DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 08 de marzo do 2017

O campus sumouse con diversos actos ás reivindicacións do Día Internacional da Muller

Na loita pola igualdade só se para para coller impulso

Membros da comunidade uníronse á campaña internacional de paro laboral feminino de 12 a 12.30 horas


ImageO campus de Ourense tamén foi escenario este mércores 8 de marzo, Día Internacional da Muller, de diversas accións que tiveron como obxectivo último reivindicar a igualdade de xénero. Por unha banda, membros da comunidade universitaria sumáronse á campaña internacional de paro laboral feminino convocado en máis de 50 países por diferentes entidades. Por outra banda, Cruz Vermella Ourense elixiu as instalacións universitarias para presentar a súa campaña E ti... que fórmula empregas?, desenvolvendo co alumnado un xogo que tivo como fin afondar na concienciación sobre a falta de igualdade real entre homes e mulleres.

Rosa Tedín | Ourense
O campus de Ourense tamén foi escenario este mércores 8 de marzo, Día Internacional da Muller, de diversas accións que tiveron como obxectivo último reivindicar a igualdade de xénero. Por unha banda, membros da comunidade universitaria sumáronse á campaña internacional de paro laboral feminino convocado en máis de 50 países por diferentes entidades. Por outra banda, Cruz Vermella Ourense elixiu as instalacións universitarias para presentar a súa campaña E ti... que fórmula empregas?, desenvolvendo co alumnado un xogo que tivo como fin afondar na concienciación sobre a falta de igualdade real entre homes e mulleres.

Paro reivindicativo

A pesar de que o chamamento inicial era a un paro internacional feminino, ao paro e ás concentracións celebradas nos tres campus da Universidade sumáronse tamén alumnos e traballadores comprometidos coa loita pola eliminación das desigualdades e discriminación por razón de xénero e contra a violencia machista. No caso do campus de Ourense, as concentracións tiveron lugar na entrada do Edificio Politécnico e na do Edificio Xurídico-Empresarial. Entre as persoas participantes na concentración do Edificio Politécnico estivo María Lameiras, responsable do grupo de investigación en Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo. “Lamentablemente o día 8 de marzo segue sendo hoxe máis que nunca un día para reivindicar. Estamos de loito polas mulleres que xa foron asasinadas neste ano tráxico. Necesitamos un pacto de estado para combater esta lacra que segue azoutando ás mulleres e que ten a súa manifestación máis dura na violencia de xénero”, destacou a docente. No Edificio Xurídico-Empresarial, entre as persoas participantes había unha destacada representación do alumnado, convocado entre outras entidades pola Delegación de Alumnos e Alumnas da Facultade de Dereito, que animaron aos estudantes a deixar durante cinco minutos as aulas para sumarse a este paro tanto ás 12.00 h como ás 18.00 h.

Canto sabes de igualdade?

O alumnado universitario do campus de Ourense tamén tivo a oportunidade de participar nos actos organizados co gallo do 8 de marzo a través da iniciativa de Cruz Vermella E ti... que fórmula empregas?. Técnicos desta entidade desenvolveron un xogo que titularon Sábelo? Non o sabes? que consistiu en levar este formato de xogo a temas relacionados coa igualdade, habendo un pequeno agasallo para os participantes. Ao mesmo tempo que o alumnado poñía a proba os seus coñecementos tamén aprendía cuestións relacionadas coa igualdade. Deste xeito, entre as preguntas realizadas estiveron: "cantos días ten que traballar de máis unha muller para igualar o salario dun home?", sendo a resposta máis de 100 días; ou "cando lograron as mulleres o dereito ao voto?", sendo a resposta 1918. Tamén se lle preguntou aos membros da comunidade universitaria se coñecían o termo “sororidade”, termo que definiron como “a solidariedade e a alianza entre mulleres para defender, apoiarse e loitar contra a discriminación e os problemas compartidos polo feito de ser mulleres”. Belén Cuquejo e Victoria Rodríguez, responsables en Cruz Vermella Ourense de Muller e Xuventude respectivamente, salientaron durante a celebración desta iniciativa a importancia de incidir na loita pola igualdade entre as novas xeracións e neste caso entre os futuros docentes que se forman no Edificio de Ferro onde se levou a cabo esta acción.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós