DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 21 de abril do 2017

O docente da FFT Anxo Fernández reúne máis de 300 pezas datadas entre os séculos XVIII ao XX

Unha colección única no mundo que aborda a creación da imaxe pública de tradutores e intérpretes

A vida cotiá, o espazo colonial ou as guerras, son algúns dos campos temáticos da colección


Image “Pura serendipia!” Así, como un descubrimento inesperado que se produce cando se está na procura de algo diferente, asegura o docente e investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Anxo Fernández que naceu Icoti, unha base de datos e colección material composta por documentos e representacións iconográficas centrada na creación da imaxe pública da persoa tradutora ou intérprete. Transcorrida máis dunha década desde aquel día no que Anxo Fernández, interesado na investigación dos modos en que a muller foi accedendo aos oficios da tradución, mercou unha postal dun intérprete árabe, Icoti foi sumando pezas ata acadar as máis de 300 actuais, o que a converte nunha colección única no mundo.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
“Pura serendipia!” Así, como un descubrimento inesperado que se produce cando se está na procura de algo diferente, asegura o docente e investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Anxo Fernández que naceu Icoti, unha base de datos e colección material composta por documentos e representacións iconográficas centrada na creación da imaxe pública da persoa tradutora ou intérprete. Transcorrida máis dunha década desde aquel día no que Anxo Fernández, interesado na investigación dos modos en que a muller foi accedendo aos oficios da tradución, mercou unha postal dun intérprete árabe, Icoti foi sumando pezas ata acadar as máis de 300 actuais, o que a converte nunha colección única no mundo “dedicada específica e extensivamente á iconografía de tradutores e intérpretes”, explica o docente e investigador.

Fotografías, fotografías estereoscópicas, telefotografías, diapositivas, negativos, placas de vidro, copias por contacto, páxinas de xornal, sobres, selos, postais, cartas, traducións xuradas, exemplares de leis, intérpretes de peto, insignias civís e militares, libros, dispositivos de tradución, un uniforme, algún xogo e brazaletes, integran a colección, que inclúe pezas que van do ano 1793 ata 1970. “O núcleo central, non obstante, componse de postais, fotografías e gravados de prensa dos anos 1870 aos anos 1920”, explica Anxo Fernández, que asegura centrar o seu interese en publicacións dos séculos XIX-XX “que conteñen filóns, principalmente en lingua francesa. O que máis me interesa son os debuxos editados en forma de gravados na prensa, porque veñen acompañados de artigos, atópanse variantes noutros medios, son representación dunha calidade a miúdo moi alta, son duradeiros e seguen a ser materiais relativamente económicos porque son escasamente valorados”.

Ás máis de 300 pezas que integran a día de hoxe Icoti, cómpre engadir toda a documentación anexa sobre cada un dos elementos que conforman a colección, documentación que en parte tamén se compón de pezas orixinais. Así, por exemplo, para contextualizar a aparición de tradutores xurados nos límites de París en gravados de prensa sobre a guerra francoprusiana de 1870 “é necesario dispoñer como mínimo dun abano representativo de gravados sobre os usos sociais nos límites de París nesa mesma época”, explica o docente, que nalgúns casos completa o cartafol con documentos orixinais ou con simples reproducións, das que extrae a información pertinente.

Unha colección con criterios claros que se iniciou poxando en eBay

Que a peza non sexa unha reprodución. Que o documento apunte explicitamente a presenza ou a pegada dun axente social que se designe como intérprete ou tradutor. Que o tema sexa relativamente accesible, de xeito que ofreza a posibilidade de documentarse, e que adquirila resulte o suficientemente económico. Este son os criterios principais cos que Anxo Fernández suma pezas a súa colección, que rexistrou as súas primeiras incorporacións a través de poxas en eBay. “Despois fixeime noutros sitios de venda e tamén debullo librarías de vello, cando me cadra, no estranxeiro. Hoxe coñezo provedores que con certa regularidade me fan propostas. Polo demais a miña actitude é bastante pasiva, pois traballo, como moita xente que elabora unha colección, filtrando masas de pezas, coma un mexillón colgado dunha batea…”, detalla Fernández.

Unha peza conmovedora

O docente e investigador da Facultade de Filoloxía e Tradución amósase remiso a elixir unha peza da súa colección asegurando que “non experimento ningunha satisfacción cando remexo nos acontecementos da máis brutal explotación colonial nin das guerras mundiais”. Non obstante, si hai unha peza que recoñece que lle conmove porque non é produto de ningún conflito “e pola contra parece un modesto antídoto da desigualdade”. Trátase da figura do escribán público e tradutor xurado tal e como se representaba e fotografaba na cidade de Nápoles nos anos 1870, “unhas das figuras más recoñecibles da paisaxe urbana napolitana e que responde a un prototipo que se atopa practicamente en todos os ámbitos urbanos, dende as prazas das cidades mexicanas ata os mercados vietnamitas”.

Trala exposición Parley-voo? Intérpretes da Primeira Guerra Mundial que o pasado mes de novembro organizou Anxo Fernández na Facultade Filoloxía e Tradución, o docente está a valorar a posibilidade de organizar actividades no centro arredor da tradución e a ciencia-ficción. Así mesmo, Icoti prestou en 2014 reproducións para a instalación dunha exposición permanente na Facultade de Tradución da Universidade de Graz en Austria. “Polo demais existe un grupo de traballo moi dinámico sobre a historia da tradución e interpretación principalmente composto por investigadores de Salamanca e Granada que levan organizadas varias exposicións con abundantes reproducións de iconografía e moi probablemente enceten unha interesante recolección de pezas”, explica Anxo Fernández.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós