DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 01 de febreiro do 2017

Desenvolvida entre o 23 e o 27 de xaneiro no marco do proxecto Green Campus

O campus recolle 136 aparellos na terceira campaña de RAEEs

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación liderou a recollida, con 50 dispositivos, seguida da Casa das Campás


ImageDende aparellos propios de oficina como ratos, impresoras ou teclados ata electrodomésticos como microondas. O campus de Pontevedra envorcouse coa terceira campaña de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs), unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría e enmarcada no proxecto Green Campus que buscaba concienciar da importancia do correcto tratamento dos residuos electrónicos e que nesta edición conseguiu recoller un total de 136 aparellos de todo tipo: dende 32 cargadores, 15 auriculares, 13 cables, sete ratos e sete teléfonos móbiles, seis altofalantes, cinco impresoras ou catro radios ata CPUs, monitores, teclados, calculadoras, portátiles, mandos a distancia ou mesmo microondas, aspiradores, un espertador, un tocadiscos, unha prancha, unha depiladora ou un espremedor.

Noemí Rey | Pontevedra
Dende aparellos propios de oficina como ratos, impresoras ou teclados ata electrodomésticos como microondas. O campus de Pontevedra envorcouse coa terceira campaña de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs), unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría e enmarcada no proxecto Green Campus que buscaba concienciar da importancia do correcto tratamento dos residuos electrónicos e que nesta edición conseguiu recoller un total de 136 aparellos de todo tipo.

Entre os restos recollidos nas caixas elaboradas polos traballadores e traballadoras da Área de Planificación do campus destacan 32 cargadores, 15 auriculares, 13 cables, sete ratos e sete teléfonos móbiles, seis altofalantes, cinco impresoras ou catro radios. Pero na ampla listaxe de aparellos recadados nesta ocasión figuran CPUs, monitores, teclados, teléfonos coas súas bases, calculadoras, portátiles, mandos a distancia ou mesmo dous microondas e tres aspiradores, unha televisión, un MP4, un espertador, un tocadiscos, unha prancha, unha depiladora, un lector de CDs, un vídeo, unha sandwichera, un secador ou un espremedor.

O obxectivo desta iniciativa era recoller sobre todo o material do día a día da comunidade universitaria, pero tamén estaba aberta para que se depositara “calquera tipo de aparellos que empreguen electricidade ou baterías”, como explicaba o director da Área de Planificación, Celso Cancela. Os responsables da Oficina de Medio Ambiente da Universidade serán os encargados de trasladar o material acumulado a varias empresas de Vigo especializadas para o correcto tratamento destes residuos.

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, á cabeza

Nesta edición o punto de recollida no que se depositaron un maior número de aparellos foi a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, cun total de 50 residuos, o 36,7% do total, entre os que destacaban 13 cables, 5 ratos, 4 móbiles e 4 impresoras. Por escolas e facultades, séguelle Enxeñaría Forestal, con 9 dispositivos, Fisioterapia (6), Ciencias da Educación e do Deporte (5) e Belas Artes (3).

Non obstante, a campaña non se limitou a estes centros, senón que se situaron caixas de recollida tamén na Escola Infantil do campus, no Pavillón Universitario e na Casa das Campás. Destes tres puntos, a sede da Vicerreitoría foi onde se depositaron maior número de RAEEs, un total de 43, co que se sitúa en segunda posición no cómputo global. Entre o máis recollido neste punto destacaron cargadores (17) e auriculares (10). Precisamente son estes tamén os obxectos máis depositados no pavillón, no que se acumularon un total de 19 aparellos ao longo da semana.

Unha campaña con continuidade

A Área de Planificación prevé realizar unha cuarta campaña de recollida destes residuos antes de acabar o curso académico, momento no que a comunidade universitaria "se desfai de todo o acumulado durante o curso". Dependendo da resposta da xente, estas campañas poderían levarse a cabo de xeito periódico no campus, aínda que polo momento todas as edicións tiveron bastante éxito.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós