intensos e produtivos” nos que, ademais de presentarse, asistiron a un intenso programa de formación. “Ao traballar con representantes de diferentes países dinme conta de que distintas culturas, costumes e formas de pensar poden dar resultados asombrosos”, explica Álvarez, que adianta que unha das primeiras medidas postas en marcha foi a creación dunha rede de contactos entre embaixadores para “poder seguir manténdonos informados uns aos outros e axudarnos en todo o que poidamos”.

Entre as persoas que tivo a oportunidade de coñecer alí, ademais do resto de compañeiros, destaca o director de Organización de Desenvolvemento da Unión Europea ou unha das persoas que se encarga de redactar os discursos do presidente da Comisión Jean-Claude Junker. “Ademais de participar no curso acompañáronnos tamén no descanso para o café e tivemos a oportunidade de preguntarlles todo o que quixemos sobre o seu traballo, as súas experiencias, consellos...”, recalca Álvarez, que explica que entre o equipo de formadores había profesionais de diferentes departamentos.

Foi o primeiro dunha serie de tres encontros formativos que se farán ao longo do ano e para os que aínda non hai datas concretas. A estas xuntanzas hai que sumar formación semanal en liña. “A idea é que esteamos o mellor formados posible para poder así orientar e resolver calquera dúbida que poidan ter os estudantes á hora de facer prácticas ou traballar na Unión Europea”, apunta a xa embaixadora, quen engade que para facilitar o seguimento e a difusión das actividades creou unha páxina de Facebook na que colgar toda a información dispoñible.

“Orgullosos” de que a Universidade de Vigo fose elixida para participar no programa

Esta é a primeira vez que a Universidade de Vigo participa neste programa e a valoración é máis que positiva. “A UE, como empregadora con moi boa reputación entre os mellores graduados, está a buscar este tipo de embaixadores estudantís nas mellores universidades de Europa e para nós é todo un orgullo ter sido seleccionados para participar no programa”, explica Manuel J. Fernández Iglesias, vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, ao tempo que fai fincapé en que “o programa permite que os estudantes seleccionados melloren a súa preparación nun mercado laboral globalizado altamente competitivo e, ao tempo, que todo o noso estudantado teña información de primeira man sobre as posibilidades laborais na UE”.

Pola súa banda a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, explica que unha vez que a Universidade foi seleccionada para participar déuselle difusión a través da Área de Emprego e foron varios os alumnos e alumnas que amosaron interese en participar.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós