DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 19 de xaneiro do 2017

Bióloga unha e filóloga a outra, renovarán os seus contratos ao longo de 2017

O Programa de retención do talento investigador da Universidade permite manter en Vigo a Flora Alonso e Nuria Yáñez

As investigadoras reciben esta oportunidade como “un novo balón de osíxeno”


ImageAs dúas se formaron nas aulas da Universidade, unha licenciouse en Filoloxía Inglesa no ano 2000 e a outra en Bioloxía no 2002. Dende entón, cada unha no seu ámbito, desenvolveron carreiras investigadoras brillantes, parte delas no estranxeiro, parte en España, na propia institución da que son egresadas. Ambas están acreditadas a profesoras titular, pero o contexto normativo actual, que limita a contratación de persoal nas universidades públicas, dificultaba a súa continuidade laboral en Vigo. Falamos de Nuria Yáñez-Bouza e Flora Alonso Vega, as dúas investigadoras beneficiarias da segunda convocatoria do Programa de retención do talento investigador da Universidade de Vigo, unha iniciativa, única no sistema universitario galego, coa que a institución académica viguesa busca reter “a investigadoras e investigadores novos moi valiosos que desenvolveron as súas carreiras durante anos aquí e que queren seguir facéndoo”, tal e como recalca a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo.

D. Besadío | Vigo
As dúas se formaron nas aulas da Universidade, unha licenciouse en Filoloxía Inglesa no ano 2000 e a outra en Bioloxía no 2002. Dende entón, cada unha no seu ámbito, desenvolveron carreiras investigadoras brillantes, parte delas no estranxeiro, parte en España, na propia institución da que son egresadas. Ambas están acreditadas a profesoras titular, pero o contexto normativo actual, que limita a contratación de persoal nas universidades públicas, dificultaba a súa continuidade laboral en Vigo. Falamos de Nuria Yáñez-Bouza e Flora Alonso Vega, as dúas investigadoras beneficiarias da segunda convocatoria do Programa de retención do talento investigador da Universidade de Vigo, unha iniciativa, única no sistema universitario galego, coa que a institución académica viguesa busca reter “a investigadoras e investigadores novos moi valiosos que desenvolveron as súas carreiras durante anos aquí e que queren seguir facéndoo”, tal e como recalcaba no lanzamento desta iniciativa a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo.

Na primeira convocatoria do programa, en 2015, houbo sete beneficiarios; nesta segunda as solicitudes limitáronse a catro, das que só estas dúas cumprían os requisitos: ser ou ter sido persoal investigador a tempo completo na Universidade de Vigo no cadro das convocatorias dos anos 2010 ou 2011 dos programas Ramón y Cajal ou Isidro Parga Pondal, cunha antigüidade mínima no posto de tres anos de forma continuada na Universidade; ter rematado ou rematar o contrato entre o 1 de xullo de 2016 e o 30 de xuño de 2017 e dispoñer da acreditación da Aneca como Profesorado Titular de Universidade ou ter acadado un mínimo de 40 puntos no apartado de Investigación na resolución negativa da acreditación.

As dúas cumpriron os requisitos e ao longo dos vindeiros meses asinarán os seus novos contratos –un máximo de catro de tres anos de duración como persoal laboral a tempo completo e remuneración correspondente a do profesorado titular-, unha oportunidade á que Flora Alonso se refire como “un novo balón de osíxeno que me permite darlle un pouco máis de continuidade ás investigación que levo a cabo”, mentres que para Nuria Yáñez, o novo contrato “sendo positivos supón a continuidade laboral na Universidade de Vigo, que é o que nós queremos”.

Contaminación de solos, principal liña de investigación de Flora Alonso

Licenciada en Bioloxía e doutora dende o ano 2008 –a súa tese recibiu o Premio José María Albareda á mellor do bienio no campo das ciencias do solo-, Flora Alonso incorporouse no 2005 ao grupo de investigacion BEV1 da Universidade de Vigo liderado polo profesor Manuel J. Reigosa, primeiro cun contrato posdoutoral Ángeles Alvariño da Xunta de Galicia, que lle permitiu seguir vinculada a este grupo mentras realizaba unha estancia de máis de dous anos na Universidade de Wageningen (Holanda) e, xa dende 2011, cun contrato Ramón y Cajal que rematará nos vindeiros meses.

“Para min un dos maiores problemas cos que nos atopamos os investigadores novos é a falta dunha vinculación permanente cun organismo de investigación”, subliña Alonso, ao tempo que explica que isto dificulta non só o feito de formar parte de equipos de investigación na solicitude de proxectos, “tamén o de adquirir compromisos con posibles colaboradores e doutorandos que vaian mais aló da duración do contrato que te mantén vinculada coa Universidade”.

O seu traballo de investigación céntranse na contaminación do solos e, dentro desta, en entender a súa capacidade para reter ou almacenar contaminantes. “Os solos funcionan como sumidoiro de moitos produtos contaminantes e ao mesmo tempo como filtros ambientais, polo que, sempre que non se superen certos límites, protexen aos organismos que neles habitan e a outros medios máis sensibles á contaminación como é o caso da auga”, explica a investigadora, ao que engade que coñecer eses límites é de especial interese, pero é tamén un tema complexo no que traballan moitos grupos de investigación a nivel mundial, aínda que con enfoques diferentes.

Historia da lingua inglesa, a especialidade de Nuria Yáñez

Licenciada en Filoloxía Inglesa, Nuria Yáñez-Bouza formouse na vida académica na Universidade de Manchester durante dez anos, alí realizou primeiro un Mestrado en Estudos Ingleses e doutorouse en Lingüística do Inglés no 2007, acadando ao pouco tempo a praza de profesora titular e logrando no ano 2010 o Premio á mellor profesora do ano na Facultade de Humanidades desta universidade británica. “Manchester ofrecíame un futuro laboral estable e de prestixio”, admite a investigadora, quen, pese a todo, en 2012 decide volver a Vigo cun contrato do programa Ramón y Cajal.

A súa chegada a Vigo incorporouse ao grupo de investigación HI-19 Language Variation and Textual Categorisation (LVTC), no Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá. “O meu campo de traballo principal é a historia da lingua inglesa, o estudo do cambio e variación lingüística nos séculos XVII, XVIII e XIX. Céntrome fundamentalmente na influencia das normas gramaticais establecidas nas gramáticas do século XVIII”, subliña a investigadora, quen tamén traballa asiduamente na compilación de corpora – colección de textos escritos en formato electrónico-, principalmente en cartas dos séculos XVIII e XIX, ademais de exercer como coordinadora do Grao en Linguas Estranxeiras.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós