DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 17 de xaneiro do 2017

O investigador de Ecobas foi seleccionado para traballar durante un ano no UNU-Wider en Finlandia

O profesor Carlos Gradín incorpórase á Universidade da ONU para investigar procesos de desigualdade e discriminación

Este centro de investigación é tamén unha axencia da ONU e un think tank sobre políticas de desenvolvemento


ImageDurante un ano o profesor do Departamento de Economía Aplicada Carlos Gradín cambiará Vigo por Helsinki para desenvolver os seus proxectos centrados na análise da pobreza e das desigualdades. O investigador da agrupación estratéxica Ecobas foi seleccionado para unha estadía no UNU-Wider, Universidade das Nacións Unidas-Word Institute for Development Economics Research, que ten a súa sede na capital finesa. Este é o primeiro centro de investigación posto en marcha pola universidade da ONU hai máis de 30 anos, cando iniciou a súa andaina da man de Amartya Sen, premio Nobel de Economía en 1998 polas súas achegas ao estudo da pobreza e a desigualdade. Durante a súa estadía en Helsinki, Gradín continuará coas súas liñas de investigación acordes coas liñas estratéxicas deste centro de I+D que se asentan no estudo das desigualdades e discriminacións entre grupos de poboación.

M. Del Río | Vigo
Durante un ano o profesor do Departamento de Economía Aplicada Carlos Gradín cambiará Vigo por Helsinki para desenvolver os seus proxectos centrados na análise da pobreza e das desigualdades. O investigador da agrupación estratéxica Ecobas foi seleccionado para unha estadía no UNU-Wider, Universidade das Nacións Unidas-Word Institute for Development Economics Research, que ten a súa sede na capital finesa. Este é o primeiro centro de investigación posto en marcha pola universidade da ONU hai máis de 30 anos, cando iniciou a súa andaina da man de Amartya Sen, premio Nobel de Economía en 1998 polas súas achegas ao estudo da pobreza e a desigualdade.

Durante a súa estadía en Helsinki, Gradín continuará coas súas liñas de investigación acordes coas liñas estratéxicas deste centro de I+D que se basean no estudo das desigualdades e discriminacións entre grupos de poboación. Neste sentido, Gradín explica que o UNU-Wider funciona tamén unha axencia ONU e como think tank sobre políticas de desenvolvemento, realizando labores de análise e asesoramento en políticas económicas encamiñadas a un crecemento sostible e equitativo. O programa actual de traballo UNU-Wider céntrase en tres eixos interrelacionados, por unha banda, os cambios estruturais que posibilitan o crecemento económico (transformación); por outro, a análise das desigualdades e o papel distributivo das políticas públicas (inclusión); e, finalmente, as políticas enerxéticas e o cambio climático (sustentabilidade). Ademais, remarca o docente vigués, “xestionan diversas bases de datos de relevancia para o estudo deses temas, como o World Income Inequality Database (WIID) que se está a converter nunha referencia para a análise das desigualdades a nivel global”.

Estrito proceso de selección

A súa marcha a Finlandia responde a unha convocatoria internacional de varias prazas para investigadores residentes no UNU-Wider. “Animeime a participar, o meu campo de traballo é a análise da pobreza e das desigualdades, e unha parte importante na que quero afondar céntrase nos países menos desenvolvidos. Tiña ganas de involucrarme na investigación que neses temas se fai dende organismos internacionais e este centro ten diversos proxectos en marcha nos que creo que as miñas liñas de investigación encaixan ben, polo que considero que podo achegar algo á vez que beneficiarme das sinerxías que se producen nunha contorna así”.

A estadía inicial é dun ano de duración, prorrogable ata un máximo de seis. Explica que "ao tratarse dun posto de funcionario de Nacións Unidas, o proceso estivo sometido a unha selección competitiva internacional". Neste centro, ao que se incorporará o 23 deste mes, colaborará nos diversos proxectos do instituto sobre o estudo das desigualdades e discriminacións entre grupos de poboación. Destaca que os seus estudos se centran especialmente nas desigualdades relacionadas con sexo, raza e etnia, con especial referencia a países con fortes desigualdades vencelladas a esas diferenzas entre grupos, como EEUU, Brasil, Sudáfrica ou India, pero extensible a outros menos estudados. “Trátase de expandir a evidencia empírica dispoñible, pero tamén de mellorar as ferramentas existentes para analizar eses fenómenos”, destaca. Entre os traballos que ten en carteira, está o estudo dos factores que determinan a maior incidencia da pobreza entre os hispanos e os afroamericanos en EEUU, “aproveitando as variacións que hai por áreas metropolitanas”. Outro dos proxectos centrarase na análise da extensión, evolución e natureza da segregación racial en Brasil ou Sudáfrica, ou do sistema de castas na India, en múltiples esferas relevantes da vida, como saúde, educación, ocupación, renda, relixión, etc.

Ademais, Gradín colaborará no desenvolvemento dunha rede de investigación e na formación de investigadores de países en vías de desenvolvemento, xa que un dos obxectivos deste instituto é involucran nas súas actividades a investigadores destacados nas súas áreas de traballo por todo o mundo. Para iso contan con “dous ambiciosos programas de visitantes, un para investigadores consolidados, e outro para investigadores en formación procedentes de África e doutras áreas pouco desenvolvidas”, conclúe.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós