DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 02 de marzo do 2017

Cada mes a Escola Superior de Enxeñaría Informática acolle un taller ao abeiro desta iniciativa

As últimas novidades en programación e tecnoloxía saen á palestra nos ESEI Dojos

O seu obxectivo é complementar a formación da comunidade universitaria


ImageA palabra 'dojo' é orixinalmente o termo empregado en Xapón para designar ao espazo destinado á práctica e ensino de meditación e artes marciais. Desde hai un tempo, no eido da tecnoloxía este termo tamén se emprega para pór nome a reunións de programadores que durante unhas horas determinadas traballan nun reto de programación. Seguindo esta idea, desde principios do curso 2011/2012, docentes da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense desenvolven os chamados ESEI Dojos, talleres que permiten aos membros da comunidade universitaria estar ao tanto das últimas novidades en programación e tecnoloxía.

Rosa Tedín | Ourense
A palabra 'dojo' é orixinalmente o termo empregado en Xapón para designar ao espazo destinado á práctica e ensino de meditación e artes marciais. Desde hai un tempo, no eido da tecnoloxía este termo tamén se emprega para pór nome a reunións de programadores que durante unhas horas determinadas traballan nun reto de programación. Seguindo esta idea, desde principios do curso 2011/2012, docentes da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense desenvolven os chamados ESEI Dojos, talleres que permiten aos membros da comunidade universitaria estar ao tanto das últimas novidades en programación e tecnoloxía.

Na organización dos ESEI Dojos participan os docentes da Escola Superior de Enxeñaría Informática Miguel Reboiro, Daniel González, José Baltasar García, José Ramón Méndez e Francisco José Ribadas. A iniciativa de pór en marcha estas actividades formativas, comenta Miguel Reboiro, naceu en outubro de 2011, cando xurdiu a oportunidade de que un egresado do centro, Pepe Doval, se achegase á escola a falar de TDD, o desenvolvemento guiado por probas de software. “Gustounos a idea dos 'dojo' como un sitio onde xuntarse, no noso caso para aprender e para practicar habilidades que pola súa novidade ou especificidade non entran dentro dos contidos habituais das materias”, explican desde a organización. Deste xeito naceron os ESEI Dojos como “talleres prácticos sobre linguaxes de programación e técnicas de programación de todo tipo no que o principal obxectivo é divertirse programando”.

Aprender nun ambiente de apertura, distensión e participación

Tras estes inicios, sinalan os responsables da iniciativa, os ESEI Dojos xa se teñen convertido nunha cita consolidada na programación do centro, cunha periodicidade que pode ser mensual ou cada dúas ou tres semanas, segundo as necesidades do calendario académico e dos relatores. Cun carácter eminentemente práctico e cun foco de interese sempre moi delimitado, indican desde a organización, estes talleres están destinados principalmente a complementar a formación do alumnado da Escola Superior de Enxeñaría Informática, pero tamén do profesorado interesado e doutros membros da comunidade universitaria, en temas relacionados coa programación e a tecnoloxía. “A maior parte do alumnado é da ESEI pero os talleres están abertos á participación ou á asistencia de calquera persoa interesada”, recalca Miguel Reboiro. A media de participantes por actividade, comenta, é moi variable segundo a temática de interese, oscilando entre as dez e as 40 persoas.

Os contidos dos talleres soen centrarse en dous eidos principais, ou ben na práctica dunha habilidade de programación concreta ou ben nalgunha tecnoloxía moi específica ou de actualidade. Ao longo destes anos de actividade dos ESEI Dojos téñense desenvolvido, por exemplo, talleres de principios de Solid, de modelado 3D con AutoDesk Maya, de novidades de Java 8 ou de programación con Google Go. Deste xeito, o obradoiro deste mes celébrase este xoves, día 2 de marzo, no laboratorio SO1 do Edificio Politécnico ás 17.00 h, impartindo Nuno Troitiño unha sesión sobre como prototipar ideas con Arduino e crear dispositivos propios. A docencia nesta iniciativa varía en cada taller, podendo ser nalgúns casos docentes da Escola Superior de Enxeñaría Informática, egresados ou egresadas que volven ás súas aulas para contribuír á formación do alumnado ou mesmo profesionais. “O que sempre intentamos nos talleres é fomentar un ambiente de apertura, distensión e participación”, subliñan por último desde a organización.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós