DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 06 de marzo do 2017

Daniel Arenas estuda novas técnicas sobre retención de metais pesados en diferentes terreos

Premiada unha tese viguesa como a mellor do ano en Ciencias do Solo

É á terceira vez que a SECS premia as investigacións realizadas desde o grupo Plant and Soil Sciences


ImageA Sociedade Española de Ciencias dos Solo acaba de elixir como mellor tese do 2015 a do investigador vigués Daniel Arenas Lago, unha investigación na que se amplía, afonda e achega novos coñecementos sobre a capacidade de absorción e retención de metais pesados nos solos, unha cuestión cada vez máis preocupante porque moitos destes elementos son tóxicos para os organismos e poden entrar na cadea trófica producindo efectos nocivos no ser humano.
O premio, que recolleu hai uns días nun acto celebrado en Madrid, certifica a calidade do estudo de Arenas e, ao tempo, tamén a capacidade e solvencia do grupo de investigación Plant and Soil Science, liderado polo catedrático Manuel J. Reigosa, pois en menos de dez anos esta é a terceira vez que o galardón recae nun dos seus investigadores.

D. Besadío | Vigo
A Sociedade Española de Ciencias dos Solo acaba de elixir como mellor tese do 2015 (convocatoria 2016) a do investigador vigués Daniel Arenas Lago, unha investigación na que se amplía, afonda e achega novos coñecementos sobre a capacidade de absorción e retención de metais pesados nos solos, unha cuestión cada vez máis preocupante porque moitos destes elementos son tóxicos para os organismos e poden entrar na cadea trófica producindo efectos nocivos no ser humano.

O premio, que recolleu hai uns días nun acto celebrado en Madrid, certifica a calidade do estudo de Arenas e, ao tempo, tamén a capacidade e solvencia do grupo de investigación Plant and Soil Science, liderado polo catedrático Manuel J. Reigosa, pois en menos de dez anos esta é a terceira vez que o galardón recae nun dos seus investigadores: en 2009 foi para Flora Alonso, co-directora da tese de Arenas, por un estudo sobre a capacidade dos solos para reter cadmio, cobre e chumbo, e en 2013 para Verónica Asensio, autora dunha tese sobre avaliación da calidade dos solos de mina. “Estes tres premios amosan a capacidade de traballo do noso grupo, pese á escaseza de financiamento que existe en España en comparación con outros países da Unión Europea”, salienta Daniel Arenas, quen na actualidade se atopa realizando unha estancia no Institute of Enviromental Sciences na Universidade de Leiden cun contrato de postdoutoramento da Xunta de Galicia, que o manterá alí durante dous anos e o traerá de volta á Universidade de Vigo no terceiro ano de contrato.

“Recibir o premio da SECS non só é un orgullo, tanto para min como para as miñas directoras de tese, as profesoras María Luisa Andrade e Flora Alonso, senón unha oportunidade para seguir transmitindo a importancia que ten a conservación e o uso sostible do solo”, salienta o investigador, xa de volta nos Países Baixos, que fai tamén fincapé en que o galardón supón un aliciente para seguir traballando e investigando nunha área, a Edafoloxía, que, ao seu xuízo, non ten suficiente apoio a nivel universitario e institucional, principalmente nos plans de estudo. “Hai que recordar que o solo é un recurso natural non limitado, principal soporte da vida, e fundamental para a obtención dos alimentos, polo que debemos preservalo, xa que ademais actúa como barreira e depósito de contaminantes, evitando a súa transferencia a outras partes do ecosistema”, recalca o investigador.

Os resultados da tese foron publicados en doce revistas científicas de alto impacto

A tese de Daniel Arenas, defendida na Facultade de Bioloxía en xullo de 2015 e cuxos resultados deron lugar a unha ducia de publicacións en revistas científicas de alto impacto, afonda no papel que xogan as fases xeoquímicas amorfas e cristalinas do solo na distribución dos metais, estudando unha gran variedade de tipos de chans e os seus distintos horizontes. Neste senso unha das innovacións máis relevante deste estudo foi validar a efectividade do uso combinado de técnicas novidosas de obtención de imaxes espectroscópicas, practicamente non empregadas ata o de agora no estudo de solos, “xunto coa Microscopía Electrónica de Barrido por Emisión de Campo e a extracción química secuencial dos elementos tóxicos fixados, para comprender a súa interacción cos compoñentes do solo”, explica o investigador.

O uso desta técnicas fixo posible visualizar que son as asociacións entre os compoñentes do solo as que, conxuntamente, reteñen os metais e non cada compoñente individual, avaliando tamén a súa biodispoñibilidade, competencia, selectividade e mobilidade. “Comprobada a idoneidade destas técnicas aplícanse, xunto aos coñecementos adquiridos, ao estudo dun gran número de zonas afectadas por actividades extractivas, en cuxos vertedoiros, zonas de extracción e balsas de decantación, atópanse solos contaminados por metais pesados ou outros elementos tóxicos, procedentes das explotacións mineiras”, explica o investigador, que apunta que no caso concreto desta investigación se estudaron dúas minas, a luguesa de Rubiais e a coruñesa de Touro, e dúas canteiras de serpentinita: Penas Albas, en Moeche (A Coruña), e Campomarzo, en Silleda (Pontevedra).

Os resultados indican que as condicións destes solos inhiben o crecemento da vexetación e impiden o desenvolvemento dunha cobertura óptima, o que aumenta a erosión, favorece a perda de nutrientes e xera graves problemas de contaminación, “non só nas áreas estudadas, senón tamén nunha parte importante das zonas lindeiras, “polo que é preciso a súa recuperación e estabilización”.

Estes estudos de recuperación e estabilización realizáronse no grupo Linking Landscape, Environment, Agriculture And Food – Leaf, da Universidade de Lisboa, onde se estudou a resposta fisiolóxica de diferentes prantas que medran en minas e lugares contaminados da Faxa Piritica Ibérica en presencia de altos contenidos de metais.

Posdoutoramento nos Países Baixos

Xa de volta nos Países Baixos, o investigador vigués explica que elixiu este destino porque o grupo de investigación no que traballa, dirixido polo profesores Willie Peijnenburg e Martina Vijver, é un dos máis punteiros e importantes a nivel internacional, “como avalan as importantes publicacións que ten no seu haber”, salienta Arenas, que explica que elixiu os Países Baixos seguindo as recomendacións da codirectora da súa codirectora de tese, Flora Alonso, “cuxa experiencia como posdoc neste país foi moi positiva”.

.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós