DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 20 de decembro do 2016

A sede da Vicerreitoría acolle unhas xornadas técnicas promovidas pola asociación Aempe

Os retos de futuro das Pemes debátense na Casa das Campás

Os vínculos entre emprendemento e Universidade serán un dos temas a abordar neste seminario


ImageA innovación empresarial en Galicia, o control de horarios, o novo regulamento europeo en materia de protección de datos ou a recente sentenza do Tribunal de Luxemburgo sobre a indemnización por despedimento constitúen algunhas das temáticas que nas xornadas de martes e mércores centran un debate sobre o presente e futuro do sector empresarial na Casa das Campás. Coa colaboración de Vicerreitoría, Consello Social da Universidade, Deputación e Concello, Aempe promove unhas xornadas técnicas dirixidas a promover unha reflexión sobre os novos retos e oportunidades aos que ten que enfrontarse a pequena e mediana empresa.

Duvi | Pontevedra
A innovación empresarial en Galicia, o control de horarios, o novo regulamento europeo en materia de protección de datos ou a recente sentenza do Tribunal de Luxemburgo respecto das diferencias na indemnización por despedimento entre contratos temporais ou indefinidos constitúen algunhas das temáticas que nas xornadas de martes e mércores centran un debate sobre o presente e futuro do sector empresarial na Casa das Campás. Coa colaboración de Vicerreitoría do campus, Consello Social da Universidade, Deputación e Concello, a asociación Aempe promove unhas xornadas técnicas dirixidas a "mirar cara o futuro" e promover unha reflexión sobre os novos retos e oportunidades aos que ten que enfrontarse a pequena e mediana empresa nestes "tempos de cambio", como sinalou o presidente desta asociación, José María Corujo.

As Xornadas Técnicas Empresarial 2016 constitúen nese senso “un paso máis na colaboración entre a Universidade e o campus de Pontevedra coa súa contorna empresarial máis inmediata”, como sinala o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, que incide nese senso na liña de colaboración que mantén a institución académica con organizacións empresariais como AJE-Pontevedra ou a propia Asociación da Pequena e Mediana Empresa (Aempe), coa que a Universidade xa viña colaborando en eventos como o Edugal. Nese senso, Corbacho, que acompañou a Corujo; ao presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; e á concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, na apertura deste foro, pon tamén de relevo que o fomento do emprendemento constitúe unha das liñas prioritarias do proxecto de especialización CREA S2i, como se amosa a través de iniciativas como o Pont-Up Store, “unha feira de emprendemento que, despois de tres edicións, converteuse xa nun evento de referencia”.

Un foro con protagonismo da Universidade

Dirixidas fundamentalmente a empresarios e empresarias, pero abertas tamén ao alumnado, estas xornadas técnicas, que na tarde deste mércores abriu a avogada e economista Carlota Sánchez, outorgan un papel destacado no seu programa aos investigadores da Universidade. Así, a situación na que se atopa a innovación empresarial en Galicia constitúe o eixo da conferencia que imparte na tarde deste martes o investigador do grupo Rede Xosé H. Vázquez, mentres que o mércores o catedrático de Dereito do Traballo e Seguridade Social Jaime Cabeza abordará nun relatorio as repercusións da sentenza do tribunal de xustiza da UE que considera discriminatoria a diferenciación na indemnización por despedimento nos contratos temporais.

Tamén na tarde do xoves, estas xornadas técnicas acollerán unha mesa redonda titulada Universidade, empresa e emprendemento, moderada polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación e director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, no que, xunto á concelleira Anabel Gulías e o técnico do proxecto SmartPeme José Antonio Piñeiro, participarán varios dos novos empresarios e empresarias que tomaron parte nesta feira de emprendemento.

Xunto a estas achegas, o programa deste seminario inclúe tamén as conferencias do avogado Alberto Viejo, o socio director de InfoJC, Jorge Cebreiros, e o analista infrmático Julio Ferández, así como do secretario xeral da Confederación Española de la Pequeña y Mediana Empresa (Cepyme), Borja Echegaray, que ofrecerá a conferencia de clausura.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós