DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 08 de novembro do 2016

A EE de Telecomunicación acolleu a xornada 'A muller tecnóloga na universidade'

A visibilización de referentes femininos, clave para potenciar as vocacións tecnolóxicas entre as mozas

As expertas denuncian que persisten os estereotipos de xénero á hora de elixir estudos e profesión


ImageAs cifras de matrícula en titulacións universitarias en todo o Estado español demostran que continúan existindo estudos e profesións tradicionalmente masculinas e femininas. Persisten roles de xénero e percepcións sexistas relativas a campos como as ciencias experimentais ou as enxeñarías que aínda non se conseguiron eliminar. Sobre as causas da súa persistencia e as propostas para erradicalos debateuse este martes na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na xornada A muller tecnóloga na universidade, unha iniciativa organizada polo grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal. O obxectivo da xornada é promover a visibilidade do papel e do traballo da muller con formación tecnolóxica e científica no eido académico, investigador e empresarial. Expertas en igualdade, responsables de centros de I+D e mulleres profesionais da enxeñaría e as ciencias coincidiron en salientar a necesidade de crear referentes femininos nestes eidos para fomentar as vocacións entre as estudantes de ensino secundario

M. Del Río | Vigo
As cifras de matrícula en titulacións universitarias en todo o Estado español demostran que continúan existindo estudos e profesións tradicionalmente masculinas e femininas. Persisten roles de xénero e percepcións sexistas relativas a campos como as ciencias experimentais ou as enxeñarías que aínda non se conseguiron eliminar. Sobre as causas da súa persistencia e as propostas para erradicalos debateuse este martes na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na xornada A muller tecnóloga na universidade, unha iniciativa organizada polo grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal. Fátima Otero é unha das investigadoras deste grupo e impulsora da xornada, que segundo explicou xorde paralelamente ao desenvolvemento dun proxecto piloto sobre o emprendemento da muller tecnóloga no rural.

O obxectivo da xornada é promover a visibilidade do papel e do traballo da muller con formación tecnolóxica e científica no eido académico, investigador e empresarial. Expertas en igualdade, responsables de centros de I+D e mulleres profesionais da enxeñaría e as ciencias coincidiron en salientar a necesidade de crear referentes femininos nestes eidos para fomentar as vocacións entre as estudantes de ensino secundario. Enrique Valero, director do grupo AF4, lembrou as trabas que persisten para que as mulleres enxeñeiras que fagan un oco no eido rural, forestal e medio ambiental, campo no que traballa o seu grupo. “O sector agrario e rural é tradicionalmente complicado para que as mulleres enxeñeiras e tecnólogas desenvolvan a súa carreira profesional”, polo que considera que este tipo de xornadas axudan a identificar as barreiras e a propor solucións. No mesmo sentido se expresaba a concelleira de Igualdade de Vigo, Uxía Blanco, de remarcaba a necesidade de traballar co estudantado de primaria e especialmente de secundaria, para o que xa existe unha colaboración do Concello e a Universidade, de xeito que a comunidade investigadora das escolas e facultades lles achega aos rapaces e rapazas a realidade das diferentes carreiras e as súas saídas profesionais. Este tipo de actuacións son de especial relevancia se se atende ás cifras presentadas pola responsable da Unidade de Igualdade da Universidade, Anabel G. Penín, que amosan que mentres a porcentaxe de alumnas na Universidade de Vigo é do 51%, no eido tecnolóxico redúcese ao 23% e, en concreto na enxeñaría informática limítase ao 17%”. Fronte a estes datos demandou visibilización de modelos femininos nestes eidos e estratexias por parte das institucións para mellorar as políticas públicas e deseñar estratexias que rachen cos estereotipos de xénero á hora de elixir os estudos.

As causas dunha elección estereotipada

Milagros Sáinz, directora do Grupo de Investigación Xénero e TIC da Universitat Oberta de Catalunya, repasou os factores que frean a presenza feminina no eido tecnolóxico e incidiu especialmente na persistencia dun modelo de profesións femininas e masculinas. Sáinz leva anos traballando na análise das causas que explican o desinterese das mozas pola ciencia e a tecnoloxía e o dos homes cara outros campos ligados tradicionalmente a un perfil feminino como as humanidades.

De feito, as cifras de matrículas universitarias en España amosan que a presenza de mulleres nos ámbitos tecnolóxicos é baixa, particularmente na informática (14%), titulación que aínda viu reducido o número de alumnas nos últimos anos, feito que segundo explicou Sáinz, “algúns expertos relacionan co cambio de denominación de facultade a escola de enxeñaría en moitas universidades, afastando aínda máis ás mozas”. Tamén son eidos con moi pouca presenza feminina as telecomunicacións, a enxeñaría electrónica ou a enxeñaría de minas; mentres a enxeñaría forestal está arredor do 32% ou enxeñaría química que está case equiparada a presenza de homes e mulleres. O eido das ciencias ten a menor presenza de mulleres e as matemáticas e a física, por exemplo, están fortemente masculinizadas. Pola contra, bioloxía ou medicina son xa titulacións feminizadas, cunha representación de mulleres por riba do 70%. Estes datos, segundo a investigadora, demostran que a elección dos estudos está profundamente estereotipada e influenciada por imaxes distorsionadas das profesións e pola falta de coñecemento sobre o exercicio real das mesmas. “As estudantes non se identifican co perfil profesional, algo que en moitas casos se podería evitar se se incidise na aplicación real de social destas titulacións”, remarcaba. Exemplo disto é o feito de que varios investigadores consideran que a introdución da formación en enerxía nas escolas de Enxeñaría de Minas permitiu aumentar a presenza de mozas nestes centros, afastándose así dunha imaxe estereotipada desta enxeñaría.

Tamén incidiu Sáinz na falta de referentes femininos entre o profesorado de secundaria, xa que os docentes das materias relacionadas coa tecnoloxía son maioritariamente homes (95%). O mesmo sucede na educación formal, con pouca presenza de figuras femininas destacadas nos libros de texto, por exemplo, o que se traduce na invisibilización de mulleres e das súas contribucións aos ámbitos tecnolóxicos, que podería servirlles ás alumnas como referentes para xerar vacacións profesionais.

Tras a intervención da investigadora da Oberta de Catalunya, a xornada completouse relatorio de Carmen Iglesias Escudero, directora xeral do Centro Tecnolóxico EnergyLab e coa presentación de casos profesionais e académicos por mulleres tecnólogas na que participaron Beatriz Novoa, científica do Instituto de Investigacións Mariñas; Coral del Río, catedrática do Departamento de Economía Aplicada e Ana Mª Ulla, profesora da Área de Astronomía e Astrofísica, ambas da Universidade de Vigo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós