DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 13 de febreiro do 2017

Convócase un concurso de creacións audiovisuais arredor da obra da escritora galega

'RosalíaTe' facendo videopoemas de 20 segundos

Co gallo da celebración o 24 de febreiro do seu día


ImageO 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía e sumándose a esta conmemoración a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o campus de Ourense veñen de convocar o Concurso de Videopoemas RosalíaTe. Nel convídase aos membros da comunidade universitaria a presentar nunha videogravación feita co teléfono móbil na que se recite un pequeno fragmento ou estrofa dalgún poema da escritora galega. O obxectivo da iniciativa, explican os organizadores, é transmitirlle á sociedade a importancia da figura de Rosalía de Castro no ámbito sociocultural galego.

Rosa Tedín | Ourense
O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía e sumándose a esta conmemoración a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o campus de Ourense veñen de convocar o Concurso de Videopoemas RosalíaTe. Nel convídase aos membros da comunidade universitaria a presentar nunha videogravación feita co teléfono móbil na que se recite un pequeno fragmento ou estrofa dalgún poema da escritora galega. O obxectivo da iniciativa, explican os organizadores, é transmitirlle á sociedade a importancia da figura de Rosalía de Castro no ámbito sociocultural galego.

Segundo explica Isabel Mociño, profesora da Facultade de Ciencias da Educación promotora da iniciativa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra desde 2011, coa implicación de todo tipo de entidades, o Día de Rosalía. Este ano, engade, baixo o título RosalíaTe, “propón actividades nas que se coñeza, recoñeza, recree e actualice a obra da autora fundacional da literatura galega e a través dela fomentar a conciencia como pobo, especialmente entre as xeracións máis novas”. O campus de Ourense, sinala a docente, “únese ao movemento social de base ao redor do Día de Rosalía este ano que se cumpre o 180 aniversario do seu nacemento cunha serie de iniciativas, como son a convocatoria deste concurso de videopoemas e a celebración dun acto de conmemoración o día 24 de febreiro na Biblioteca Rosalía de Castro”. Nestas actividades participan a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Biblioteca Rosalía de Castro, a Facultade de Ciencias da Educación e a Área de Normalización Lingüística.

Requisitos e suxestións para participar

Ao certame poderá presentarse calquera persoa de xeito individual ou colectivo pertencente á comunidade universitaria da Universidade de Vigo, podendo enviarse só un traballo por persoa. A duración da videogravación non excederá os 20 segundos, sendo o fragmento elixido e a temática totalmente libres. O vídeo gravarase cun teléfono móbil coa maior resolución posible e en horizontal, aconsellándose os formatos mp4, mov, mpg, avi e wmv. Gravarase un plano fixo, sen facer zoom nin movementos bruscos, e en cor ou en branco e negro. Desde a organización inclúen na convocatoria unha serie de suxestións creativas, como que a montaxe busque reflectir, dende propostas creativas e diversas, o universo lírico e paisaxístico da obra de Rosalía de Castro. Tamén animan a que as achegas recollan elementos visuais propios da súa obra ou que se refiran a ela, dende calquera punto de vista, e que recollan o patrimonio natural e cultural do campus de Ourense. Para incidir na accesibilidade universal e a integración social, nas bases do certame indícase que pode resultar suxestivo incluír a linguaxe de signos ou a escrita nas propostas, citando como exemplo escribir algunha palabra ou verso en cartolinas que sexan lexibles ou nalgunha parte do corpo. Nas achegas pode aparecer máis dunha persoa compartindo a estrofa seleccionada e pódese experimentar con planos distintos.

Un xurado nomeado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense seleccionará os traballos pola súa calidade, orixinalidade e capacidade para visualizar as partes da obra de Rosalía menos populares. Os premios consistirán en lotes de libros, de discos e de elementos publicitarios do campus de Ourense. Os traballos seleccionados incluiranse nun audiovisual que se presentará o 24 de febreiro nas instalacións da Biblioteca Rosalía de Castro durante a celebración do Día de Rosalía e se exhibirá posteriormente na páxina web da Vicerreitoría e nas redes sociais. Os traballos poden enviarse ata o día 21 de febreiro de 2017.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós