DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 03 de novembro do 2016

A investigación, elaborada pola Universidade, Amigos da Terra e Oxfam-Intermón, céntrase na área de Vigo

Un estudo sobre o comercio xusto conclúe que o 75% das persoas consumidoras destes produtos son mulleres

A xuventude é a menos concienciada sobre este tipo de comercio


ImageUn recente estudo levado a cabo en Vigo sobre o comercio xusto pon de manifesto que o 75% das persoas consumidoras deste tipo de produtos son mulleres de entre corenta e cincuenta anos. Así o destaca o profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Carlos María Fernández-Jardón, que xunto con Amigos da Terra e Oxfam-Intermón levaron a cabo esta investigación sobre o coñecemento deste tipo de comercio na cidade olívica en colaboración con Laura Casal Guillán e Fernández Durán. O proxecto comprende dúas liñas de estudo, a primeira centrada na agricultura ecolóxica e a segunda, que foi elaborada polo investigador da Universidade Fernández-Jardón, orientada ao comercio xusto. Nela, docente vigués afonda nas motivacións dos compradores e nas súas preferencias á hora de mercar produtos de comercio xusto.

Pedro Vázquez | Vigo
Un recente estudo levado a cabo en Vigo sobre o comercio xusto pon de manifesto que o 75% das persoas consumidoras deste tipo de produtos son mulleres de entre corenta e cincuenta anos. Así o destaca o profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Carlos María Fernández-Jardón, que xunto con Amigos da Terra e Oxfam-Intermón levaron a cabo esta investigación sobre o coñecemento deste tipo de comercio na cidade olívica en colaboración con Laura Casal Guillán e Fernández Durán. O proxecto comprende dúas liñas de estudo, a primeira centrada na agricultura ecolóxica e a segunda, que foi elaborada polo investigador da Universidade Fernández-Jardón, orientada ao comercio xusto. Nela, o docente vigués afonda nas motivacións dos compradores e nas súas preferencias á hora de mercar produtos de comercio xusto. Para analizar a fondo as súas preferencias, o estudo comprendeu tres partes: unha primeira centrada en coñecer os produtos básicos de consumo do comercio xusto; a segunda que consistiu na elaboración dunha enquisa sobre os hábitos e motivacións de compra da cidadanía viguesa en xeral, e da comunidade universitaria, en particular, e finalmente a elaboración dun plan de actuación para desenvolver e potenciar o consumo destes produtos na cidade.

A xuventude, a menos concienciada

Para a elaboración do informe os investigadores realizaron enquisas a través da rede accesibles nas páxinas web da Universidade e do Concello. “As respostas obtidas foron sobre todo de persoas consumidoras ou que consumiron algunha vez comercio xusto e son, precisamente, as opinións deste grupo as que nos interesaban”, aclara o profesor Fernández-Jardón. Dividiuse o grao de consumo de produtos de comercio xusto en cinco niveis, sendo o máis seleccionado o de ‘pouco frecuente’, datos que se corresponde coa media de consumo deste tipo de produtos en Galicia. Grazas ás respostas obtidas elaboraron un esquema de perfís de consumidores sobre relacións de compra para logo aplicar propostas para incentivar o comercio neste sector.

Outro dato importante obtido nas enquisas é a idade media do conxunto de consumidores. O investigador explica que a porcentaxe de consumo aumenta en relación á idade, o grupo máis numero de consumidores é o que se atopa na franxa entre 40 e 50 anos. Recoñece o grupo de estudo é pequeno pero permite detectar que nese segmento de idade a poboación ten un maior índice de concienciación, en contraste cos adolescentes, que non representan máis do 0,5% do total de consumidores. A enquisa amosa, deste xeito, que na cidade de Vigo o consumidor tipo coincide claramente co debuxado noutros estudos xa feitos noutros lugares: muller entre 40 e 50 anos. Por outra banda, o docente tamén analiza as causas do reducido consumo de produtos de comercio xusto, e sinala como a principal o pouco coñecemento sobre "o que é e o que non é o comercio xusto e a confusión nos termos", xa que boa parte da poboación non é quen de identificar os dez principios fundamentáis sobre os que asenta este sector: transparencia e rendición de contas; maiores ingresos para o produtor; prezo mínimo garantido; prezo xusto; non empregar funxicidas e fertilizantes de orixe sintético; garantir dereitos laborais; respecto á normas de traballo infantil; equidade de xénero e respecto e difusión da identidade cultural.

O téxtil, produto menos adquirido

Entre os produtos de comercio xusto máis vendidos en Vigo están café, doces, azucre, cacao ou té, seguido doutro tipo de alimentos como froitas. O téxtil ou a artesanía están moi por detrás, non chegan a un 5% das vendas totais. Fernández-Jardón salienta que a posible causa é que “a xente identifica máis o comercio xusto con produtos saudables, e iso está máis orientado a produtos de alimentación. No téxtil a idea de comercio xusto non está tan interiorizada, polo que non existe a mesma relación que hai cos produtos agrícolas”. A principal causa do baixo consumo de téxtil xusto atópase relacionada coa moda, xa que esta non ten as mesmas características que a roupa que venden as tendas, que seguen as tendencias ou as demandas da xente, e o docente engade que “os produtos de comercio xusto no téxtil non están adaptados á demanda”. Engade que “pasa exactamente o mesmo cos produtos de arte. A maior demanda neste sector son os recordos de viaxes ou produtos de mercadillo, pero sempre de elaboración local. É moi difícil vender produtos artísticos a baixo custe, xa que o transporte dende os países do sur encaréceos” agrega Fernández-Jardón.

O estudo das canles de compra tamén é un factor que se abordou nesta investigación, e os datos destacan que unha alta porcentaxe de consumidores buscan os produtos en tendas especializadas como as de comercio xusto, mercadillos ou herbarios e que estes consumidores posiblemente sexan os máis motivados. Tamén se rexistra consumo dos produtos en supermercados pero, pola contra, a través da canle de hostaleira, restauración e catering case non existe.

A concienciación, reto clave para o aumento no consumo

Na última fase do estudo, os investigadores marcan a liña a seguir para desenvolver e potenciar a compra de comercio xusto en Vigo. Apostan por incidir no conxunto do mercado global para despois, centrarse en actuacións específicas para os segmentos de compra máis motivados. Entre as propostas de actuación, o estudo suxire en primeiro lugar unha campaña de motivación de compra aos consumidores de forma global, especialmente orientada as e aos máis novos, xa que existe pouca atracción por estes produtos e aconséllanse campañas orientadas ás novas tecnoloxías, xogos, vídeos, etc.

En segundo lugar, Fernández-Jardón aposta por ofrecerlle aos consumidores motivacións de compra adaptadas aos produtos específicos, dado que hai unha ampla variedade e as accións de promoción deberían adaptarse a cada segmento de mercado e produto. Fronte a produtos como cacao, té, azucre ou café amplamente coñecidos, outros como o mel ou os xeados, teñen moi complicado introducirse na cesta da compra por descoñecemento e pola competencia local. Nestes casos, o investigador aconsella a creación de promocións ou ofertas de paquetes con produtos de pouca penetración con outros que gozan de máis consumo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós