DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 22 de febreiro do 2017

O centro, que dirixe Xavier Labandeira, vén de celebrar os seus workshops anual e académico

Economics for Energy centra o seu esforzo en documentar as alternativas e efectos da transición enerxética en España


Image En xullo do ano 2010 e co obxectivo de desenvolver coñecemento rigoroso sobre diversos aspectos económicos relacionados co sector enerxético español e transferilo aos decisores políticos e á sociedade, nacía Economics for Energy. Case sete anos despois, o centro de investigación, integrado por 11 socios, entre universidades, fundacións e empresas de diversos ámbitos, centra o seu esforzo, como explica o seu director e catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira “en documentar as alternativas e efectos da transición enerxética que se ten que producir en España para dar cumprimento aos Acordos de París e ás estratexias da UE cara a descarbonización das economías”.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
En xullo do ano 2010 e co obxectivo de desenvolver coñecemento rigoroso sobre diversos aspectos económicos relacionados co sector enerxético español e transferilo aos decisores políticos e á sociedade, nacía Economics for Energy. Case sete anos despois, o centro de investigación, integrado por 11 socios, entre universidades, fundacións e empresas de diversos ámbitos, centra o seu esforzo, como explica o seu director e catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira “en documentar as alternativas e efectos da transición enerxética que se ten que producir en España para dar cumprimento aos Acordos de París e ás estratexias da UE cara a descarbonización das economías”.

Economics for Energy vén de celebrar en Madrid os seus workshops anual e académico, dúas actividades fundamentais do centro, nas que, no primeiro caso, tomaron parte unhas 50 persoas, entre directivos empresariais, responsables políticos e académicos para discutir sobre os principais desenvolvementos nas liñas de investigación do centro, como son a demanda enerxética, as políticas climáticas ou a innovación no sector enerxético. Mentres, no workshop académico reuníronse as e os principais investigadores españois que operan neste campo. “En xeral, o nivel de todos os relatores foi moi elevado”, asegura Labandeira, que destaca a conferencia aberta ante 300 persoas de Daniel Kammen da Universidade de California, Berkeley, que abordou as grandes potencialidades técnico-económicas das tecnoloxías limpas dentro do sector enerxético. “Se tivese que escoller outras dúas achegas, quedaríame coa análise de Luca Taschini do London School of Economics sobre o mercado europeo de comercio de emisións e a de Jim Watson do UKERC sobre innovación e enerxía”, engade o catedrático e director do centro.

Pouco a pouco cumprindo as expectativas

Transcorridos case sete anos da súa posta en marcha, Economics for Energy “pouco a pouco está cumprindo as expectativas e conseguindo os obxectivos para os que foi creado: dar luz, con rigor e información detallada ao debate enerxético-ambiental en España”, considera Xavier Labandeira, que destaca a boa acollida e a influencia que tiveron nos debates sobre estas cuestións os informes elaborados polo centro de investigación sobre a imposición enerxético-ambiental de 2014 e o de pobreza enerxética de 2015.

O centro, que conta cun pequeno núcleo de persoal investigador e de apoio administrativo propio, ademais de ter varios investigadores asociados, ten como socios neste intre a dúas universidades, dúas fundacións e sete empresas de diversos ámbitos, “este ano acaba de reincorporarse o Banco Santander e de entrar como socio Ferrovial”, explica o director de Economics for Energy, que lamenta que este tipo de institucións siga a ser en España, fronte aos países anglosaxóns, “unha rareza, o que complica que haxa un debate pausado e informado sobre asuntos de gran calado”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós