DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 23 de xaneiro do 2017

III Semana de recollida de RAEEs, enmarcada no proxecto Green Campus

Dar unha saída ecolóxica aos vellos aparellos electrónicos

Na última edición desta iniciativa, promovida pola Vicerreitoría, recuperáronse 162 dispositivos


ImageAno novo, aparellos novos. O Nadal é época de renovación de equipos e dispositivos tecnolóxicos e o campus de Pontevedra quere darlle un final ecolóxico a todos aqueles aparellos antigos que quedan abandonados en armarios e caixóns. Por este motivo, dende este luns e ata o vindeiro 27 de xaneiro estará en marcha a III Semana da recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs), unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría e enmarcada no proxecto Green Campus que nesta ocasión busca recoller todos aqueles equipos que xa non lle son útiles aos membros da comunidade universitaria ou a usuarios e usuarias particulares.

Noemí Rey | Pontevedra
Ano novo, aparellos novos. O Nadal é época de renovación de equipos e dispositivos tecnolóxicos e o campus de Pontevedra quere darlle un final ecolóxico a todos aqueles aparellos antigos que quedan abandonados en armarios e caixóns. Por este motivo, dende este luns e ata o vindeiro 27 de xaneiro estará en marcha a III Semana da recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs), unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría e enmarcada no proxecto Green Campus que nesta ocasión busca recoller todos aqueles equipos que xa non lle son útiles aos membros da comunidade universitaria ou a usuarios e usuarias particulares.

Durante toda a semana estarán colocadas en cada unha das facultades do campus e na Casa das Campás unhas caixas elaboradas polos traballadores da Área de Planificación do campus cun cartel explicativo da campaña no que se poderán ir depositando todos aqueles dispositivos electrónicos como móbiles vellos, cargadores, radios, ordenadores... ou electrodomésticos aos que xa non se lles dea uso para que sexan recollidos e tratados por un xestor autorizado.

"Buscamos sobre todo recoller o material do día a día da comunidade universitaria, como cables, transformadores de ordenadores... pero tamén poden levarse calquera outro tipo de aparellos que empreguen electricidade ou baterías", explica Celso Cancela, director da Área de Planificación. O que queda totalmente prohibido é botar "lámpadas, baterías soas ou pilas, xa que teñen os seus contedores específicos". Ao final da semana os responsables da Oficina de Medio Ambiente da Universidade recollerán o material acumulado e levarano á varias empresas en Vigo especializadas no tratamento destes residuos.

Unha campaña periódica

A Área de Planificación prevé realizar unha cuarta campaña de recollida destes residuos antes de acabar o curso académico, momento no que a comunidade universitaria "se desfai de todo o acumulado durante o curso". Dependendo da resposta da xente, estas campañas poderían levarse a cabo de xeito periódico no campus.

Dende a organización destacan o éxito de edicións anteriores de esta campaña, que durante a última semana de recollida chegou a acumular ata 162 obxectos, entre eles 30 teléfonos móbiles, 34 cargadores, cinco impresoras, catro ordenadores e ata un televisor, un secador de pelo, un walkman ou un espremedor.

Na segunda edición desta semana a Casa das Campás foi o centro no que máis aparellos se recolleron, cun total de 55. Entre as facultades, as de Ciencias Sociais e da Comunicación, con 33 aparatos, e a Escola de Enxeñaría Forestal, con 25, foron os centros con maior implicación nesta iniciativa.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós