DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 23 de febreiro do 2017

A cita consistirá nunha xornada de portas abertas o 22 de marzo

O campus celebrará o Día Mundial da Auga con escolares das provincias de Ourense e Pontevedra

Co prazo de inscrición aínda aberto, son xa máis de 200 os estudantes apuntados


ImageDesde a posta en marcha do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, cada ano o 22 de marzo, declarado polas polas Nacións Unidas como o Día Mundial da Auga, convértese nun día de celebración nas instalacións universitarias ourensás. Este ano, o campus volverá a abrir as súas portas a estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra. Co gallo desta conmemoración, tamén se convida aos escolares a participar nun concurso de fotografía sobre os recursos hídricos. O prazo para inscribirse a calquera destas dúas actividades está aberto ata o 15 de marzo.

Duvi | Ourense
Desde a posta en marcha do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, cada ano o 22 de marzo, declarado polas polas Nacións Unidas como o Día Mundial da Auga, convértese nun día de celebración nas instalacións universitarias ourensás. Este ano, o campus volverá a abrir as súas portas a estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato das provincias de Ourense e Pontevedra. Co gallo desta conmemoración, tamén se convida aos escolares a participar nun concurso de fotografía sobre os recursos hídricos. O prazo para inscribirse a calquera destas dúas actividades está aberto ata o 15 de marzo.

Xornada de portas abertas

O Día Mundial da Auga é unha data que pretende concienciar ás persoas da importancia da auga doce e ao mesmo tempo promover a sustentabilidade da xestión deste recurso. Cada ano, na súa celebración destácase un aspecto específico, sendo nesta ocasión o elixido a auga residual. Tendo en conta estes aspectos, a Vicerreitoría do Campus de Ourense organiza o día 22 unha xornada de portas aberta das instalacións universitarias. O seu obxectivo é orientar ao alumnado sobre o seu futuro e dar a coñecer a investigación que se está a realizar no marco do Campus da Auga. Neste sentido, responsables dos diferentes centros universitarios do campus presentarán aos asistentes as diferentes titulacións que oferta a Universidade de Vigo en Ourense e as súas saídas profesionais. Asemade, persoal docente e investigador organizarán sesións teóricas e prácticas nas súas instalacións e laboratorios para dar a coñecer a investigación que están a realizar arredor da auga. Deste xeito, o alumnado poder ver e participar do proceso de determinación de amoníaco en augas residuais, de cultivos microbianos e de coagulación-floculación de augas residuais.

A xornada completarase coa presentación de diferentes servizos cos que conta o campus, como a Biblioteca Rosalía de Castro, os programas e a oferta cultural, as instalacións e actividades deportivas e o Gabinete Psicopedagóxico. Para pechar a programación, darase a coñecer o nome das gañadoras ou gañadores da terceira edición do Concurso Fotográfico Campus da Auga-Scholaris e procederase á entrega de premios. Co prazo de inscrición aínda aberto, son xa máis de 200 os estudantes apuntados.

Concurso de foto-relato para escolares

No marco desta programación co gallo do Día Mundial da Auga, a Vicerreitoría do Campus de Ourense tamén ten convocada a terceira edición do Concurso Fotográfico Campus da Auga (Edición Scholaris). O lema escollido para esta edición é Auga, Ciencia e Desenvolvemento Sustentable, co obxectivo de valorizar o recurso da auga e a súa correcta xestión, así como promover o coñecemento e visualizar o patrimonio que a provincia de Ourense ten no eido cultural en relación coa auga. Poden presentarse a este certame estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato da provincia de Ourense e Pontevedra matriculados no curso 2016/2017.

Para concursar deberase presentar unha obra (fotografía e relato) que debe facer énfase na xeración de conciencia para o coidado e preservación da auga, no seu uso eficiente e ou na reciclaxe da auga para usos domésticos ou industriais. A obra comporase dun texto (descrición, conto, relato, etc) acompañado dunha fotografía. As fotografías e o texto deberán ser creación do autor ou autora que a inscriba no concurso. Para os gañadores ou gañadoras haberá tres premios, os dous primeiros serán unha tableta e o terceio un lote de libros sobre cultura e patrimonio de Ourense. Coa selección das obras presentadas poderase realizar unha ou varias exposicións durante este ano. A data límite para a recepción de foto-relatos para este concurso é tamén o 15 de marzo de 2017.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós