DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 12 de decembro do 2016

O Mosteiro de San Xoán acollerá en xuño un simposio centrado nas primeiras catro décadas do século XX

Poio reunirá en 2017 a especialistas de toda España para afondar nas orixes do turismo

Coordinado polo profesor Rafael Vallejo, céntrase no período no que comeza a configurarse este sector


ImageNa década de 1930, o tranvía que une Vigo e Baiona é empregado nos días de verán por máis de 6000 persoas que realizan o traxecto de ida e volta ás praias, mentres que cidades como Barcelona ou Madrid contan xa con máis dunha trintena de axencias de viaxes. “A comezos do século XX, comeza a apostarse en España polo que se chama entón a industria dos forasteiros”, sinala o profesor Rafael Vallejo, que sitúa no primeiro terzo do século XX a época onde comezan a sentarse as bases do que sería décadas despois unha importante industria no país, o turismo. Afondar desde múltiples perspectivas nesas décadas “nas que se está a configurar un sistema turístico” é nese senso o propósito central do I Congreso de Historia del Turismo, que se desenvolverá en xuño de 2017 no Mosteiro de San Xoán de Poio.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Na década de 1930, o tranvía que une Vigo e Baiona é empregado nos días de verán por máis de 6000 persoas que realizan o traxecto de ida e volta ás praias, mentres que cidades como Barcelona ou Madrid contan xa con máis dunha trintena de axencias de viaxes e aspectos como os grandes eventos, as festas ou o deporte comezan a abordarse como elementos capaces de atraer viaxeiros. “A comezos do século XX, comeza a apostarse en España polo que se chama entón a industria dos forasteiros”, sinala o profesor Rafael Vallejo, que sitúa no primeiro terzo do século XX a época onde comezan a sentarse as bases do que sería décadas despois unha importante industria no país, o turismo. Afondar desde múltiples perspectivas nesas décadas “nas que se está a configurar un sistema turístico” é nese senso o propósito central do I Congreso de Historia del Turismo. Los orígenes del turismo en España 1900-1939. El nacimiento de un país de turismo, que en xuño de 2017 reunirá no Mosteiro de San Xoán de Poio a preto dunha trintena de especialistas en diferentes disciplinas co propósito de trazar a “aproximación máis completa e máis precisa que se ten feito ata o de agora” ás décadas nas que se asentan as “pezas básicas” do modelo turístico español.

Coordinado por este profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o investigador da Universidad de Granada Carlos Larrinaga, xunto coas docentes da Universidade da Coruña Elvira Lindoso, Margarita Vilar e a profesora da UCAM Beatriz Correyero, este simposio insírese nun proxecto de investigación do grupo Turhis, coordinado por Larrinaga e financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad. Esta iniciativa ten como obxectivo analizar a historia do turismo en España ao longo do século XX e dela forma parte á súa vez un segundo proxecto, coordinado por Vallejo, dirixido a elaborar a primeira historia do turismo en Galicia.

Viaxar aos inicios para comprender o presente

“O turismo en España non xorde no franquismo como un fenómeno de masas, xa existe unha política turística antes, xa existen empresarios antes e hai unhas liñas de continuidade moi importantes”, sostén Vallejo dun período que recoñece pouco estudado ata o de agora. “Vendo o que sucede en Suíza, Francia ou Italia, países nos que o turismo, tanto interior como sobre todo exterior, achega divisas e ingresos significativos, a comezos do século XX comeza abordarse en España como unha posible actividade económica, como unha posible industria”, salienta este docente do período que centrará este congreso aberto tanto a especialistas e profesionais como a alumnado universitario.

Neste senso, o propósito de abordar nestas xornadas, que contan coa colaboración da agrupación estratéxica Ecobas e do grupo de referencia competitiva Ecosot, ambos da Universidade de Vigo, as múltiples dimensións deste fenómeno leva a abordar as décadas obxecto de análise desde unha óptica interdisciplinar, reunindo a expertos e expertas en historia, economía, xeografía, ciencia política, antropoloxía ou arquitectura. “Queremos contar con especialistas nas distintas pezas deste sistema, porque o turismo é un fenómeno poliédrico que permite entender mellor a xeografía e a estrutura social española”, salienta Vallejo. Dese xeito, as preto de 30 conferencias que integran o programa dun congreso que se desenvolverá do 6 ao 8 de xuño divídense en seis bloques temáticos, cos que abordar a economía do turismo; as políticas públicas neste eido; a arquitectura e planificación urbanística; a oferta e servizos turísticos; o transporte, aloxamentos e axentes; os produtos turísticos e a xeografía.

Do mesmo xeito, a unha relación de expertos e expertas integrada por investigadores procedentes das universidades de Málaga, Católica de Murcia, Cantabria, Politécnica de Madrid, Complutense, Alacante, Granada, Cantabria ou Girona, únense tamén expertos chegados doutros países, como Jorge Villaverde, do European University Institute de Florencia, Kirsty Hooper, da universidade británica de Warwick e Sasha D. Pack, da State University of New York. “Para entender ben o fenómeno turístico é preciso introducir tamén a perspectiva internacional”, sinala nese senso Vallejo dunha xornadas que buscan, non só abordar o sistema turístico “na súa totalidade, senón facer tamén unha aproximación moi potente” as orixes e liñas de desenvolvemento deste sistema en España.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós