DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 10 de febreiro do 2017

O campus de Vigo celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

120 miradas curiosas para fornecer un futuro en feminino para a ciencia e a tecnoloxía

Alumnas de tres institutos participaron en obradoiros e charlas para esperar as súas vocacións nestes eidos


ImageUnha elección de estudos estereotipada; unha reducida presenza feminina en cargos de responsabilidade; falta de recoñecemento público e de proxección das mulleres investigadoras... unha lista moi ampla de factores que se veñen arrastrando durante séculos e que desemboca en feitos tan ilustrativos como que existen 49 mulleres cun premio Nobel fronte a 833 homes. Rachar con estas barreiras, visibilizar a ciencia feita por mulleres e espertar as vocacións científicas e tecnolóxicas nas nenas para acadar unha sociedade igualitaria é o obxectivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora mañá 11 de febreiro. Con gallo desta data, a Universidade de Vigo apostou por atraer as miradas máis novas e curiosas das futuras profesionais cara a ciencia e a tecnoloxía coa xornada de relatorios e obradoiros Elas fan CienTec, na que participaron 120 nenas de 3º e 4º de ESO dos institutos República Oriental de Uruguai e Castelao de Vigo e o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui.

M. Del Río/L. Castro | Vigo
Unha elección de estudos estereotipada; unha reducida presenza feminina en cargos de responsabilidade; falta de recoñecemento público e de proxección das mulleres investigadoras... unha lista moi ampla de factores que se veñen arrastrando durante séculos e que desemboca en feitos tan ilustrativos como que existen 49 mulleres cun premio Nobel fronte a 833 homes. Rachar con estas barreiras, visibilizar a ciencia feita por mulleres e espertar as vocacións científicas e tecnolóxicas nas nenas para acadar unha sociedade igualitaria é o obxectivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora mañá 11 de febreiro. Con gallo desta data, a Universidade de Vigo apostou por atraer as miradas máis novas e curiosas das futuras profesionais cara a ciencia e a tecnoloxía coa xornada de relatorios e obradoiros Elas fan CienTec, na que participaron 120 nenas de 3º e 4º de ESO dos institutos República Oriental de Uruguai e Castelao de Vigo e o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui.

O obxectivo destas actividades, como explica Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade, é “animar as vocacións científicas e tecnolóxicas femininas para rachar coa elección estereotipada de estudos”. Neste sentido, destaca que é importante “ofrecer modelos de referencia femininos” e animar ás rapazas especialmente coas enxeñarías, onde o número de alumnas segue baixando. De feito, considera que na actualidade se continúa animado máis aos nenos a facer carreiras tecnolóxicas, “mentres que nas nenas subxace a idea de q son carreiras complicadas e q non o van poder facer ben”. Por iso ao longo desta xornada as 120 mozas coñeceron de preto as experiencias vitais e profesionais de estudantes, investigadoras e directivas relacionadas co eido científico e co tecnolóxico, referentes próximos e de primeira man, que se unen a nomes destacados da historia como Hipatia de Alexandría, Marie Curie ou Cecilia Helena Payne-Gaposchkin que, como lles explicou a catedrática e directora do Cinbio África González, “está considerada unha das dez científicas máis importantes da historia”. Ademais, para espertar as súas vocacións e que coñeceran de primeira man o que podería ser o seu futuro no eido da investigación científico-tecnolóxica, as rapazas participaron nunha serie de obradoiros “entretidos e sinxelos”, como destaca a directora da Unidade de Igualdade, “para que experimenten e descubran un mundo científico e técnico que as atraia e as anime a estudar esas carreiras”.

As rapazas dividíronse en dous grupos, un deles con interese no eido científico, que se dirixiu ao edificio de Ciencias Experimentais e o outro, que baralla para o seu futuro o campo das enxeñarías, que pasou o día na EE de Telecomunicación. No edificio de Ciencias Experimentais as rapazas foron recibidas polo reitor da Universidade, Salustiano Mato, que destacou a necesidade de derrubar as barreiras que frean o acceso da muller ao mundo da investigación. Con estas actividades “queremos espertar en vós a emoción do mundo científico, porque precisamos do voso talento para que a ciencia progrese”.

Acabar coa segregación horizontal

Para Anabel González Penín o problema está na “segregación horizontal” e explica que as nenas concéntranse nas ramas de letras e de coidados (enfermaría, educación e medicina, ultimamente) mentres que os homes nas enxeñarías e carreiras técnicas. Isto “é produto da diferente socialización de xénero que dende o mesmo momento do nacemento condiciona o noso desenvolvemento persoal e profesional e asigna unhas funcións ben diferenciadas para homes e para as mulleres”. A receita que lle deron as estudantes e docentes da Universidade de Vigo nesta xornada para acabar dos desigualdade no mundo científico contén en grandes doses “interese, curiosidade, esforzo e, sobre todo ilusión”, como explicaba a catedrática África González. “Necesitamos xente curiosa con ganas de cambiar o mundo, de facelo igualitario para que todos teñamos as mesmas oportunidades” e recomendoulles “ser perseverantes, non ter medo, cuestionar os dogmas, soñar, ter iniciativa, innovar e, sobre todo, non vos podedes esquecer de ser sempre independentes das vosas parellas”.

Sete experiencias que resumen o potencial feminino

Antes de comezar unha xornada de traballo en laboratorios, as nenas coñeceron as diferentes etapas da investigación a través dun vídeo con entrevistas a sete mulleres, científicas e tecnólogas na Universidade de Vigo, dende estudantes de doutoramento, a catedráticas, directoras de grupos de investigación, etc. A idea é que as nenas teñan dun xeito normalizado referentes femininos. Para iso coñeceron o traballo e experiencia de África González, directora do Cinbio; Verónica Salgueiriño, profesora do Departamento de Física Aplicada; Carmen Magariños, estudante de doutoramento de Tecnoloxía Multimedia; María Veiga, doutora en Enxeñaría de Minas; Ana Sousa, estudante de doutoramento na Facultade de Química; Soledad Torres, doutora en Telecomunicación e Antía Verde, estudante de doutoramento en Biotecnoloxía Avanzada.

Unha mañá nos laboratorios

Tras as charlas e proxeccións, divididas en grupos percorreron diferentes laboratorios para realizar unha serie de obradoiros que foron seleccionados por Verónica Salgueiriño e Soledad Torres, coorganizadoras do evento. As rapazas que optaron polo eido tecnolóxico tiveron a oportunidade de asistir a un obradoiro de LegoMindstorm, no que aprenderon a programar e probar robots; outro sobre programación Scratch para crear o seu primeiro programa co que animar unha serie de movementos dun avatar e un terceiro no que aprenderon a construír un transmisor de sons empregando a luz obtida dun punteiro láser.

As estudantes que participaron nas actividades do eido científico realizaron diferentes obradoiros relacionados coas titulacións de Bioloxía, Química e Ciencias do Mar. No eido da Bioloxía fixeron ensaios sobre patoloxías autoinmunes e sobre separación de glóbulos brancos a partir de sangue periférico. Nos laboratorio de Química prepararon un dos polímeros orgánicos máis utilizados no sector dos materiais plásticos e explicáronlles a posibilidade empregar un innovador material sintetizado no laboratorio con nanopartículas de ouro para tratar residuos empregando unha fonte de enerxía renovable como o sol. Finalmente, en Ciencias do Mar asistiron a un obradoiro centrado na síntese de nanopartículas dun material magnético e a súa manipulación; outro sobre a manipulación do ferrofluído resultante mediante un campo magnético in situ e outros experimentos nos que probaron a natureza magnética dalgúns materiais.

Unhas das actividades que tivo mellor acollida foi o obradoiro de LegoMindstorm, impartido por alumnos da EET. Mentres programaba un coche de lego para que se movese, María Prieto, de 14 anos, do IES Castelao, confesaba que lle gustaría estudar Enxeñaría Mecánica porque “me gusta dende sempre, por iso optei por vir a esta charla”. Rosalía Pumares e Danna Pombo, 16 e 17 anos respectivamente, tamén queren ser enxeñeiras, neste caso na rama da informática, porque como explicaba Danna “gústanme moito os ordenadores”. Ariadna González é outra das asistentes aos talleres e quere estudar “matemáticas pero interésame moito a programación”, sinala a alumna de 3º da ESO do IES República Oriental do Uruguai.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós