DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 10 de novembro do 2016

Ciencias da Educación e do Deporte acolle a xornada ‘Construíndo contextos de paz’

Máis de 50 docentes fórmanse no campus en mediación escolar

As consecuencias do acoso escolar centraron o primeiro relatorio, a cargo da investigadora da USC Mercedes Novo


ImageContribuír, a través da formación en resolución de conflitos, a construír nas escolas “contextos de paz” é o propósito central das Xornadas de Mediación Escolar que na tarde deste xoves achegaron ata a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a máis de 50 profesores e profesoras de diferentes niveis educativos. Dirixidas polo profesor Aquilino Alonso, as xornadas Construíndo contextos de paz teñen o propósito de contribuír á concienciación e formación dos profesionais do ensino nun ámbito como o da mediación que, como lembrou a profesora da USC Mercedes Novo pode resultar unha valiosa ferramenta ante o acoso escolar.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Contribuír, a través da formación en resolución de conflitos, a construír nas escolas “contextos de paz” é o propósito central das Xornadas de Mediación Escolar que na tarde deste xoves achegaron ata a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a máis de 50 profesores e profesoras de diferentes niveis educativos. Dirixidas polo profesor Aquilino Alonso, as xornadas Construíndo contextos de paz tiñan nese senso o propósito de contribuír á concienciación e formación dos profesionais do ensino nun ámbito como o da mediación que, como lembrou na conferencia de apertura a profesora da USC Mercedes Novo pode resultar unha valiosa ferramenta para o alumnado á hora de afrontar posibles situacións de acoso escolar.

Xunto a Alonso, a inauguración destas xornadas contou coa participación de Luísa Márquez, coordinadora en Galicia da Rede de Escolas Unesco, da que esta facultade forma parte e do secretario da comisión PEA-Unesco desta facultade, Miguel Cuevas, quen lembrou que “a mediación é unha competencia clave para os docentes e un aspecto esencial na formación do alumnado, tal e como se recoñece na lexislación actual”.

Mediación fronte ao acoso escolar

Na conferencia que abriu as xornadas, Mercedes Novo incidiu na importancia de diferenciar o acoso escolar doutra serie de formas de conflito ou condutas violentas. “O acoso require dunha intencionalidade nos actos de agresión, dun desequilibrio de poder e de continuidade e reiteración no tempo”, salientou esta profesora, que alerta das “consecuencias directas e de longa duración” que esta problemática pode supor. “Ser vítima de acoso escolar está relacionado cun amplo espectro de problemas que comprometen o benestar físico e psicolóxico dos menores”, apuntou Novo quen lembrou a súa vinculación con trastornos de ansiedade, depresión, dificultades nas relacións interpersoais, na integración escolar ou no proceso de aprendizaxe, consecuencias que “nalgúns casos arrástranse ata a vida adulta”.

De aí que subliñase a importancia de abordar esta problemática desde a prevención, formando aos nenos e nenas en “estratexias de resolución de conflitos” e impulsando a mediación no ámbito escolar, para o que é preciso, como lembrou, achegar ao profesorado a "formación adecuada". Así mesmo, incidiu na importancia dos programas de intervención, “que amosaron ser eficaces” á hora de mellorar as “estratexias de afrontamento das potencias vítimas”, e o labor de reeducación dos agresores e agresoras, así como o labor que realizan grupos de investigación como o PS1 da Universidade de Vigo, que dirixe a catedrática Francisca Fariña, e GI-1754 da USC á hora de definir técnicas que permitan “establecer o dano psicolóxico que sofren as vítimas”.

Achegando a reformulación ás aulas

Tras unha conferencia do profesor da USC Carlos Vila, a xornada pechouse coa presentación da unidade didáctica Reformulando, elaborada o pasado curso no marco dun proxecto de innovación educativa da facultade, encabezado por Miguel Cuevas. A partires da análise dos recursos lingüístico-educativos, esta unidade busca promover nos centros a resolución pacífica de conflitos a través dunha das técnicas habituais da mediación, a reformulación das mensaxes. Deste xeito, estas xornadas serviron como punto de partida para a implantación desta unidade nas aulas, que segundo apuntou a investigadora e integrante do Servizo de Mediación Familiar Intraxudicial de Pontevedra Katia Rolán, comezará a desenvolverse no mes de xaneiro en diferentes centros de ensino da rede Unesco, onde ao longo de nove semanas desenvolverase de xeito simultáneo un programa formativo.

Por outra banda as xornadas buscaban tamén servir “como ponte” entre a implantación desta unidade e a iniciativa que lle dá continuidade neste curso, o proxecto de innovación educativa da facultade A reformulación en lingua galega para fomentar na Educación Primaria a convivencia. Con Aquilino Alonso como investigador principal, esta “iniciativa interdisciplinar”, reúne a investigadores e investigadoras dos eidos da lingüística e a psicoloxía da Universidade. Con propostas complementarias e novas actividades, este novo proxecto busca tamén que o alumnado “se forme en competencias lingüísticas en lingua galega”, ao tempo que en resolución pacífica de conflitos, como explica Alonso, un traballo que vai ligado á vez a un labor de investigación que, como engade Cuevas, enlace as perspectivas neuropsicolóxica, lingüística e educativa, “coa finalidade de mellorar o noso coñecemento sobre determinados procesos de aprendizaxe”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós