DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 08 de marzo do 2017

Varios centros uníronse á campaña internacional de paro laboral feminino de 12 a 12.30 horas

Vigo súmase á conmemoración do Día Internacional da Muller

Con gallo desta data, celebrouse tamén unha semana deportiva en clave feminina


ImageO campus de Vigo sumouse este mércores aos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller con varias iniciativas para reclamar a igualdade real de xénero. Varios centros adheríronse á convocatoria internacional de paro feminino de 12 e 12.30 horas á que estaban chamados máis de 50 países. O edificio de Ciencias Experimentais foi un dos puntos nos que tiveron lugar concentracións de alumnas, profesoras e traballadoras de administración e servizos. Con estas iniciativas, que teñen o seu precedente en Islandia en 1975, as organizacións feministas chamaron ás mulleres a un paro laboral de media hora en centros de traballo e institucións académicas para amosar que “sen nosoutras non se move o mundo”.

Duvi | Vigo
O campus de Vigo sumouse este mércores aos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller con varias iniciativas para reclamar a igualdade real de xénero. Varios centros adheríronse á convocatoria internacional de paro feminino de 12 e 12.30 horas á que estaban chamados máis de 50 países. O edificio de Ciencias Experimentais foi un dos puntos nos que tiveron lugar concentracións de alumnas, profesoras e traballadoras de administración e servizos. Con estas iniciativas, que teñen o seu precedente en Islandia en 1975, as organizacións feministas chamaron ás mulleres a un paro laboral de media hora en centros de traballo e institucións académicas para amosar que “sen nosoutras non se move o mundo”. A pesares de que o chamamento inicial era a un paro feminino, ás concentracións dos tres campus da Universidade sumáronse alumnos e traballadores comprometidos coa loita pola eliminación das desigualdades e discriminación por razón de xénero e contra a violencia machista.

Paralelamente, o campus vigués acolle tamén dende o luns a Semana da Muller no Deporte, unha iniciativa que trata de fomentar a actividade física entre alumnas, profesoras e traballadoras a través de actividades de balde que comprenden clases de aquagym, hipopresivos, defensa persoal ou running. Este mércores a cita foi no pavillón universitario no que se celebrou unha sesión de zumba. A iniciativa, posta en marcha por un alumnos dentro do programa UTOP-Liderado e Deporte, trata de reverter a situación actual, na que as mulleres teñen moi escasa presenza nas actividades do Servizo de Benestar, Saúde e Deporte, especialmente nas ligas universitarias, que no curso pasado contaron coa participación de 1452 homes fronte a tan só 92 mulleres.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós