DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 10 de marzo do 2017

O campus acolle a celebración dunha nova edición do obradoiro sobre este instrumento

Os xoves toca gaita

A formación introduce aos participantes na música tradicional galega


ImageA programación de obradoiros que ofrece neste segundo cuadrimestre a Vicerreitoría do Campus de Ourense está nestas datas en pleno desenvolvemento. Entre as propostas que saíron a diante nesta edición está o Obradoiro de Gaita Galega, que por cuarto curso consecutivo volve a facer que resoe a música tradicional nas instalacións universitarias. Cada xoves, de 19.00 a 22.00 horas, unha ducia de persoas de perfís e inquedanzas moi diversas danse cita no Pavillón de Asociacións para, en moitos casos sen coñecementos previos, comezar a familiarizarse cos instrumentos máis significados da música galega.

Duvi | Ourense
A programación de obradoiros que ofrece neste segundo cuadrimestre a Vicerreitoría do Campus de Ourense está nestas datas en pleno desenvolvemento. Entre as propostas que saíron a diante nesta edición está o Obradoiro de Gaita Galega, que por cuarto curso consecutivo volve a facer que resoe a música tradicional nas instalacións universitarias. Cada xoves, de 19.00 a 22.00 horas, unha ducia de persoas de perfís e inquedanzas moi diversas danse cita no Pavillón de Asociacións para, en moitos casos sen coñecementos previos, comezar a familiarizarse cos instrumentos máis significados da música galega.

Con 30 horas de duración, o taller, que se oferta cada cuadrimestre, pretende dar a coñecer a gaita galega e o seu contexto, ofrecendo un programa no que se inclúe unha introdución á música tradicional, ás técnicas de gaita, aos tipos de dixitalización, ao estudo do repertorio, á afinación, á ornamentación e á percusión e aos combos instrumentais tradicionais. Por cuarto curso consecutivo, o gaiteiro ourensán Gonzalo Abelairas, que conta cunha dilatada traxectoria impartindo docencia neste eido, é o encargado de ofrecer o obradoiro. “Estamos moi satisfeitos coa receptividade que ten o curso e cos seus resultados. Este cuadrimestre todas as persoas inscritas veñen de facer xa o obradoiro do primeiro cuadrimestre, o que amosa como lles gustou e como queren seguir aprendendo música tradicional”, comenta o músico.

Dous niveis de traballo

O perfil dos participantes, sinala Gonzalo Abeiras, é moi diverso, sendo máis da metade dos participantes membros da comunidade universitaria e o resto de fóra dela. A maior parte deles comezaron no primeiro cuadrimestre a familiarizarse coa gaita e a música galega tendo cero ou moi poucos coñecementos previos. En consonancia con este perfil, explica o docente do curso, “aproveitando o feito de que temos dúas salas para impartir o obradoiro, temos formado dous grupos, un de iniciación e outro de nivel medio”. Aínda que cada grupo vai traballando en función das súas características, apunta, hai unha parte de formación común na que os dous niveis se xuntan para coñecer cuestións como a preparación do instrumento, a dixitación, o repertorio ou nocións básicas de percusión. “O que máis custa é empezar a tocar, arrancar, perderlle o medo a tocar. Unha vez que se empeza logo xa é moito máis doado”, recalca o músico ourensán. Deste xeito, sinala, algúns dos participantes no obradoiro xa están comezando a “lanzarse” a tocar fóra da aula de formación, para amigos e familiares, e xa se atreven con pezas sinxelas.

“A xente responde moi ben a este curso. Cando o puxemos en marcha fixémolo pensando en crear co tempo un grupo de música tradicional estable no campus e pouco a pouco vanse dando pasos nese camiño”, comenta pola súa banda Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense. Despois de catro curso impartíndose, o obradoiro, engade, mantén unha matrícula estable e vai consolidándose nunha oferta cultural universitaria na que tamén hai un Obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego e actividades formativas e lúdicas puntuais relacioandas coa música galega, como a celebración este venres dunha nova sesión de Venrespirar no marco da programación de Portugués Perto. O obxectivo a longo prazo para esta iniciativa é continuar con esta consolidación entre a comunidade universitaria e acadar unha madurez suficiente como para transformar o que hoxe é un obradoiro nunha aula cultural similar ás que xa existen noutras áreas culturais, como o teatro e a danza.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós