DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 26 de xaneiro do 2017

Filoloxía e Tradución acolleu a presentación da novela de Francisco Coimbra, finalista do Xerais 2016

Canto á diversidade lingüística na presentación de 'Crónica Córnica’

Anxo Angueira, Méndez Ferrín e XH Costas saúdan o nacemento “dunha nova estrela da literatura galega”


ImageOs escritores Anxo Angueira, Xosé Luis Méndez Ferrín e Xosé-Henrique Costas coincidiron este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución na presentación de Crónica Córnica, de Francisco Coimbra, finalista do Xerais de Novela 2016, un acto que contou coa participación do propio autor e que acabou converténdose nun auténtico canto á diversidade lingüística e ao amor polas palabras e as linguas, pois iso é o que é, entre outras moitas cousas, esta obra: “un intenso e metafórico berro literario a favor das linguas e contra a marxinación e as desigualdades económicas, culturais e sociais entre colectivos e pobos”l.

D. Besadío | Vigo
Os escritores Anxo Angueira, Xosé Luis Méndez Ferrín e Xosé-Henrique Costas coincidiron este xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución na presentación de Crónica Córnica, de Francisco Coimbra, finalista do Xerais de Novela 2016. O acto, que contou coa participación do propio autor, acabou converténdose nun auténtico canto á diversidade lingüística e ao amor polas palabras e as linguas, pois iso é o que é, entre outras moitas cousas, esta obra, “un intenso e metafórico berro literario a favor das linguas e contra a marxinación e as desigualdades económicas, culturais e sociais entre colectivos e pobos”, tal e como subliña na súa páxina web a editorial.

Crónica Córnica narra como inexplicablemente o condado de Cornualle, na illa de Gran Bretaña, esperta unha fría mañá de xoves ou de venres falando unha lingua extinta: o córnico. A partir dese feito, desenvólvese toda unha trama, escrita cunha linguaxe coidada e minuciosa, que supón unha profunda reflexión sobre a identidade e a represión lingüística, ambientada na Gran Bretaña de hoxe. Escrita por “un madrileño que aprendeu galego nos cursos de verán para estranxeiros”, tal e como lembrou Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, a novela é tamén “unha ficción sociolingüística preciosa non exenta de lirismo e moito humor”, na que o lector pode ver reflectidos “todos os tópicos sobre linguas grandes/pequenas, útiles/inútiles etc., espelladas en clave de humor e reivindicación”. Costas rematou a súa intervención cunha frase do propio libro, “non teñades medo de falar, tende vergoña só cando quededes calados e deixedes que outros falen por vós, disto vai esta novela”.

“Unha fantasía marabillosa que o revoluciona todo"

Ferrín aproveitou esta presentación para saudar o nacemento dunha “nova estrela da literatura galega”, e non dubidou en pedirlle a Francisco Coimbra que se incorpore “con outras obras ao noso eterno rexurdimento”, ao que engadiu que, “os galegos levamos máis de cen anos asustados con que un día o noso pobo deixe, aparentemente de xeito voluntario, de falar a súa lingua”, unha lingua “espléndida” que está moi presente en toda a novela e onde reside boa parte da súa “orixinalidade”.

Tamén na lingua, “base fundamental sobre a que traballa calquera escritor”, centrou a súa intervención Anxo Angueira, docente na facultade, que destacou “o forte carácter filolóxico dunha obra que conta un suceso estraño, unha fantasía marabillosa que o revoluciona todo”. A partires de aí, o tamén presidente da Fundación Rosalía, cuxos versos empregou na súa intervención, reflexionou sobre o celtismo e a solidariedade dos pobos celtas, a presenza do oral e do popular e tamén sobre “como o poder executa a represión do córnica, o que nos trae a cabeza o que sucede aquí e en tantos outros lugares”.

Francisco Coimbra, escritor e filólogo, galego ‘por narración’

Nado en Madrid e criado en Cataluña, Francisco Coimbra pasou varias tempadas en Santiago de Compostela e Ourense durante os anos en que estudou Filoloxía Románica. Máis tarde trasladouse ao Brasil, onde actualmente traballa como profesor de Lingüística no Departamento de Linguas Estranxeiras Modernas da Universidade Federal do Paraná, na cidade de Curitiba. “É un caso rechamante de alofonía na nosa literatura que xa de seu cómpre sobrancear”, resaltou Xosé-Henrique Costas, ao que Angueira engadiu que Coimbra forma xa parte dunha nova xeración de autores, entre os que destacou tamén a Isaac Xubín.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós