DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 16 de febreiro do 2017

Mar韆 Victoria Carrera v閚 de realizar un estudo sobre o acoso e o ciberacoso

Os malos tratos verbais, a exclusi髇 social e a agresi髇 f韘ica, principais manifestaci髇s do 'bullying'

A investigadora enquisou a 623 adolescentes da cidade de Ourense


ImageTodas as condutas de bullying e ciberbullying estudadas prodúcense nos centros escolares ourensáns. Os malos tratos verbais, a exclusión social e a agresión física son as manifestacións máis habituais do acoso. En relación ao ciberacoso, as situacións de maior incidencia son enviar mensaxes ameazantes ou insultantes a outras persoas; escribir bromas, rumores, chismes ou comentarios que poñen en ridículo a un compañeiro ou compañeira ou difundir segredos, información ou imaxes comprometidas de alguén. Os mozos exercen máis significativamente estes comportamentos violentos e entre uns e outros os que máis agriden son os que teñen actitudes sexistas e racistas. Estas son algunhas das conclusións dun estudo que vén de realizar María Victoria Carrera, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, no que aborda estes fenómenos.

Rosa Tedín | Ourense
Todas as condutas de bullying e ciberbullying estudadas prodúcense nos centros escolares ourensáns. Os malos tratos verbais, a exclusión social e a agresión física son as manifestacións máis habituais do acoso. En relación ao ciberacoso, as situacións de maior incidencia son enviar mensaxes ameazantes ou insultantes a outras persoas; escribir bromas, rumores, chismes ou comentarios que poñen en ridículo a un compañeiro ou compañeira ou difundir segredos, información ou imaxes comprometidas de alguén. Os mozos exercen máis significativamente estes comportamentos violentos e entre uns e outros os que máis agriden son os que teñen actitudes sexistas e racistas. Estas son algunhas das conclusións dun estudo que vén de realizar María Victoria Carrera, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, no que aborda estes fenómenos desde unha perspectiva na que se atende tamén ás dimensións de xénero e etnia.

623 adolescentes enquisados

No estudo, financiado na convocatoria de axudas a proxectos de investigación INOU2016, participaron 623 adolescentes da cidade de Ourense, un 53% mozas e un 47% mozos, escolarizados nos dous últimos cursos de Educación Secundaria Obrigatoria do curso escolar 2016/2017, sendo a media de idade de 14.73 anos. “O obxectivo xeral da investigación oriéntase ao estudo da prevalencia do (ciber)bullying, así como a influencia dos estereotipos de xénero e as actitudes sexistas cara a diversidade sexual e etnocentristas na participación como agresor ou agresora nos diferentes tipos de malos tratos entre iguais”, comenta María Victoria Carrera. O bullying, lembra, “é un subtipo de comportamento violento constituído por accións negativas orientadas ás dimensións física e/ou psicosocial da vítima que se diferenza doutras situacións de conflito ou agresión polo seu carácter sistemático e deliberado, así como polo desequilibrio de poder entre agresor ou agresora e vítima”. Cando este acoso se realiza no espazo virtual, a través do teléfono móbil ou Internet, estaríamos falando de ciberbullying.

Os datos de incidencia

En relación á incidencia detectada no estudo feito, apunta a investigadora do campus de Ourense, todas as condutas de abuso e ciberabuso estudadas prodúcense nos centros escolares ourensáns, cunha relación inversa entre as condutas máis severas e a súa manifestación. En relación ao bullying as situacións máis frecuentes identificas, indica, “son os malos tratos verbais, a exclusión social e a agresión física” e as menos frecuentes “as coaccións de carácter sexual, as humillacións con insultos de carácter sexual ou obrigar a facer cousas con ameazas”.

En relación ao acoso por teléfono móbil ou Internet as situacións con maior incidencia detectadas son “enviar mensaxes ameazantes ou insultantes a outras persoas; escribir bromas, rumores, chismes ou comentarios que poñen en ridículo a un compañeiro ou compañeira; difundir segredos, información ou imaxes comprometidas de alguén; colgar ou enviar imaxes de compañeiros ou compañeiras que poden ser humillantes; apartar a alguén de modo intencional dun grupo nunha rede social ou enviar a outras persoas enlaces con rumores ou chismes sobre un compañeiro ou compañeira”. En canto ás situacións de ciberabuso con menor incidencia son “gravar vídeos ou facer fotos a un compañeiro ou compañeira nalgún tipo de comportamento de carácter sexual ou mentres é golpeado ou humillado por outras persoas, e colgar ou enviar estes vídeos e imaxes”. A incidencia detectada, apunta, “é similar á doutros estudos que a analizaron”.

Eles exercen máis o acoso

Atendendo ás diferenzas en función do xénero, nas condutas violentas analizadas, indícase no estudo, “obsérvase que os mozos exercen máis significativamente que as mozas tanto o bullying como o ciberbullying”. En canto á vitimización, engádese, “non atopamos diferenzas significativas en función do xénero, aínda que se observan maiores niveis de vitimización por acoso nos mozos, mentres que no caso do ciberacoso as puntuacións son maiores nas mozas”. Ademais, engade María Victoria Carrera, “como era previsible, os mozos apoian máis significativamente ao agresor ou agresora mentres que as mozas apoian máis significativamente ao defensor ou defensora da vítima”.

Entre as conclusións tamén se indica que se “observa que nas mozas aquelas que son máis instrumentais e máis sexistas hostís son as que máis exercen o acoso. No caso dos mozos, aqueles que máis agriden aos compañeiros ou compañeiras son tamén os máis racistas, os que teñen comportamentos máis negativos coas persoas que transgriden a norma de xénero así como os máis instrumentais e os menos expresivos”. En canto o ciberacoso, engade María Victoria Carrera, “aquelas mozas que máis o exercen son as máis instrumentais e as que teñen comportamentos máis negativos cara as persoas que non reproducen as normas de xénero.”

Promover actitudes positivas cara a diversidade sexual e cultural

Como conclusión do estudo, a investigadora recalca como “estes datos poñen de manifesto que para previr o fenómeno do (ciber)bullying é preciso levar a cabo programas educativos inclusivos que promovan a empatía e a ética do coidado, actitudes non sexistas, así como actitudes positivas cara a diversidade sexual e cultural”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con n髎