DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 29 de novembro do 2016

As tres universidades e once concellos poñen en marcha o concurso de vídeo na rede Youtubeir@s

Porque Youtube tamén é para o galego

As pezas, nas categorías Vídeo-facermos e Vídeo-opinarmos, poden presentarse ata o 28 de abril


ImageIncrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes máis empregadas no mundo e incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos son os obxectivos de Youtubeir@s, concurso de vídeos na rede que impulsan os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e dos concellos da Coruña, Ames, Baña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove. Os detalles do concurso presentáronos este martes 29 representantes das entidades implicadas no seu desenvolvemento nun acto na USC.

Duvi | Vigo
Incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes máis empregadas no mundo e incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos son os obxectivos de Youtubeir@s, concurso de vídeos na rede que impulsan os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas e dos concellos da Coruña, Ames, Baña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove. Os detalles do concurso presentáronos este martes 29 representantes das entidades implicadas no seu desenvolvemento nun acto na USC que presidiu a vicerreitora de Servizos Universitarios da institución compostelá, Carmen Silva, xunto coa coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia; a concelleira de Cultura de Teo, María Pilar Pérez Faxil e o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña. O acto permitiu destacar o valor das novas tendencias sociais na comunicación actual no relativo ao papel activo dos e das youtubers na rede.

Youtubeir@s, concurso de vídeos na rede, comezará o xoves 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril. Poderán presentarase persoas maiores de 14 anos que deberán formalizar a súa inscrición en liña. Os vídeos deberán ter unha duración aproximada de cinco minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube.

Vídeo-facermos e Vídeo-opinarmos

O concurso comprende dúas categorías en función dos contidos das pezas audiovisuais. Por unha banda, pódese concursar en Vídeo-facermos, con titoriais nos que se mostren saberes e procesos de elaboración para que outra xente os poida aprender, por exemplo, unha receita, un truco de maxia, o uso dun programa informático, manualidades, etc. A outra alternativa é Vídeo-opinarmos, modalidade de vídeos nos que, de xeito argumentado, se expón unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese, por exemplo, sobre un libro, unha película, unha serie, temas de actualidade, moda ou tendencias. En cada unha destas categorías outorgarase un galardón dotado de 1000 euros e catro mencións honoríficas de 500 euros segundo os criterios dun xurado que estará composto por profesionais da comunicación audiovisual. Na súa valoración, o xurado terá en conta o enxeño e a creatividade, valorando a orixinalidade da peza a nivel visual, sonora e do propio contido; a calidade técnica da peza tanto a nivel visual como sonoro; a eficiencia comunicativa do vídeo na transmisión do contido tanto a nivel oral como visual e a calidade lingüística, valorando o uso coidado e correcto da lingua en todas as súas variantes dialectais (calidade fonética, léxica, sintáctica, etc.).

Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos para todas aquelas administracións locais que desexen programalos. Estas accións formativas, que se desenvolverán de xeito parello ao concurso, estarán impartidas pola produtora Illa Bufarda. O seu obxectivo é achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes sociais e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións.

Nesta xornada de presentación, tivo lugar tamén unha xuntanza de traballo dos representantes destas administracións para concretar as liñas de actuación conxuntas para a promoción do galego como servizo á cidadanía e concienciar sobre a importancia das TIC para revalorizar a lingua.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós