DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 18 de novembro do 2016

O investigador da Universidade de Vigo cualifica de “fantástica” a súa participación na Moving for Climate

Xavier Labandeira, economista: “Todos estamos chamados a participar no importante esforzo de frear o cambio climático”

Agarda que Trump manteña os compromisos que lega Obama e EEUU non se retire do Acordo de París


Image Atrás quedan tres días pedaleando ao longo de máis de 300 quilómetros nunha bicicleta eléctrica por terras marroquís e unha cuarta xornada participando en diversos eventos celebrados ao abeiro do Cumio do Clima COP22 de Marrakech. Hoxe, xa de volta no seu despacho da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, o catedrático Xavier Labandeira refírese a súa participación na Moving for Climate NOW como “unha grande e inesquecible experiencia, “pola súa compoñente de sensibilización social, atravesando zonas remotas de Marrocos e pola capacidade de compartir coñecemento e vivencias desde moitos puntos de vista”. O economista, xunto a representantes, de empresas, institucións e organizacións comprometidas coa loita polo cambio climático, participou nas tres últimas etapas da Moving for Climate NOW, unha iniciativa da Red Española del Pacto Mundial de las Naciones Unidas e Iberdrola.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Atrás quedan tres días pedaleando ao longo de máis de 300 quilómetros nunha bicicleta eléctrica por terras marroquís e unha cuarta xornada participando en diversos eventos celebrados ao abeiro do Cumio do Clima COP22 de Marrakech. Hoxe, xa de volta no seu despacho da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, o catedrático Xavier Labandeira refírese a súa participación na Moving for Climate NOW como “unha grande e inesquecible experiencia, “pola súa compoñente de sensibilización social, atravesando zonas remotas de Marrocos e pola capacidade de compartir coñecemento e vivencias desde moitos puntos de vista”. O economista, xunto a representantes, de empresas, institucións e organizacións comprometidas coa loita polo cambio climático, participou nas tres últimas etapas da Moving for Climate NOW, unha iniciativa da Red Española del Pacto Mundial de las Naciones Unidas e Iberdrola, que en total percorreu 1100 quilómetros en 10 etapas co obxectivo de transmitir á sociedade a urxencia de combater o cambio climático, a necesidade de unir esforzos desde todos os ámbitos e a esixencia de actuar con rapidez e ambición. Xa en Marrakech, na COP22, que onte baixou o pano coa aprobación dunha declaración de apoio ao Acordo de París, o economista vigués, como integrante da delegación da Unión Europea, tomou parte en varios eventos que tiveron lugar nas delegacións de EEUU, dos países africanos e da propia UE.

Enfrontando tramos de moito desnivel no pre-Atlas e coa precaución de non esgotar a batería da bicicleta eléctrica, o percorrido discorreu, segundo o docente de investigador da Universidade de Vigo, por zonas “autenticamente espectaculares”. Foron 350 quilómetros ao longo dos que se sucederon moitas imaxes para o recordo, como a das nenas e nenos fronte aos colexios que aplaudían ao paso da marcha ou a dos debates, que as e os participantes na marcha realizaban ao remate de cada etapa. “Gustoume moito a énfase xenérica na necesidade de actuar xa e coa involucración de todos, non por que eu sexa un activista, senón porque o noso traballo de investigación así o sustenta. Tamén aprendín moito sobre financiamento e cambio climático e nas conversas cos colegas, mentres pedaleabamos”, explica Labandeira, que liderou un dos debates centrado no papel dos instrumentos económicos na loita contra o cambio climático, falando dos impostos e mercados, o tema no o que o seu grupo de investigación,Rede, traballa desde mediados dos anos noventa.

A participación na marcha ciclista finalizou o mércores cun acto no que as e os participantes fixeron entrega en Marrakech á ministra española de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, Isabel García Tejerina e ao comisario europeo de Acción por el Clima y Energía, Miguel Arias Cañete, dun manifesto no que se avoga pola actuación de todos os actores grandes e pequenos, públicos e privados, movendo todas as pancas de cambio e facéndoo xa.

Esforzo común para frear o cambio climático

Dun cumio cun compoñente técnico moi importante de desenvolvemento do Acordo de París en aspectos como a verificación e transparencia no reporte de emisións ou o financiamento climático, Labandeira destaca tamén a posta en marcha de dúas iniciativas paralelas á negociación climática: “a declaración dos gobernos, que sen ter forza legal, busca dar un impulso ás medidas contra o cambio climático e, os denominados campións climáticos, neste caso representantes dos países que organizaron as dúas últimas COPs: Francia e Marrocos, que busca involucrar a empresas, cidadáns e outros axentes sociais no gubernamentais na loita contra o cambio climático”.

Neste sentido, o catedrático vigués considera que, se ben, os decisores políticos teñen un papel moi importante que xogar na definición dos marcos regulatorios que faciliten a redución das emisións a través de novas tecnoloxías e/ou de cambios nos comportamentos da cidadanía e as empresas, “todos, e aquí recupero o que nos moveu na marcha a Marrakech, incluíndo empresas e cidadáns, estamos chamados a participar no importante esforzo que nos espera nos próximos anos”, afirma.

Agardar as decisións que adopte Donald Trump nos próximos meses

Unha das noticias máis relevantes da COP22 foi, segundo Labandeira, a presentación por parte do goberno de EEUU dun ambicioso obxectivo de redución de emisións para o ano 2050, que situaría á economía norteamericana ao borde da descarbonización. “Esperemos que administración Trump manteña estes compromisos tan positivos que lega Obama, aínda que, as declaracións nos últimos meses do presidente electo sobre este tema no fan presaxiar nada bo neste campo. Dado que EEUU é un actor clave na negociación climática internacional, sería moi preocupante que se retirase do Acordo do París ou que non tomase as medidas necesarias para cumprir cos compromisos xa anunciados na súa ratificación”, advirte Labandeira, que en calquera caso asegura que cómpre esperar a ver que decisións adopta Trump nos próximos meses.

Pola súa banda, o economista vigués continuará a compatibilizar o seu traballo na Universidade de Vigo coa dirección de FSR Climate no IUE de Florencia, moi interesado na avaliación económica das políticas climáticas europeas, “en particular do mercado europeo de comercio de emisións, os impostos enerxético-ambientais e as políticas de eficiencia enerxética, non só a nivel da UE, senón tamén das políticas nacionais e subnacionais”, explica Labandeira.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós