DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 06 de marzo do 2017

Portugués Perto iniciou a súa programación cun obradoiro sobre as vantaxes que proporciona este idioma

O galego, unha chave para acceder “case sen esforzo” ao mundo lusófono

O taller correu a cargo da filóloga Tamara Varela


ImageEsta semana o campus de Ourense celebra cunha nova edición de Portugués Perto a riqueza da lingua e da cultura lusófonas. Como arranque da programación, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolleu este luns un obradoiro no que a filóloga Tamara Varela, da Asociaçom Galega da Língua Agal, foi a encargada de explicarlle a alumnado do grao de Turismo as portas que lle pode abrir "case sen esforzo" a lingua galega no mundo lusófono. Coa súa intervención comezou unha programación na que este ano destaca a actuación de Quico Cadaval e da banda portuguesa Parapente 700.

Rosa Tedín | Ourense
Esta semana o campus de Ourense celebra cunha nova edición de Portugués Perto a riqueza da lingua e da cultura lusófonas. Como arranque da programación, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo acolleu este luns un obradoiro no que a filóloga Tamara Varela, da Asociaçom Galega da Língua Agal, foi a encargada de explicarlle a alumnado do grao de Turismo as portas que lle pode abrir "case sen esforzo" a lingua galega no mundo lusófono. Coa súa intervención comezou unha programación na que este ano destaca a actuación de Quico Cadaval e da banda portuguesa Parapente 700.

Aproveitando o común

Ao Obradoiro OPS! O galego como oportunidade competitiva e privilexiada asistiu o alumnado da materia Patrimonio Cultural, impartida pola antropóloga Fátima Braña no segundo curso do grao de Turismo. Seguindo o modelo dos obradoiros celebrados en anteriores edicións de Portugués Perto, a sesión tivo un carácter principalmente práctico co obxectivo de que os asistentes se fixesen conscientes das portas que lles abre o galego no mundo, non só desde un punto de vista de enriquecemento cultural senón tamén de desenvolvemento profesional. “A lingua é un patrimonio cultural fundamental e é necesario que o alumnado a teña en conta non só como un medio de expresión e identidade senón tamén de crecemento profesional”, explicou Fátima Braña. Este obradoiro, apuntou a docente, dá en cada edición moi bos resultados, abrindo ao alumnado asistente unha nova perspectiva sobre a lingua galega e a portuguesa.

“O obxectivo deste obradoiro é explicarlle ao alumnado as vantaxes competitivas que teñen como galegos e galegas grazas á nosa lingua”, explicou Tamara Varela antes da celebración do taller. Deste xeito, durante a súa intervención fixo un percorrido polo mundo lusófono, lembrando os países nos que se fala portugués. Tamén presentou aos asistentes diferentes ferramentas que poden empregar para “ler textos portugueses á galega”, tendo en conta a facilidade que teñen os galegos e galegas para abordar un texto en lingua portuguesa, aínda que a súa ortografía sexa diferente. A filóloga tamén fixo fincapé na súa intervención no eido do léxico, salientando o que é común ou o que nalgún momento o foi entre os dous idiomas. “Canto máis saibamos galego máis saberemos portugués”, recalcou neste senso Varela.

A lingua galega, apuntou a filóloga, “permítenos comunicarnos con toda a lusofonía”, destacando como nela se encadran países como Brasil, un país emerxente que pode ser destino laboral de calquera dos presentes no obradoiro. “Hai moitas grandes empresas que demandan persoal para ese e para outros países lusófonos e aí os galegos e galegas temos vantaxe”, afirmou. O esforzo que ten que facer un galego ou galega para comunicarse en portugués, recalcou Tamara Varela, “é mínimo” e as portas que abre moitas.

Máis programación ao longo da semana

As actividades de Portugués Perto continuarán ao longo da semana. O martes 7 de marzo, ás 20.00 h, Quico Cadaval volverá a actuar no campus de Ourense. O actor e narrador galego subirá ao escenario con Celso Sanmartín para deleitar ao público asistente cunha sesión de contos, entretemento e humor. Na mesma sala pero o día 8 de marzo realizarase a proxección de Vikingland 2016, unha peza de arte visual e sonoro realizada polo trío experimental Ulobit, formado por Horacio González, Xoán-Xil López e Ariel Ninas, sobre material de Vikingland, un filme de Xurxo Chirro con imaxes caseiras dun mariñeiro galego no Mar do Norte nos anos 90. O día 10 de marzo, Portugés Perto pechará a súa actividade cunha sesión que comezará cun Obradoiro de baile a cargo de Eva Parmenter e Denys Stetsenko, da banda portuguesa Parapente 700, e rematará coa celebración dunha nova edición de Venrespirar, unha festa tradicional itinerante por prazas da cidade de Ourense organizada polas asociacións Gomes Mouro e Algaravía. Todos os actos son abertos ás persoas interesadas e de balde.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós